Un estudo do Camiño de Santiago en Portugal revela a primacía de economía e turismo sobre a veciñanza

Peregrinos no Camiño portugués de Santiago © Xunta

"Descoidouse a educación e capacitación das comunidades, o que reflicte un enfoque predominantemente turístico-económico", conclúe a investigadora Maria João Moreira

A avogada e docente Maria João Moreira asina o estudo Os Caminhos de Santiago em Portugal. Análise do processo de certificação, no que revela un papel marxinal das comunidades locais no desenvolvemento das certificacións das rutas xacobeas no país luso porque afirma que non se propiciou a súa participación e educación e, pola contra, primáronse aspectos económicos e de promoción do turismo sobre os culturais

O traballo ten a súa orixe nun proxecto de investigación financiado pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da Universidade de Santiago de Compostela, cuxa creación é o resultado da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta. 

Grupo de peregrinas e peregrinos percorrendo unha ruta xacobea © Santi Alvite

A investigación de Maria João Moreira analiza polo miúdo o proceso de certificación de itinerarios dos Camiños de Santiago en Portugal, centrándose na elaboración e implementación dos Plans de Xestión esixidos polo Decreto-Lei  51/2019, do 17 de abril, que regulou, explica a investigadora, "a valorización e promoción do Camiño de Santiago, a través da certificación dos seus itinerarios". Na actualidade existen cinco certificados, identificándose diferenzas nos modelos de xestión e participación dos axentes locais.

A certificación, como proceso de institucionalización, ten como obxectivo a valorización cultural e promoción turística dos itinerarios, ofrecendo garantías de calidade para as peregrinas e os peregrinos. Pero os resultados da pescuda apuntan a "unha desarticulación entre os axentes e unha coordinación limitada entre os municipios e as entidades de xestión", segundo a profesora Moreira, que levou a unha falta de involucración das comunidades locais, que conclúe que sería moi positiva para lograr que se vivira o proceso como propio.

Propoñen melloras á hora de establecer mecanismos claros de coordinación e de distribución de tarefas na xestión das rutas xacobeas, e o desenvolvemento de actividades culturais específicas dirixidas ás comunidades locais

Este traballo de investigación, de carácter cualitativo, incluíu a análise dos plans de xestión mencionados, entrevistas coas entidades xestoras e os municipios, e a recolección de información adicional realizada polo equipo de investigación. A pesar de haber aspectos positivos como a execución de accións como a identificación dos itinerarios e a súa promoción, afirma Moreira, descoidouse a educación e capacitación das comunidades, o que reflicte un enfoque predominantemente turístico-económico.

A profesora Maria João Moreira identificou aspectos mellorables nas relacións entre as entidades xestoras das certificacións e dos plans de xestións das rutas xacobeas, especialmente á hora de establecer mecanismos claros de coordinación e de distribución de tarefas, e propón o desenvolvemento de actividades culturais específicas dirixidas ás comunidades locais, para que se integre de forma activa na xestión dos itinerarios a poboación que reside nas zonas polas que discorren.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.