Facer da moda un sector sostible: "Onde vai o planeta coa roupa de usar e tirar que temos agora?"

Prendas de roupa colgadas en perchas CC-BY-SA Los Muertos Crew

Pode unha camiseta custar cinco euros e que a persoa que recolleu o algodón co que está feita reciba un salario digno?

Pode unha camiseta custar cinco euros e que a persoa que recolleu o algodón co que está feita reciba un salario digno? Esta é case unha pregunta retórica, pois a resposta é evidente: non. O mercado produce milleiros de prendas que ninguén chegará a poñerse, que rematan en países pobres formando montañas inertes. Pero a roda segue xirando e xa hai novas coleccións en todos os escaparates (e nas pantallas) que se adiantan ao fresco do outono. Mentres, pequenas marcas nadan nun océano de competidoras onde cada vez hai máis compradoras e compradores que elixen máis e mercan menos.

Olalla Casás e Sara Álvarez son as responsables da tenda La Böcöque en Cangas, para a que tamén producen a súa propia liña de roupa. Contan que resulta moito máis difícil e máis caro sacar unha colección de prendas de vestir a pequena escala e coidando os detalles. “É moi complicado atopar talleres que acepten producións pequenas e a pouca cantidade penaliza en canto a prezos. Resulta moi difícil acadar un equilibrio para que resulte rendible tanto para o taller como para a marca, e normalmente a forma de conseguilo é a costa de reducir a nosa marxe de beneficio”, aclaran.

Os irmáns Francisco e Patricia Soto están detrás das creacións téxtiles de La Canalla © Eduardo Armada

Pequenas marcas nadan nun océano de competidoras onde cada vez hai máis compradoras e compradores que elixen máis e mercan menos: "O importante é ir facendo cambios, por pequenos que parezan, para ir conseguindo melloras tanto social coma medioambientalmente"

Para estas creadoras e empresarias do Morrazo resultaría “inviable” poñer á venda unha camiseta a cinco euros porque “non cubrirían nen o custo do tecido necesario para facer unha prenda”. “Os nosos prezos están calculados para que sexa viable asumir o traballo para todas as partes”, salientan.

Consumo responsable

Quen chega a La Böcöque xa o fai coa idea do consumo responsable aprendida, pois leva unha década funcionando, pero quen comeza no sector da moda asume que ten que explicarllo á xente interesada. “Dentro da nosa estratexia de marca xa tiñamos previsto crear conciencia sobre o que custan as cousas”, di Lupita Hard, artista multidisciplinar que vén de crear a súa propia marca, Musa Rota, xunto á súa parella.

“Aproveitamos os primeiros comentarios sobre os prezos das primeiras prendas que presentamos para mostrar por que valen o que valen. Para min é algo positivo porque un dos nosos obxectivos é colaborar a educar en como consumir, creo que a xente está acostumada a mercar fast-fashion porque só ve o prezo da prenda, pero se analizas a porcentaxe de beneficio que teñen esas prendas verás que é moito maior que unha das nosas porque a parte que hai detrás non se ve”, sinala Lupita Hard, que sacou en xullo a súa primeira colección de Musa Rota.

"Para min a idea de consumo responsable tamén é que as persoas sexan conscientes de como se fan as cousas, de onde veñen e quen as fai", di Lupita Hard

“Para min a idea de consumo responsable tamén é que as persoas sexan conscientes de como se fan as cousas, de onde veñen e quen as fai. No momento no que es consciente podes decidir actuar dunha maneira ou doutra, non hai que xulgar a ninguén, pero si creo que debemos explicar o que hai detrás de que unha camiseta teña un prezo de dez euros: canto custa esa tela ou canto cobra a persoa que a fixo? A prenda que chega a nós como consumidores a través dunha tenda vén dun tecido, pasou por varias máquinas e en cada unha delas traballa mínimo unha persoa, foi transportada, etc. Pasa por unha serie de procesos que a xente non ten en conta porque tampouco se fala diso”, engade Lupita Hard.

