• Entrevista | Christoph Schreinmoser
  • Mundo

"É un erro que as cuestións internacionais non teñan máis peso. Galicia debería estar na UNESCO e en ONU Turismo"

Participantes na asemblea xeral do IGADI na que Christoph Schreinmoser (de pé, no centro) foi escollido director © IGADI

Christoph Schreinmoser, profesor de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais na UDC, é o novo director do IGADI, que chega aos 35 anos de actividade, todo un logro para un think tank independente, galeguista e con vocación universal, que traballa para "comprender o mundo desde aquí" e "proxectar Galicia no contexto internacional"

O IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) ten novo director. A asemblea xeral do think tank galego, celebrada o pasado sábado 21 de marzo, nomeou Christoph Schreinmoser, xurista bávaro e Doutor en Dereito pola Universidade da Coruña, para o cargo, que remudou a Daniel Palau, director dende 2017. Os socios e socias da entidade aprobou tamén o documento Liñas 2026-2031. Desde Galicia, pensar e actuar no mundo, que guiará o seu traballo nos próximos cinco anos, encamiñándose ao 40 aniversario deste laboratorio de ideas, en marcha dende 1991.

Schreinmoser, profesor de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais na UDC, chegou a Galicia en 2019 e aprendeu galego "por amor", como destacou nalgunha entrevista. Ponse á fronte do IGADI nun momento no que a actualidade internacional é máis convulsa ca nunca e o dereito internacional no que é experto está máis en cuestión. Un tempo, polo tanto, no que a análise seria e rigorosa destes contexto se fai máis necesario.

O IGADI leva décadas insistindo na necesidade e nos beneficios de que Galicia, as súas institucións e sociedade, estean conectadas co mundo, participando nas instancias e debates internacionais. A entidade ten como guía da súa actividade os seus coñecidos lemas de "Para comprender o mundo desde aquí. Para proxectar Galicia no contexto internacional" e "Dende Galicia, pensar e actuar no mundo". Falamos con el sobre os retos que o IGADI afronta nos vindeiros anos e tamén sobre a situación actual das relacións internacionais.

Christoph Schreinmoser © UDC

"A pesar do noso labor, e do labor da sociedade civil en xeral, a acción exterior actualmente non desempeña un papel prioritario na axenda pública ou na axenda política, tanto nas institucións coma nos actores políticos do país"

Que liñas de traballo van marcar o teu mandato? Ou, dito doutro xeito, que retos enfronta o IGADI neste momento?

A idea fundamental para os vindeiros 5 anos é dar continuidade ao labor fundamental que está a desenvolver o IGADI dende hai 35 anos, que se pode resumir no noso lema 'para comprender o mundo dende aquí, para proxectar Galicia no contexto internacional'. Temos ese duplo obxectivo de tentar analizar a actualidade internacional dende Galicia, interpretala en chave galega e por outra parte pular pola maior inserción de Galicia neste contexto internacional.

Ademais, queremos reforzar a estrutura institucional do IGADI e reforzar a utilidade pública da asociación. E por outro lado ampliar o noso enfoque a través de actividades con incidencia na esfera pública e enfocarnos nunha análise comparativa do papel que poden xogar na orde internacional os actores non estatais: as nacións sen Estado e as cidades.

"Consideramos que é un erro que as cuestións internacionais non teñan un peso maior na axenda pública galega. Hai que velo, por exemplo, actualmente na membresía asociada na UNESCO ou en ONU Turismo, que pensamos que é onde Galicia debe estar"

O IGADI chega aos 35 anos de actividade e encamíñase cara aos 40, un bo momento de facer balance. Que valoración facedes do camiño percorrido? Acadáronse os obxectivos da entidade? En que elementos se podería incidir para ter maior impacto?

O balance xeral é moi positivo. O feito de que unha entidade da sociedade civil, un think tank independente, galego, con vocación galeguista e con vocación universal, características que nos fan bastante únicos, siga existindo despois de case 35 anos é un logro importante. O IGADI ten unha vocación de traballo ao servizo do país e se estamos aquí é polo compromiso das persoas socias. Creamos pensamento e discurso e fomos quen de difundilo a través de publicacións e actividades. 

