Desaloxo policial no peche por Palestina da USC: "Cómpre practicar a democracia escrupulosamente", di o reitor

Participantes no peche da USC, ante a Facultade de Xeografía e Historia, o pasado 10 de xuño CC-BY-NC-SA Peche USC

Participantes na Asemblea Aberta por Palestina manteñen que o desaloxo non foi "nin de lonxe, pacífico" e a Universidade resalta que decidiu chamar á Policía "tras esgotar calquera posibilidade de diálogo"

A piques de facer un mes, o peche do estudantado da Universidade de Santiago agrupado na Asemblea Aberta por Palestina chega á súa fin. A acampada iniciada na Facultade de Xeografía e Historia, que virou en indefinida na segunda quincena de maio, estendeuse a principios desta semana á sede da Reitoría, no Pazo de San Xerome -ao pé da Praza do Obradoiro-. E foi nese punto cando as autoridades académicas decidiron propiciar a intervención policial.

Tras unha xornada na que o alumnado mobilizado acusou a Universidade de "continua invisibilización da nosa constante intención de diálogo" ou de esixir "o abandono das ocupacións activas" -en Historia e San Xerome- como "condición" para "avanzar no diálogo", a intervención policial chegou contra as 6 da madrugada deste mércores. 

Sentada na Praza do Obradoiro de participantes no peche por Palestina tras o desaloxo da Reitoría

Tras pechárense na Facultade de Historia, o peche estendeuse esta semana á sede da Reitoría

"Debemos practicar a democracia escrupulosamente", advertía pouco despois o reitor, Antonio López, a través dun comunicado oficial, no que lembra que a "ocupación foi medrando" dende o seu inicio, "impedindo a celebración de exames" ou dunha xuntanza do Consello de Goberno da Universdade. E, dende este pasado luns, impedindo tamén "a entrada do persoal" que traballa na Reitoría. Por iso, e "tras esgotar calquera posibilidade de diálogo", subliña, "comuniquei á Delegación do Goberno a situación o obxectivo de recuperar a convivencia democrática e o funcionamento ordinario da institución".

Mentres ultimas novas mobilizacións, o estudantando que conforma a Asemblea mantén que o desaloxo non foi, nin de lonxe, "pacífico". "Chegaron berrando. A unha compañeira espertárona cun porrazo nas costelas. A outra cun porrazo na perna. A outro compañeiro non lle deixaron nin poñer o pantalón. Outra compañeira foi ameazada coa Lei Mordaza por pretender gravar o desaloxo", relatan.

Inicio da ocupación da Reitoría da USC, este pasado 10 de xuño

O reitor, pola súa banda, lamenta chegar a este escenario de desaloxo porque "o equipo de goberno que dirixo dialogou sempre que tivo interlocutores" para "tentar reconducir comportamentos que son inaceptables nun espazo universitario como é o que conforma a nosa comunidade". Máis aínda, di, cando o Consello de Goberno xa puxo en marcha este pasado martes "a Comisión para o desenvolvemento de accións a prol da comunidade universitaria de Palestina".

O reitor bríndase a "continuar a dialogar" para "dar a mellor resposta á inaceptable situación que está a vivir o pobo palestino"

Neste sentido, o máximo dirixente da institución compostelá bríndase a "continuar a dialogar" para "entre todas e todos, dar a mellor resposta á inaceptable situación que está a vivir o pobo palestino". Nesta liña enmárcanse os compromisos pechados pola universidade co colectivo estudantil Erguer, como romper relacións coas universidades ou empresas israelís que non acepten un estado palestino.

O estudantado que participou nos peches agora desaloxados, en calquera caso, advertía antes da intervención policial que a súa intención é "non recuar fronte a unha banal presión imposta pola reitoría". "Así como non cesan os bombardeos, tampouco cesará a nosa actividade", afirman. A seguinte protesta é este mesmo mediodía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.