En 2015 estreouse Er ist wieder da (Volveu), unha película enormemente polémica en Alemaña. A súa premisa era atractiva: que pasaría se o mesmísimo Adolf Hitler espertase por arte de maxia no noso mundo e andase a pasear polas rúas de Berlín. Pero era o seu formato de documental improvisado o que cativou o público e fixo dela un auténtico fenómeno en Netflix. En varias escenas o actor caracterizado como ese suposto Hitler resucitado saía falar cos cidadáns alemáns para preguntarlles a súa opinión sobre a democracia ou a política. Mentres algúns viandantes o insultaban e mesmo o tentaban agredir, outros tiraban fotos con el, felicitábano, e mesmo realizaban o saúdo nazi. Oliver Masucci, actor que interpretaba a Hitler na cinta, aseguraba anos despois que tivo medo ao ver esas reaccións positivas da xente: "Era algo que antes ninguén se atrevía a dicir nin facer en Alemaña, lamentablemente agora é distinto, con estes populistas de dereitas", sinalaba nunha entrevista.
No momento de realizar a película, Alternativa para Alemaña (AfD), o partido ao que veladamente se refereía Masucci coas súas palabras, tiña algo máis de 2 millóns de votos e nin sequera lograra pasar a barreira do 5% de representación no Bundestag. Este domingo, ese mesmo partido logrou quedar en segunda posición nas eleccións alemás, cun 20% do voto, e practicamente dobrando o seu apoio de 2021. É o mellor resultado da historia do partido e dunha forza de extrema dereita en Alemaña desde o final da Segunda Guerra Mundial nuns comicios que foron os que máis participación tiveron desde a reunificación (83%).
O seu ascenso confirma o auxe ultra en Europa, tamén no país máis importante do Vello Continente, onde durante décadas actuou un cordón sanitario practicamente irrompible a nivel federal (non tanto nos municipios, onde si se realizaron pactos puntuais). No entanto, a crise económica na que está sumida Alemaña desde a invasión rusa de Ucraína, o descontento da poboación pola frustración de ver o seu país á deriva e, sobre todo, o seu discurso antiinmigración, o cal foi copiado por practicamente todo o arco parlamentario, fixo que AfD, a pesar de ser unha das extremas dereitas máis radicais de Europa, lograse un resultado histórico. Segundo as enquisas, a principal preocupación para os alemáns cara ás eleccións deste domingo era a migración. Até un 44% dos votantes considerábana como tal, unha cifra 33 puntos maior que en 2021.
Os ultras de Alternativa para Alemaña capitalizan o descontento da crise e o discurso antiinmigración e logran dobrar os seus resultados nuns comicios que devolverán a conservadora CDU á chancelería, agora con Friedrich Merz
Do descontento pola xestión do Goberno sen dúbida tamén se beneficiou o gañador das eleccións, Friedrich Merz, líder do CDU e o que con toda seguridade será o próximo chanceler de Alemaña, a falta de coñecer quen serán os seus compañeiros no Executivo. Os conservadores levaban máis dun ano liderando as enquisas pero este domingo ficaron algo curtos nas súas expectativas cun resultado do 29% e que confirma a súa tendencia á baixa nos últimos días nas enquisas. De feito, o CDU só logra subir 3 puntos con respecto ao seu decepcionante resultado de 2021, onde afundiron tras ser favoritos neses comicios.
As polémicas durante a campaña electoral finalmente si pasaron factura a un Merz que terá por diante a dura tarefa de devolver a Alemaña o liderado do Vello Continente, non só a nivel económico senón tamén a nivel político. As alarmas saltaban o 29 de xaneiro, cando o político decidía aceptar os votos de AfD por primeira vez na historia do país para sacar adiante unha moción no parlamento que buscaba restrinxir a inmigración ilegal. O escándalo posterior con manifestacións nas rúas e a división interna do seu partido, que mesmo chegou a romper durante unha das votacións, fixeron que Merz tivese que volver repetir que nunca pactaría coa extrema dereita. Con todo, o dano xa estaba feito.
Malia á súa magnitude, ese erro non forzado non foi o único do líder do CDU durante a campaña electoral. Merz nunca foi un gran comunicador, e sempre foi visto como alguén frío e distanciado da realidade alemá por boa parte dos votantes. A súa popularidade é relativamente baixa, e o seu perfil de millonario falto de carisma fíxolle moi complicado gañar votos durante a campaña. Tanto é así, que Merz logrou outro fito negativo: é a segunda vez en toda a historia da CDU que o partido queda por baixo da barreira do 30% ao quedar cun 28,5%, algo que fala ás claras da vitoria tan agridoce dos conservadores.