Ademais, fomos levando a cabo un relevo xeracional e seguiremos a facelo; temos agora mesmo en Galicia, grazas á existencia dun grao interuniversitario de relacións internacionais, unha nova xeración moi preparada de internacionalistas e para nós é un reto aproveitar este potencial futuro de pensamento. 

Outro reto que temos pendente é que, a pesar do noso labor, e do labor da sociedade civil en xeral, a acción exterior actualmente non desempeña un papel prioritario na axenda pública ou na axenda política, tanto nas institucións coma nos actores políticos do país. Aí temos o reto de tentar aumentar a nosa incidencia pública nestes actores, porque consideramos que é un erro que as cuestións internacionais non teñan un peso maior na axenda pública. Hai que velo, por exemplo, actualmente na membresía asociada na UNESCO ou en ONU Turismo, que pensamos que é onde Galicia debe estar.

Asemblea xeral do IGADI na que Christoph Schreinmoser (terceiro pola dereita) foi escollido director © IGADI

"Hai que seguir confiando nun cambio de posición que conta co apoio da sociedade civil e de institucións do país coma o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia Galega, conscientes da importancia de posicionar Galicia no contexto internacional"

Semella que segue se entenderse que esa presenza de Galicia en organismos internacionais e, en xeral, a acción exterior que realicen administracións galegas non é unicamente importante a un nivel teórico ou simbólico, senón que ten un impacto práctico e mesmo económico, ligado ao que se adoita denominar poder brando. Como o valoras ti?

Totalmente de acordo. Hai que ter en conta que neste mundo globalizado Galicia está plenamente integrada a nivel internacional e que nestes procesos xogan un papel fundamental a lingua e tamén as comunidades que viven no exterior. Calquera foro internacional que se poida aproveitar para incrementar a presenza de Galicia é importante e máis aínda cando se trata de temas coma os que se tratan na UNESCO ou ONU Turismo. Son ámbitos nos que Galicia como comunidade autónoma ten competencias importantes.

E, por outro lado, efectivamente, isto forma parte do noso poder brando, coa importancia da proxección da cultura galega no exterior e a capacidade de influír nas axendas públicas internacionais.

Coa renuncia da Xunta a que Galicia sexa membro asociado da Unesco como van camiño de ser Catalunya e Euskadi estamos a perder unha grande oportunidade? A negativa parte dunha idea mal entendida de que se trata dunha cuestión nacionalista e de non comprender a importancia da acción exterior?

Creo que neste tema hai que mirar aínda a parte positiva, que aínda non se perdeu esta oportunidade e a posibilidade segue aberta. É unha cuestión que se debe separar, efectivamente, de reivindicacións de tipo nacionalista, porque falamos dunha necesidade estratéxica, independente da posición política ou ideolóxica que se teña. Hai que seguir confiando nun cambio de posición que conta co apoio da sociedade civil e de institucións do país coma o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia Galega, conscientes da importancia de posicionar Galicia no contexto internacional.

"As institucións que tiñamos non eran perfectas e nin sequera eran neutrais. O dereito internacional sempre funcionou en favor dos estados dominantes, pero cando menos ofrecía un marco e un procedemento a estas relacións internacionais. Agora estamos, cada vez máis, nun mundo máis hostil, no que o recurso á forza armada volve ser unha maneira máis de facer política"

Falamos agora de relacións internacionais e dun Dereito Internacional, que é ademais a túa área de especialización, sumido nunha crise crecente, á vista dos últimos acontecementos, coma os ataques contra Irán, aínda que os problemas xa viñan de antes. Seguramente o entramado de normas e institucións internacionais vixentes nos últimos 80 anos non eran perfectas, pero cando menos eran un espazo no que atoparse e que agora está en cuestión...

