Máis de 218.000 sinaturas no Congreso piden que se ilegalice a Fundación Franco

Entrega das sinaturas no Congreso CC-BY-SA eldiario.es

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) entregou este xoves no Congreso dos Deputados un total de 218.600 firmas que reclaman aos grupos parlamentarios unha reforma da Lei de Fundacións co obxectivo de que se ilegalicen as entidades que fan apoloxía do franquismo, como a Fundación Francisco Franco.

A ARMH entregou case 220.000 sinaturas reclamando aos grupos parlamentarios a reforma da Lei de Fundacións

A entidade fascista regresou ao centro da polémica este pasado verán logo de coñecerse que sería a encargada de xestionar as visitas ao Pazo de Meirás e despois de varias declaracións e comunicados de prensa ameazantes cos partidos ou organizacións que reclamaron a súa ilegalización ou a devolución do inmoble ao patrimonio público. 

Tamén no Congreso, En Marea xa reclamara a investigación da Fundación Franco e a posibilidade da súa ilegalización polas súas actividades presuntamente ilícitas ao gabar un ditador e unha ditadura fascista. Na súa contestación, como lembrou a formación política hai só uns días, o Goberno central "eludiu a súa responsabilidade" ao negar o cambio das normas que regulan as fundacións, "cando é evidente que a Fundación Franco está violentando a normativa, non só por ter recibido cantidades de diñeiro público, senón porque está facendo apoloxía do réxime franquista e fascista”.

En Marea e BNG tamén reclamaron a ilegalización da entidade por gabar a ditadura franquista

Ademais, o BNG tamén apostou por denunciar a Fundación Francisco Franco ante a ONU e a Unión Europea. Así, este pasado martes, organizacións políticas e sociais galegas que participaron nunhas xornadas sobre a ditadura en Bruxelas demandaron tamén a ilegalización da entidade fascista, reclamación que xa avanza cara á comisión de peticións da Eurocámara -órgano parlamentario que canaliza iniciativas cidadás- impulsada polo BNG e asumida pola eurodeputada letoa Tatjana Ždanoka, que rexistará formalmente a iniciativa redactada pola voceira do Bloque no lexislativo comunitario, Ana Miranda.

A ofensiva chega agora tamén da man da ARMH. "Non podemos tolerar que nun país democrático como España haxa fundacións que homenaxean os que pisaron os dereitos humanos de, entre outras, as 114.226 persoas que seguen desaparecidas en máis de 4.000 cunetas repartidas por toda España", explicou o portavoz da asociación.

A petición pide que se cambie a Lei de Fundacións para que se impida que enalteza aqueles que violaron os dereitos humanos

O escrito que acompaña as sinaturas, recollidas a través da plataforma Change.org, explica que o Estado permite que ese tipo de asociacións e fundacións bse beneficien dunha "protección especial" que supón que as doazóns permitan que se "desgrave impostos" e que, polo tanto, benefíciense na práctica de "exencións fiscais". "Reciben unha subvención indirecta do Estado", expresou González.

O texto rexistrado no Congreso reclama aos grupos que cambien a Lei de Fundacións para que se impida "explicitamente a actividade de calquera fundación que actúe ou realice campañas de difusión contra os dereitos humanos ou que enxalce, enalteza ou trate de converter en referente moral a figura de persoas que cometesen violacións de dereitos humanos".

Entrega das sinaturas no Congreso CC-BY-SA eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.