"Mobilizarse polo galego é máis necesario ca nunca"

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

A Xunta celebrará este mércores no Parlamento galego o décimo aniversario da aprobación por unanimidade do Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL). Promove así unha celebración na Cámara para "conmemorar" os dez anos deste conxunto de medidas para favorecer o galego que cumpren unha década sen resultados e desdeñadas polo actual goberno de Núñez Feijóo, que o incumpre sistematicamente e que mesmo recoñecera que tan só era "unha referencia".

A Xunta "conmemora" este mércores no Parlamento o décimo aniversario dun PXNL incumprido e desdeñado polo goberno

Chega este acto poucos días despois de que o comité de expertos do Consello de Europa que avalían o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias volvese visitar Galicia para comprobar a situación dun idioma e apañar críticas como xa fixera na súa anterior avaliación e que desta vez nin tan sequera contou coas achegas da Coordinadora de Traballadores para a Normalización, de Prolingua ou dos equipos de normalización dos centros de ensino. E chega tamén logo de que unha nova estatística do IGE certificase a perda continua de galegofalantes que xa non sitúan o idioma propio como o maioritario no país.

Para completar o cadro, os Orzamentos da Xunta confirman que as partidas lingüísticas e culturais do Goberno pasaron de superar os 150 millóns de euros en 2009 a fichar por baixo dos 65 no vindeiro 2015 e que a promoción do idioma perdeu o 70% dos seus fondos co actual Executivo.

Ás negativas estatísticas para o galego únese a perda do 70% dos fondos para a súa promoción desde que Feijóo chegou á Xunta

Colectivos en defensa da lingua, como Prolingua ou A Mesa, culpan o Executivo de Feijóo de ser o maior culpable do "retroceso" do idioma propio, a oposición reclama medidas que freen a perda de falantes e a plataforma Queremos Galego, que logrou xuntar milleiros en manifestacións históricas contra a actual política lingüística da Xunta, cre que é momento de volver encher as rúas. Este mércores, como resposta á conmemoración que a Xunta fará do PXNL, denunciará ante a Cámara "o desmantelamento do Plan e a política antiegalego que aplica este goberno". Será ás 11 e o colectivo lerá un manifesto que posteriormente será entregado a todos os grupos parlamentarios.

"Que un goberno como o actual se atreva a celebrar os dez anos dun PXNL que incumpriu abertamente é unha humillación"

"Que un goberno como o actual se atreva a celebrar os dez anos deste Plan, cando nos últimos cinco anos se dedicou a incumprilo abertamente e a desmontalo, é un acto de humillación a todas as persoas que defendemos a nosa lingua", lembra a plataforma, que censura que a Xunta "se permita celebrar coa arrogancia que a caracteriza este aniversario, cando o número de falantes de galego se reduce ano a ano ou cando na realidade cotiá o galego non é realmente lingua oficial no seu propio territorio".

 

"Que a Xunta retorne ao consenso"

Por todo, Queremos Galego insistirá este mércores en reclamarlle á Xunta que "retorne ao consenso de 2004 e cumpra coa obriga de potenciar a lingua galega", que asuma o "compromiso explícito e efectivo co PXNL e actuacións lexislativas que desenvolvan o contemplado nas medidas do Plan", que poña en marcha "inmediata" as medidas do devandito Plan, "coa aprobación dun calendario que comprometa fases e prazos de execución" e que "derrogue todas as disposicións legais contrarias ao PXNL, nomeadamente do decreto 79/2010 contra o galego, e as relacionadas co ensino e coa administración".

"Hai moitos remedios para impulsar e recuperar o galego, pero un deles é a implicación da sociedade"

Para Marcos Maceira, presidente d'A Mesa e voceiro de Queremos Galego, o de mañá será un acto "sinxelo e reivindicativo", que debería seguir cunha maior mobilización social, máis aínda tras as últimas e negativas novas para o galego, entre estatísticas e orzamentos recortados, e no medio dunha crise que, en moitos casos, agocha outros temas. "Hai moitos remedios para impulsar e recuperar o galego, pero un deles é a implicación da sociedade, que debe estar activa para conseguir repor o idioma no sitio que lle corresponde ata que sexa unha lingua oficial de facto, na realidade", di.

O portavoz de Queremos Galego cre que "se hai algo claro" é que "a situación da lingua tamén é un reflexo do que acontece na sociedade". "Non hai ningún país do mundo que avance e lle dea as costas á súa lingua", insiste quen cre que a diminución nos Orzamentos da Xunta para a promoción do galego "evidencian unha falta de respecto polo idioma e polo país tamén".

"A lingua é un elemento de identidade, unha marca de calidade e de prestixio que tamén xera movemento económico pero que o Goberno galego ignora", engade Maceira, que pon exemplos como a consecución do Android en galego do que pode facer unha cidadanía activa ante o desleixo da Administraicón. "Demostra que movéndose e presionando, acábanse conseguindo cousas; mobilizarse pola lingua é máis necesario ca nunca", asegura, ao tempo que se pregunta (e responde) que sería do idioma co apoio institucional que merece e que debe ter.

"Mobilizarse pola lingua é máis necesario ca nunca", di Queremos Galego

"A situación sería moi diferente porque estaría apoiado por quen ten a obriga de facelo; a lingua tería moita máis presenza e tería avanzado moito tan só con que se cumprisen ou se puxesen prazos concretos para cumprir o PXNL; desde logo, non habería esta sangría de galegoflanates e a consideración do idioma sería moito mellor", conclúe quen insiste na necesidade de pelexar "por unha lingua normalizada".

Manifestación de Queremos Galego polo Día das Letras Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.