Tes razón que non é unicamente un proceso duns poucos meses, senón que vén xa de varios anos atrás. Atopamos que tanto para as relacións internacionais e para o dereito internacional, hai unha gran ruptura da orde internacional baseada en regras. Pasamos do multilateralismo ao unilateralismo, que se manifesta na retirada dos EUA da OMS, da UNESCO ou do Acordo de París. Todo isto conduce a que esteamos nunha orde internacional moito máis complexa, multipolar e fragmentada. 

Hai que dicir que as institucións que tiñamos non eran perfectas e nin sequera eran neutrais. O dereito internacional, pola súa orixe, sempre funcionou en favor dos estados dominantes e permitiu consolidar o dominio destas potencias. Pero cando menos ofrecía un marco e un procedemento a estas relacións internacionais. 

Agora estamos, cada vez máis, nun mundo máis hostil, no que o recurso á forza armada volve ser unha maneira máis de facer política, e que require menos xustificación. Podemos ver, ademais, como ante a actual posición dos EUA outras grandes superpotencias poden tomar nota e actuar de xeito semellante nas súas áreas de influencia, poden sentirse lexitimados, do risco dunha escalación bélica.

O IGADI botou a andar en 1991. Na imaxe, socios e socias fundadoras © IGADI

"É problemático que a resposta de varios estados membros á agresión de EUA e Israel a Irán fose pouco clara. Refírome por exemplo á intervención do chanceler alemán Merz. E isto pode levar a socavar aínda máis a vixencia do actual marco xurídico internacional"

Que papel pode e debe xogar a UE neste contexto? O peso político e económico de Europa no mundo é cada vez menor, pero semella que ten unha certa responsabilidade histórica, polos seus valores fundacionais, en defensa desta orde internacional baseada en regras...

Os nosos valores proclamados, recollidos mesmo xuridicamente, por exemplo no artigo 2 do Tratado da UE, baséanse na defensa do estado de dereito, que debe guiar a nosa acción internacional. Por ese motivo deberíamos asumir unha defensa do multilateralismo e das regras internacionais. Por iso é problemático que a resposta de varios estados membros á agresión de EUA e Israel a Irán fose pouco clara. Refírome por exemplo á intervención do chanceler alemán Merz. E isto pode levar a socavar aínda máis a vixencia do actual marco xurídico internacional. 

É preocupante que non haxa unha liña clara e común por parte dos Estados da UE en defensa do dereito internacional. Si o fixo España, pero a nosa forza radica en que Europa actúe de forma conxunta, porque a nivel individual os países europeos carecen do peso internacional que antes tiñan.

"É preocupante que non haxa unha liña clara e común por parte dos Estados da UE en defensa do dereito internacional. Si o fixo España, pero a nosa forza radica en que Europa actúe de forma conxunta, porque a nivel individual os países europeos carecen do peso internacional que antes tiñan"

Non me podo resistir, para finalizar, a preguntarche pola situación política en Alemaña, polo ascenso da ultradereita da AFD, a progresiva dereitización do goberno e a posta en cuestión dalgunhas liñas políticas, internas e externas, que nos últimos 75 anos foran centrais no país. Dá a sensación de que o país se atopa nun certo estado de shock e que vive un momento político determinante... Que está a pasar?

Si, é un momento político importante e un momento que a min persoalmente me preocupa por varias razóns, tanto na súa dimensión interna coma externa. É consecuencia da dereitización do discurso político, posiblemente tamén da sociedade, que está máis polarizada que antes. Isto conduce a que tanto en política interior coma exterior se reinterpretan moitos dos principios e valores tradicionais. A longo prazo non vai contribuír a unha sociedade máis xusta e equitativa. 

Isto pode ter efectos en relación á poboación inmigrante, pero tamén nos dereitos sociais e laborais e nas relacións internacionais. A alianza cos Estados Unidos foi sempre moi importante para Alemaña pero na actualidade esta alianza inclúe intereses e valores que non se aliñan cos intereses e valores da UE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.