Quen protexe a quen protexe? Nos últimos anos vén incrementándose en moitos países -de forma moi destacada en Centroamérica- a represión e os ataques ás persoas que defenden os dereitos humanos ou participan en movementos sociais de todo tipo, dende o ecoloxismo ao feminismo.
Vén de poñerse en marcha Galicia Abriga, o primeiro programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos que bota a andar impulsado polo sector galego de cooperación internacional
Coñecidos son os casos de Berta Cáceres, asasinada en Honduras despois de liderar accións en defensa do medio ambiente e contra a instalación de proxectos hidroeléctricos e mineiros no seu país, ou da brasileira Marielle Franco, asasinada en 2018. Pero son moitos os homes e as mulleres que perden a vida todos os anos na súa actividade en movementos sociais. Sobre todo mulleres, polo papel central que nestes países teñen nos movementos de defensa das súas comunidades.
Vén de poñerse en marcha Galicia Abriga, o primeiro programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos que bota a andar impulsado polo sector galego de cooperación internacional e o apoio dunha ampla rede de organizacións, entre as que se atopan ONGDs, a propia Coordinadora Galega de ONGD, o Fondo Galego de Cooperación e as tres universidades galegas.
Galicia Abriga ofrecerá unha estadía de tres meses en Galicia a mulleres de países nos que ten presenza a cooperación galega que están vivindo situacións de risco físico e psicolóxico debido á persecución que sofren polo seu papel de defensoras de dereitos humanos
Galicia Abriga ofrecerá unha estadía de tres meses en Galicia a mulleres de países nos que ten presenza a cooperación galega que están vivindo situacións de risco físico e psicolóxico debido á persecución que sofren polo seu papel de defensoras de dereitos humanos. Agárdase que as defensoras de dereitos cheguen a Galicia entre abril e maio deste ano, para retornar aos seus países de orixe no verán.
Á fronte da iniciativa están as organizacións galegas Solidariedade Internacional, Ecos do Sur e Agareso, que subliñan que o obxectivo do proxecto é "defender a quen defende" e que identificaron a necesidade de ofrecer unha alternativa de protección temporal a mulleres "que polo seu papel de activismo social e político están sendo ameazadas e acosadas nos seus países" para que poidan saír temporalmente "do contexto de risco físico e psicolóxico no que se atopan".
Á fronte da iniciativa están as organizacións galegas Solidariedade Internacional, Ecos do Sur e Agareso, que subliñan que o obxectivo do proxecto é "defender a quen defende"
“Este é un proxecto para fortalecer a sociedade civil dos países de orixe, dándolle un respiro ás activistas, ofrecéndolles o noso abrigo e seguridade en Galicia durante un tempo, onde se recuperarán psicolóxicamente e terán oportunidade de descansar para despois voltar aos seus países con forzas renovadas”, comenta María Paz, presidenta da Coordinadora Galega de ONGD e directora de Solidariedade Internacional de Galicia.
Do itinerario de acollemento encargarase a entidade experta galega Ecos do Sur, con sede na Coruña, onde as tres activistas estarán aloxadas nun piso compartido durante a estadía de tres meses. “Faremos axendas persoalizadas para cada perfil, mesturando o apoio psicolóxico e atención médica coas actividades de ocio e tempo libre, para que a desconexión sexa efectiva”, afirmou Saray Durán, directora da organización.
"Unha das medidas de protección máis eficaces é dar a coñecer en Europa as súas loitas, conseguir facer sinerxías coa sociedade civil organizada de occidente e porlle nome e cara aos seus agresores”
A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) encargarase da parte de incidencia social e política do programa. “As activistas coas que levamos anos traballando en rexións como Centroamérica manifestan que unha das medidas de protección máis eficaces, non para casos de protección de emerxencia, senón para ameazas de grao medio, é precisamente dar a coñecer en Europa as súas loitas, conseguir facer sinerxías coa sociedade civil organizada de occidente e porlle nome e cara aos seus agresores”, comenta Lorena Seijo, coordinadora de Agareso.
O programa incorpora un compoñente que está pensado para que a súa estancia en Galicia sirva tamén para fortalecer as súas loitas e procurarlle máis apoios a nivel internacional
Para iso, este programa incorpora un compoñente que está pensado para que a súa estancia en Galicia sirva tamén para fortalecer as súas loitas e procurarlle máis apoios a nivel internacional. Unha característica destacable do programa é o numeroso respaldo que ten de entidades do sector como Amigas da Terra, Asemblea de Cooperación pola Paz, Enxenerías sen Fronteiras, Médicos do Mundo, Provivienda, MPDL, Sólida e Mulleres Salgadas.
O proxecto, que se inspira en propostas xa existentes en Asturias, País Vasco ou a Comunidade Valenciana, conta con financiamento da Xunta de Galicia, a través de Cooperación Galega e da Secretaría Xeral de Igualdade, e do programa Protect Defenders, da Unión Europea.