Con todo, a co-responsable de Musa Rota valora a tendencia de que máis persoas se preocupen polo impacto na fabricación téxtil e en que condicións medioambientais se produce a roupa que leva. “Aínda así, a barreira dos prezos está aí. Cada un é responsable de como xestiona as súas decisións, no meu caso prefiro mercar unha prenda que sei que está ben feita fronte a outras dez prendas de fast fashion”, engade a artista afincada en Vigo. Esa moda ‘rápida’ á que se refire está presente en todas as grandes superficies e aparece en anuncios online e nas redes sociais constantemente.

Olalla Casás e Sara Álvarez, responsables da tenda La Böcöque, con tecidos para a súa colección © La Böcöque

"Hai evolución, pero no mundo da moda aínda hai moito que facer para conseguir que sexa un sector sostible", din as responsables de La Böcöque

As responsables de La Böcöque viron como nestes anos aumentaron as persoas que se cuestionan os modelos de produción e de consumo e que apostan polo comercio de proximidade e as marcas pequenas a hora de adquirir a súa roupa. Tamén perciben que a clientela está cada vez máis informada ao respecto, o que para elas demostra o interese crecente. “Este é un camiño de longo percorrido, tanto para as marcas coma para os consumidores. O importante é ir facendo cambios, por pequenos que parezan, para ir conseguindo melloras tanto social coma medioambientalmente. Hai evolución, pero no mundo da moda aínda hai moito que facer para conseguir que sexa un sector sostible”, defenden. 

“Estamos nunha sociedade de hiperconsumo, teñas un poder adquisitivo baixo ou alto. Este capitalismo tremendo imbuíu a toda a sociedade, se hai camisetas a 2,5 euros sempre vai haber algo accesible para alguén –sinala Francisco Soto, que xunto á súa irmá Patricia Soto está detrás das creacións de La Canalla–. Canta inxustiza medioambiental e social ten que haber detrás desa prenda para que se poña en Europa a ese prezo? O que non está callando na sociedade é o cambio de paradigma que hai que acometer tanto no sistema económico como no sistema de produción”. 

"O que non está callando na sociedade é o cambio de paradigma que hai que acometer tanto no sistema económico como no sistema de produción", sinala Francisco Soto

"A mellor roupa é a que xa está feita"

Na última década, La Canalla puxo en marcha varios proxectos co horizonte na reutilización das prendas de vestir (pero non só) e nun consumo consciente. Iniciativas como Soños, que consistiu en producir unha edición limitada de sabas de algodón orgánico de comercio xusto feita en Galicia, ou La Canalla ao rescate –coa que continúan– na que buscan darlle unha nova vida a prendas (de calidade) cun valor sentimental porque “a mellor roupa é a que xa está feita”, din, “por iso a xente nova busca agora roupa de segunda man”.

“Como cidadáns conscientes temos que asumir que hai que mudar as cousas e que eses cambios van supoñer renuncias que teremos que facer na nosa vida. Non pode custar un billete de avión 15 euros, non é só a moda. Temos que ir cara a unha sociedade máis xusta economicamente para non deixar fóra do benestar a máis da metade da poboación mundial. É difícil conciliar unha cousa coa outra, pero penso que o que ten que cambiar é o sistema”, asevera Francisco Soto.

Traballar con tecidos coa certificación GOTS –o estándar internacional que garante procedementos de produción e transformación orgánicos– non abonda, salienta Soto, que aposta por engadir á ecuación o selo Fairtrade, que certifica produtos de comercio xusto en todo o mundo e presta especial atención as condicións laborais das e dos profesionais que interveñen na fabricación desa prenda en cada un dos pasos ata que chega á venda.

