Nicanor Acosta, premiado pola súa traxectoria como activista e a súa loita pola xustiza social

Nicanor Acosta, nunha concentración ante os xulgados © Antía García Sendón

O activista social Nicanor Acosta foi recoñecido co Premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade, un galardón impulsado polo Foro Cívico en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello da Coruña, e que busca subliñar o labor de persoas e proxectos que contribúan á xustiza social e á liberdade. 

Acosta, de 78 anos de idade, leva décadas participando en múltiples colectivos, sempre en primeira liña da actividade de movementos sociais coma Stop Desafiuzamentos ou o propio 15M

O premio entregarase o vindeiro venres 13 no marco dunha cea-homenaxe que comezará ás 21.30 horas no Club do Mar de San Amaro, na cidade herculina. Nas súas dúas anteriores edicións os galardoados foron a A.C. Alexandre Bóveda e a Asociación de Vecinos de Monte Alto. 

Acosta, de 78 anos de idade, leva décadas participando en múltiples colectivos, sempre en primeira liña da actividade de movementos sociais coma Stop Desafiuzamentos, Foro Galego de Inmigración, Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica ou o propio 15M.

En 1969 era crego na parroquia de San Xurxo, onde xa levaba a cabo un firme traballo en defensa dos máis desfavorecidos. Nese momento foi detido pola ditadura pola súa actividade política contra o réxime franquista e encarcerado un ano na prisión de Zamora. Ademais, tivo unha participación moi importante nos últimos anos da ditadura na organización da Xunta Democrática de Galicia. Cómpre lembrar que o premio leva o nome de Marcelino Liste, tamén crego e activista social coruñés, cunha actividade veciñal moi importante nos anos setenta e oitenta.

Nicanor Acosta © Antía García Sendón

Unha vida de activismo

Sendo crego, foi detido pola ditadura pola súa actividade política contra o réxime franquista e encarcerado un ano na prisión de Zamora

Cómpre salientar o traballo realizado por Nicanor Acosta coa comunidade migrante no barrio da Agra a través de entidades como Própolis. E dende hai xa moitos anos é un habitual de moitas das mobilizacións sociais que se levan a cabo na cidade da Coruña, sempre cun altofalante nas mans. No ano 2015 foi recoñecido co Premio Republicano de Honra que todos os anos entrega a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica

Foi especialmente destacada a súa participación nas asembleas e accións do 15M, un movemento que como el mesmo salienta "supuxo atoparme de novo a min mesmo". "O movemento do 15-M é un dos puntos cruciais da historia política actua. Creo que a organización, como a que alí se deu, é imprescindible para facer fronte a tanta desfeita", dicía nesta entrevista.

Acumula máis dunha ducia de multas recentes pola súa participación en concentracións de protesta

E, igualmente, foi habitual a súa presenza en concentracións convocadas polo colectivo de afectados polas preferentes e polos movementos en defensa dunha vivenda digna e en contra de desafiuzamentos e desaloxos inmobiliarios. Varias destas accións tiveron como consecuencia denuncias e multas na súa contra. 

Por exemplo, foi sancionado con 600 euros por "provocar reaccións que alteran a orde pública" durante a protesta que intentou deter o desafiuzamento da anciá Aurelia Rey en febreiro de 2013. Con todo, finalmente foi absolto desta multa. E, de igual xeito, foi sancionado con 120 euros por cortar o tráfico dunha rúa durante unha manifestación dos preferentistas en 2013. Acosta acumula máis de 2.700 euros en máis dunha ducia de multas por motivos como "alterar a seguridade" ou chamar "ladróns" aos banqueiros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.