Este domingo comezou o XX Congreso do Partido Comunista Chinés (PCCh), un encontro que se celebra cada cinco anos e marca as grandes liñas políticas do país, as súas orientacións económicas e de cara ao exterior. Tamén se renovan os principais cargos dirixentes do Estado, entre elas a Presidencia, que seguirá a manter Xi Jinping, no poder dende o ano 2012.
"[O Congreso] incidirá en núcleos importantes da acción pública e partidaria que inclúen aspectos relevantes como as relacións exteriores (sobre todo cos EUA) ou a política económica. Un detalle importante é se deixará entrever un hipotético relevo de Xi dentro de cinco anos"
O encontro dura unha semana e nel participan 2.300 delegados elixidos nos últimos meses, que deben escoller os 200 membros do Comité Central del partido, que designarán posteriomente os 25 integrantes do Buró Político e os do seu Comité Permanente.
O país atravesa nos últimos dous anos problemas económicos derivados dunha burbulla inmobiliaria e financeira semellante á sufrida en Occidente e, sobre todo, unha freada no seu crecemento motivada en parte polas restricións introducidas para limitar os contaxios de coronavirus, na procura dunha política de COVID zero que ata agora deu os seus froitos pero que comeza a ser cuestionada polos seus efectos económicos. Nos últimos dous anos, ademais, intensificouse o conflito coa illa de Taiwan, avivado pola presión exercida polos Estados Unidos.
Falamos con Xulio Ríos, asesor emérito do Observatorio da Política Chinesa, do que foi director, un país ao que lle dedicou varias obras de análise, como A China por dentro (Xerais, 1998), China en 88 preguntas (La Catarata, 2010), China pide paso (Icaria, 2012) ou A metamorfose do comunismo na China (Editorial Kalandraka, 2021). Foi ademais un dos fundadores en 1991 do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), do que segue a ser Presidente de Honra.
Que está en xogo neste Congreso? Cales cres que serán as decisións máis importantes que se adoptarán?
Mais aló do propiamente ritual, debera dar paso a cambios no liderado que afectarán nos próximos meses ás estruturas clave do Partido, do Estado e do Exército, e tamén incidirá en núcleos importantes da acción pública e partidaria que inclúen aspectos relevantes como as relacións exteriores (sobre todo cos EUA) ou a política económica, entre outros. Un detalle importante é se deixará entrever un hipotético relevo de Xi dentro de cinco anos.
A figura de Xi Jinping (e o Xiismo), dando por sentado que se manterá como líder, sairá reforzada ou debilitada do Congreso?
Todo indica que sairá fortalecida. Haberá máis Xi e máis xiísmo tralo XX Congreso. Primeiro, porque se espera una nova volta de rosca ao proceso de concentración do poder arredor seu; segundo, porque a reforma estatutaria que se vai aprobar elevará a significación do seu “pensamento”, operándose unha equiparación de facto con Mao. Isto vai selar tanto a posición de Xi como o papel reitor do ideario asociado ao seu liderado.
Que figuras emerxentes poden dar lugar a novos liderados no futuro? Que mudanzas políticas suporían?
"Hai un camiño trazado de carácter estratéxico que xestionarán os actuais e os futuros líderes. Entre estes, o substituto do primeiro ministro Li Keqiang á fronte do Consello de Estado é clave, e podería ser Wang Yang ou Hu Chunhua, probablemente este último"
A guía teórica e política que traza o xiísmo ten un horizonte de 2049, cunha primeira inflexión en 2035. Esta perspectiva vaise tratar de asegurar programaticamente, detallando as tarefas de cada etapa con maior precisión. Isto significa que hai un camiño trazado de carácter estratéxico que xestionarán os actuais e os futuros líderes. Entre estes, o substituto do primeiro ministro Li Keqiang á fronte do Consello de Estado é clave, e podería ser Wang Yang ou Hu Chunhua, probablemente este último pois deste xeito se aseguraría dous mandatos, cousa que Wang tería máis difícil por razóns de idade. A eclosión dun substituto de Xi apunta ao xefe do Partido en Chongqing, Chen Min´er. Outras figuras emerxentes poden ser Li Qiang, xefe do Partido en Xangai, ou Ding Xuexiang, responsable da oficina xeral do Comité Central. De ser así, finiquitaríase a influencia de Jiang Zemin e ficarían dúas tendencias importantes no máximo sanedrín: os afíns a Xi e os tuanpai, afíns á Liga da Xuventude (Hu Jintao).
Como se desenvolve este Congreso? Como se escollen os delegados e, sobre todo, como se toman as decisións? O groso das decisións chega precociñado ou hai un verdadeiro debate, xogos de poder e influencia e pode haber sorpresas?
