O 26 de setembro de 2017 un grupo de militantes do BNG ocupou simbolicamente o balcón da Casa Cornide, na Coruña, un inmoble actualmente en poder dos herdeiros de Francisco Franco. A acción buscaba "visibilizar socialmente" a existencia de "privilexios e impunidade" co franquismo en Galicia e esixir a devolución do inmoble ao patrimonio público. Os e as activistas (Elvira Blanco, Armando Carril, Manuel Méndez, Carolina Fernández, Andrés López, Salvador González, Óscar Calvo, Daniel Carballada e Bieito Lobeira) despregaron unha faixa na que se podía ler: "Que nos devolvan o roubado #FranquismoNuncaMáis".
A acción buscaba "visibilizar socialmente" a existencia de "privilexios e impunidade" co franquismo en Galicia e esixir a devolución do inmoble ao patrimonio público
Agora o Xulgado de Instrución número 4 da Coruña vén de condenar a cada unha das oito persoas que accederon ao balcón a pagar unha multa de 180 euros, ao considerar os activistas culpables dun delito leve de coaccións. No xuízo un dos acusados foi absolto ao non quedar acreditado que accedera á vivenda. O ditame sinala que “no seu acto de reivindicación actuouse en detrimento dos dereitos doutros, invadindo, se queira temporal e parcialmente, a parte exterior dunha vivenda privada”.
O xuíz considera que os condenados utilizaron durante a reivindicación “medios indebidos e limitantes, cando non directamente ofensivos, dos lexítimos dereitos de terceiros”
Na acción de protesta, os e as condenadas permaneceron uns cincuenta minutos no balcón, ao que accederan a través dunha escaleira que apoiaran contra a fachada; un axente da Policía Nacional indicoulles que debían abandonar o edificio. O xuíz considera que para a protesta “deveu innecesario o acto de violentar, se queira en parte, o uso pacífico da casa e a integridade dos seus titulares, por máis que non se atopasen nela" e entende que os condenados utilizaron durante a reivindicación “medios indebidos e limitantes, cando non directamente ofensivos, dos lexítimos dereitos de terceiros”. "Outras son as vías para posibles reclamacións", afirmou o maxistrado.
Ademais dos delitos leves polos que foron condenados, a familia Franco buscou que os activistas fosen xulgados por delitos de odio e de vulneración de morada, desestimados pola Audiencia Provincial
A sentenza, que non é firme, pode ser apelada ante a Audiencia Provincial da Coruña. Ademais dos delitos leves polos que foron condenados, a familia Franco buscou que os activistas fosen xulgados por delitos de odio e de vulneración de morada. Porén, o pasado mes de xuño a Audiencia Provincial desestimou esta pretensión, “pois do texto da faixa non pode desprenderse ningún delito de odio nin tampouco de violación de morada, ao non presentar denuncia a persoa residente na Casa Cornide”. A petición de penas para as nove persoas encausadas por parte dos Franco por eses dous delitos sumaba 81 anos de cadea e 24.000 euros de indemnización.
A Casa Cornide é propiedade dos herdeiros do ditador Francisco Franco, pero está ás portas de iniciar un proceso que podería devolver a súa titularidade a mans públicas
A Casa Cornide é propiedade dos herdeiros do ditador Francisco Franco, pero está ás portas de iniciar un proceso que podería devolver a súa titularidade a mans públicas. Por unha banda, a Xunta iniciou os trámites para declaralo Ben de Interese Cultural (BIC) e, ademais, o Concello da Coruña prevé activar en breve os mecanismos legais para recuperar o patrimonio público da Casa Cornide, reclamándoa nos tribunais por irregularidades e "simulación" na venda aos Franco. Nos últimos días coñeceuse a retirada de mobles do interior do inmoble e a súa posta á venda no mercado de antigüidades.
Aínda está pendente a vista pola ocupación simbólica levada a cabo un mes antes no Pazo de Meirás que, segundo determinou o xulgado de Betanzos no que estaba aberto o caso, será finalmente xulgado polo Tribunal Supremo, ao estar aforado un dos participantes, o agora deputado do BNG no Congreso Néstor Rego.