Modelos coas primeiras camisas deseñadas por Musa Rota © Musa Rota

“De todos os xeitos, se os niveis de produción seguen así –sexa en tecido convencional ou ecolóxico– o planeta non dá. Non podemos fixarnos só no ecolóxico e seguir producindo ao mesmo ritmo. Fai uns meses distribuíronse imaxes do deserto de Atacama (Chile) con montañas de roupa dunha coñecida empresa de fast-fashion e sábese que hai roupa de exceso de produción que se manda cara a África constantemente. A ecoloxía ten que ter en contra os excedentes de produción porque por moito que sexa produción ecolóxica, onde vai o planeta coa roupa de usar e tirar que temos agora?”, cuestiona Soto, de La Canalla. 

Produción sen riscos

Lara Lorenzo e Yago Álvarez crearon en 2016 Lovelydisgraze en Ourense, viñan de traballar nunha gran empresa do sector téxtil e querían participar de todos os pasos da creación das prendas. Teñen o taller debaixo da casa e producen a demanda en función dos pedidos que reciben a través da súa tenda online.

"Non podemos arriscarnos a unhas cantidades industriais. Quizá é unha cousa máis exclusiva", destaca Lara Lorenzo de Lovelydisgraze

“Producimos en Portugal a prenda base de algodón, por exemplo, e a partir de aí nós estampamos e facemos as diferentes cousas que leve o deseño no noso taller. Hai certas cousas que non podemos fabricar porque non temos espazo ou prendas que teñen partes máis complexas, como son os abrigos. Podemos facer un de proba, pero toda a tirada de tallas resulta imposible. Ou un pantalón vaqueiro, temos que encargar a produción da prenda ‘limpa’ para despois nós customizalo”, explican.

Van coa furgoneta ata unha fábrica no norte de Portugal coa que traballan, pero miden moito o número de prendas que encargan: “Non podemos arriscarnos a unhas cantidades industriais. Quizá é unha cousa máis exclusiva”, destaca Lara Lorenzo. Teñen clientela que permanece desde os inicios da marca coa que manteñen unha pequena comunidade a través das redes, que tamén lles salvaron na pandemia porque puideron reinventarse para estampar unhas máscaras de tea que se venderon moi ben. Con todo, din que estes anos pareceron máis “unha montaña rusa” que unha curva de crecemento só ascendente, por iso miden cada paso.

Unha modelo con prendas da marca ourensá Lovelydisgraze © LOVELYDISGRAZE

"Reciclando, se mercas un bo produto e non camisetas que duran un verán, podes gastar un pouco máis para ter esa boa prenda que che dure anos", din desde Lovelydisgraze

“Queremos medrar a nivel social, que a xente coñeza a marca, e dedicarnos a seguir creando roupa; pero non queremos comernos o mundo”, argumenta Yago Álvarez, porque para crecer moito terían que perder parte do que os levou ata aquí, e de momento ambos poden vivir de Lovelydisgraze. As súas prendas apareceron en series de éxito como Élite e a súa clientela é moi nova. Consideran que as novas xeracións están moi concienciadas, pero tamén son moi esixentes. Ambos ven na reciclaxe unha solución para os niveis de consumo actuais.

“Reciclando, se mercas un bo produto e non camisetas que duran un verán, podes gastar un pouco máis para ter esa boa prenda que che dure anos. Entendo que a todos nos gusta cambiar, tampouco é que teñas que estar co mesmo suadoiro todo o verán, pero tendo varias prendas boas pode ser unha boa maneira de diminuír o consumo xeral”, propón Lorenzo. “E tampouco tes que gastar moito máis realmente, non hai que mercar suadoiros de 500 euros para que sexan bos”, agrega Álvarez.

“Canto mellor o queres facer en base aos teus valores, máis complicado o tes”, lamenta Lupita Hard, que ve a moda como unha linguaxe transversal a través da que expresarse e seguir traballando. De collerlle as camisas ao seu pai pasou a deseñar as súas propias, estas coa posibilidade de desmontalas e intercambialas entre si para poder levar media camisa dun estampado e media doutro, e así seguir vestindo as prendas que xa temos no armario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.