"Na práctica política chinesa, cando se convoca o congreso é que xa todo o esencial está resolto. Non se vai contra reloxo (...) Para chegar ata aquí hai un longo de traballo interno na xestación dos consensos e das lealdades"
Na práctica política chinesa, cando se convoca o congreso é que xa todo o esencial está resolto. Non se vai contra reloxo. Os consensos están garantidos. Os procesos de elección sobre os propios dun partido comunista (neste caso con máis de 96 millóns de membros) que segue a preconizar a validez do centralismo democrático e que se reclama das súas raíces marxistas. Para chegar ata aquí hai un longo de traballo interno na xestación dos consensos e das lealdades. Na cuestión dos liderados, a sabendas de que persisten correntes, faccións, tanto territoriais como sectoriais, etc., hai unha serie de mecanismos informais que converxen tanto nos órganos oficiais como paraoficiais. Especialmente importante é sempre o encontro de verán en Beidaihe. Deste xeito, é moi improbable que se produzan sorpresas, mesmo recoñecendo certa afectación da institucionalidade deseñada por Deng Xiaoping.
Que lectura se fai a nivel interno da política de zero-covid decidida polo Goberno chinés e dos efectos económicos que provocou?
"A pandemia pasou na China por diversas fases. O que hoxe se percibe é un certo cansazo e incomodo social e unha eclosión do debate acerca da posibilidade ou non de manter esta política a medio prazo"
O PCCh xustifica a súa política en dous apuntamentos. Primeiro, porque di priorizar a vida das persoas antes que a economía; segundo, porque adoptar unha política como a seguida por nós nun contexto de graves deficiencias asistenciais no país, especialmente no rural e nalgunhas rexións, suporía unha elevada mortaldade. Oficialmente, son 5.000 mortos fronte a mais de 3 millóns na Europa e nos EUA. A pandemia pasou na China por diversas fases. O que hoxe se percibe é un certo cansazo e incomodo social e unha eclosión do debate acerca da posibilidade ou non de manter esta política a medio prazo. O PIB reséntese indubidablemente: este ano non se acadará o obxectivo do 5,5 por cento.
É posible un xiro liberal na política económica ou dáse por descartado? Que retos ten por diante o país en materia económica? Como responde o 'modelo chinés' a crises como a inmobiliaria ou ao actual incremento do desemprego?
"Existe o convencemento de que no actual contexto internacional é mellor que o Estado dispoña de resortes importantes para responder aos desafíos derivados das tensións xeopolíticas e dos retos internos"
Coido que haberá continuísmo, é dicir, o mantemento da actual economía mixta, con mercado regulamentado e planificación, co sector público como piar fundamental, etc. Existe o convencemento de que no actual contexto internacional é mellor que o Estado dispoña de resortes importantes para responder aos desafíos derivados das tensións xeopolíticas e dos retos internos. Por outra banda, isto tamén facilitaría o logro dos obxectivos estratéxicos no plano non só do crecemento, tamén no ambiental, tecnolóxico ou social, que son aspectos substancias no cambio de modelo de desenvolvemento. Fronte á burbulla inmobiliaria, a banca na sombra, o desemprego, etc., tanto o goberno central como as provinciais arbitran diferentes medidas cun forte intervencionismo. Está por ver que dean resultado. Pero a escala da economía chinesa outorga unha importante folgura.
"China mantén un difícil equilibrio entre a comprensión das razóns de Rusia e a defensa dunha solución pacífica que pasa pola preservación da integridade territorial ucraína, que di respetar. E, por suposto, culpa aos EUA de instigar o conflito"
A guerra en Ucraína achegou a Rusia e China? Pode China mudar a súa posición nos vindeiros meses ou forzar a Moscova a buscar unha saída negociada?
Levan tempo achegándose, a pesar das diferenzas que subsisten de vello. China, como é sabido, mantén un difícil equilibrio entre a comprensión das razóns de Rusia e a defensa dunha solución pacífica que pasa, necesariamente, pola preservación da integridade territorial ucraína, que di respetar. E, por suposto, culpa aos EUA de instigar o conflito coa súa obsesión de alargar a OTAN ata as portas de Rusia. Beijing vai seguir mantendo esa equidistancia e só instará unha mediación se hai garantías de éxito. Hoxe, o convencemento é que a guerra vai para longo.
