O Plan Director para o Xacobeo 2021 anunciado por Feijóo en 2015 con 56 millóns non fixo diagnóstico da situación previa, os seus resultados non foron avaliados correctamente e só executou o 62% dos fondos europeos previstos
O 24 de setembro de 2015 o daquela presidente Feijóo anunciou a aprobación en Consello da Xunta dun plan director e estratéxico do Camiño de Santiago 2015-2021 con vistas no Xacobeo que se ía celebrar no último deses anos. Segundo publicitou, investiríanse 56 millóns de euros para facer máis atractivo e sostible o Camiño.
Porén, agora o Consello de Contas vén de facer pública a súa fiscalización das actuacións de conservación, protección e fomento do Camiño e deixa en evidencia as eivas daquel plan. Nin se fixo diagnóstico da situación previa, nin se avaliaron correctamente os seus resultados, nin se executaron os fondos previstos.
O informe de fiscalización feito agora público polo Consello de Contas céntrase nos fondos europeos que foron destinados pola Xunta ao Camiño de Santiago no período 2015-2022, un total de 17,8 millóns de euros. Foi a segunda partida máis importante dos 99 millóns procedentes de Europa que a Xunta destinou en xeral ao seu programa de potenciación e promoción do turismo nese período 2015-2022, por detrás dos 31,7 millóns do Mecanismo de Recuperación e Resiliciencia habilitado tras a pandemia da COVID-19. Porén, deses 17,8 millóns europeos destinados ao Camiño a Xunta só foi quen de executar 11,8 millóns, o 66,3%.
Sobre o plan director do Camiño, Contas di que "aínda que a formulación do plan podería considerarse formalmente axeitada", nel "non consta un apartado específico onde se detalle o diagnóstico da situación previa que xustifique as características e os obxectivos formulados no plan". Tamén censura que "non contempla un sistema de seguimento anual nin unha avaliación final a realizar pola entidade responsable das 86 accións que se pretendían poñer en marcha".
A Xunta valorou nun 44% o grao de cumprimento do seu plan en sostibilidade ambiental e fortalecemento de Santiago como meta, e nun 32% en preservación dos valores patrimoniais, pero Contas fai ver que esas cifras son artificiais
Contas mesmo analiza unha avaliación posterior dunha parte reducida dos obxectivos do plan realizada pola propia Xunta e conclúe que esta foi incorrecta e sobrevalorada. "Os datos amosan que os responsables do seguimento do plan director soamente calcularon 17 indicadores dos 52 definidos e planificados, o que representa un 32,7%", di Contas.
Entre eses escasos 17 indicadores calculados pola Xunta non figurou ningún que permitise avaliar o grao de cumprimento de obxectivos concretos e predefinidos do plan como "preservación e potenciación dos valores patrimoniais do camiño", "fortalecemento de Santiago como meta da ruta xacobea" ou a sostibilidade ambiental do camiño.
"Considérase que o seguimento do plan director non foi axeitado", conclúe o Consello de Contas
Malia carecer de indicadores para avaliar eses obxectivos, a Xunta concluíu o plan director cumprira un 44% dos obxectivos de sostibilidade e de fortalecemento de Santiago como meta xacobea e un 32% da preservación dos valores patrimoniais do Camiño. Contas, pola contra, censura que non hai "congruencia" entre os resultados calculados pola Xunta e a falta de indicadores para poder obtelos. "Por conseguinte, considérase que o seguimento do plan director non foi axeitado", conclúe Contas.
O informe de Contas tamén constata que o plan director do Camiño foi responsabilidade directa da Presidencia da Xunta, da que dependía Turismo e o Xacobeo, entre 2015 e 2018, con Feijóo como máximo responsable. Entre 2019 e 2020 a competencia estivo na Consellería de Cultura e Turismo e entre 2021 e 2022 pasou á vicepresidencia primeira e consellería de Presidencia, ocupada por Alfonso Rueda antes de chegar el mesmo á presidencia da Xunta.