Os socialdemócratas e liberais afunden
Alén da vitoria da CDU, as eleccións son un castigo terrible para as forzas ata agora gobernantes. Só Os Verdes, que perden apenas tres puntos a respecto do seu gran resultado de 2021, lograron salvarse do desastre. O maior golpe levárono os socialdemócratas do SPD, que baixan nove puntos e caen da primeira á terceira posición cun 16,4% de porcentaxe de voto, o peor resultado do partido nunhas eleccións desde 1887.
Os socialdemócratas do ata agora chanceler Olaf Scholz sofren unha debacle e caen ata a terceira posición, pero con case total seguridade compartirán goberno cos conservadores
Non é ningunha sorpresa. O chanceler Olaf Scholz deixa o Goberno cunha popularidade polo chan e cun dato histórico: só un 17% dos alemáns din estar satisfeitos coa súa xestión, o dato máis baixo da historia para un chanceler saínte. O seu goberno, un dos máis breves da Alemaña democrática, será lembrado polas consecuencias da guerra de Ucraína, que estalou pouco despois de que o socialdemócrata chegase ao poder e que condicionou absolutamente toda a súa política. A crise e os constantes conflitos dentro do Goberno acabaron minando ao propio Scholz, que deu en expulsar os liberais da coalición despois de interminables loitas co seu líder e ministro de Finanzas, Christian Lindner.
Precisamente ese partido, o FDP, foi o outro gran castigado. Chegaban de lograr o seu segundo mellor resultado desde a reunificación cun 11,46% e, finalmente quedan sen representación ao non superar a barreira do 5%. Non só perden máis da metade dos seus votos, senón que tamén deixarían de ser un partido bisagra sen poder de condicionar absolutamente nada na política alemá tras tres anos de polémicas e enfrontamentos dentro do Executivo. Unha situación que levou á dimisión de Lindner, que na noite do domingo xa admitiu o fracaso.

Mellor sorte tivo Die Linke, que confirmou ser a gran sorpresa da campaña electoral. A formación de esquerda logrou un 8,8% do voto levantada por un espectacular crecemento durante o último mes, no cal pasou de estar por baixo do 5% a chegar a superar as expectativas dos máis optimistas. A súa campaña baseada en redes sociais e enfocada á mocidade, grupo no que foron a forza principal por encima da extrema dereita, funcionou á perfección e deulles un dos mellores resultados dos últimos anos centrada nun discurso ideolóxico de esquerdas e baseado en problemas sociais. Ademais, Die Linke foi o partido que mellor soubo explotar o apoio de AfD á CDU, mobilizando enormemente ás súas bases e erixíndose como a opción indicada para frear á extrema dereita.
A esquerda de Die Linke virou en gran sorpresa da campaña e das eleccións tras un espectacular crecemento no último mes cunha campaña enfocada ás redes e á mocidade
O seu éxito foi en boa parte á conta da Alianza Sahra Wagenknecht (BSW). O partido de esquerda vermello-parda, socialista no económico pero conservador no social e cun potente discurso antiinmigración e contrario ao apoio a Ucraína, desinchouse enormemente durante a campaña. A pesar do seu éxito nas municipais do ano pasado no leste de Alemaña, finalmente o partido quedará fóra do Bundestag pola mínima, a só tres décimas do 5% (4,97%), vendo como os seus votantes volvían á formación da que, precisamente, marchou Wagenknecht a finais de 2023. A súa condena foi precisamente aquilo que se converteu no seu sinal de identidade: o discurso contrario aos migrantes. Cando todos os partidos adquiriron ese tipo de relatos, o seu viuse coma un máis, perdendo presenza mediática e votantes ata que acabaron por non entrar nin sequera no parlamento.
Con estes resultados, Merz poderá formar unha coalición de Goberno cun só socio, como el quería. A alianza entre SPD e CDU parece a única saída viable unha vez queda fóra da ecuación a extrema dereita a causa do cordón sanitario que Merz asegurou que manterá. "O mundo non espera e tampouco nos espera a nós, nin a longas e difíciles negociacións de coalición", sinalou o que será o próximo chanceler de Alemaña. "Chegou o momento de falar intensamente entre nós, despois das eleccións rexionais de Hamburgo (o 2 de marzo), como moi tarde. Espero que terminásemos de formar Goberno como moi tarde en Semana Santa", dixo á cadea Phoenix.