"O maior cambio na política internacional de China é a translación do que representa a nivel económico (segunda potencia mundial) a outros ámbitos de influencia. O feito de que queira conducir ese proceso sen submisións a Occidente é o que explica o sentido da estratexia dos EUA de incrementar o nivel de confrontación"
Este conflito e a maior presión amosada polos Estados Unidos nos últimos anos poden provocar un cambio na política internacional de China, encamiñando o planeta a unha nova división en bloques e a unha nova Guerra Fría?
O maior cambio na política internacional de China nestes e nos próximos anos é a translación do que representa a nivel económico (segunda potencia mundial) a outros ámbitos de influencia. O feito de que queira conducir ese proceso sen submisións a Occidente é o que explica o sentido da estratexia dos EUA, de incrementar o nivel de confrontación para tentar facer derrapar a modernización do país antes de que se chegue a producir un hipotético sorpasso (que China non ten garantido en función tamén das súas importantes problemáticas internas). Neste sentido, unha dinámica de guerra fría bis alenta a esperanza de volver gañar, e para iso seguirase insistindo en reproducir a nivel internacional as mesmas dinámicas de polarización e crispación que estamos a vivir internamente. A diplomacia chinesa terá que fiar moito máis fino para evitar que calle ese propósito.
"China non vai buscar aliados para formar bloques. O modelo que representan os BRICS ou a OCX apunta a asociacións mais que a alianzas. A premisa é ofrecer estabilidade e progreso fronte as dinámicas que insisten no contrario e que caracterizan a reacción dos principais países de Occidente ante unha posible perda da hexemonía global"
Que liñas marcarán a política internacional de China nos vindeiros anos? Afianzarase un bloque oposto a Occidente?
China non vai buscar aliados para formar bloques. Dende logo, non está na carreira por igualar ou superar as máis de 800 bases militares que os EUA teñen por todo o mundo nin por alentar fórmulas tipo AUKUS, QUAD, Cinco Ollos, etc., que advirten da primacía do enfoque militar ante a perda de terreo no económico ou tecnolóxico, por mais que se disfrace de defensa de valores ou da chamada orde baseada en normas (que subalterniza o propio dereito internacional). Coido que a súa estratexia seguirá centrada na aceleración do desenvolvemento interno e no fomento da súa presenza internacional a través, principalmente, da economía. O modelo que representan os BRICS ou a OCX, poñamos por caso, apunta a asociacións mais que a alianzas. A premisa é ofrecer estabilidade e progreso fronte as dinámicas que insisten no contrario e que caracterizan a reacción dos principais países de Occidente ante unha posible perda da hexemonía global.
Haberá cambios na política en relación con Taiwán? Existe a posibilidade dun enfrontamento militar directo nos vindeiros anos?
"A aposta pacífica [en Taiwan] seguirá primando. Coido que existe plena conciencia de que unha guerra por esta cuestión sería un desastre e entraña graves riscos"
A aposta pacífica seguirá primando. Coido que existe plena conciencia de que unha guerra por esta cuestión sería un desastre e entraña graves riscos. Especúlase moito con 2027 (centenario do EPL), quizais porque atizar esa idea serve para xustificar o abrupto incremento da cooperación militar dos EUA con Taiwán. China non vai renunciar a Taiwán pero non debera tampouco sacrificar o obxectivo histórico da modernización no continente por controlar a illa pola forza. Se todo segue o seu curso, en poucos anos, a súa posición respecto ao principal aliado de Taiwán será moi distinta á de hoxe e terá mais posibilidades de retomar o rumbo iniciado en 2005, impulsando unha reunificación pola vía de facto e con base na intensificación da cooperación económica. Con todo, un sinal de interese é a composición que sairá deste XX Congreso da Comisión Militar Central: se nela predominan ou non os cadros do 73º grupo do exército (a súa misión principal é prepararse para unha recuperación de Taiwán pola forza). A hipótese da guerra nunca pode descartarse. En calquera caso, sería un grave erro non ter en conta o sentir da sociedade taiwanesa.
"Traizóanos moito a soberbia en relación a China e cada vez mais penalízase a discrepancia"
Recunco nunha pregunta que che fixen o pasado ano noutra entrevista. Sabemos moi pouco sobre China, a pesar de ser a outra gran potencia mundial xunto cos Estados Unidos? Como valoras o interese que un acontecemento político crucial, coma o congreso quinquenal do Partido Comunista Chinés, ten na prensa galega e española?
Os avances son moi lentos e ese fenómeno común de perda da calidade e rigor na información e ata na análise coa proliferación de tantos opinólogos, tampouco axuda. Hoxe, cun máster xa es un sinólogo. Pero, en fin, é o signo dos tempos que vivimos. Por outra banda, traizóanos moito a soberbia en relación a China e cada vez mais penalízase a discrepancia.