O ministro de Asuntos Exteriores do goberno español, José Manuel Albares, informa de que ao longo deste xoves os 44 españois secuestrados por Israel serían trasladados a un aeroporto para viaxar primeiro a Turquía
Israel deportará ao longo deste xoves os e as seis activistas galegas detidas ilegalmente por Israel o pasado luns cando militares deste país asaltaron en augas internacionais a Flotilla solidaria con Gaza. O ministro de Asuntos Exteriores do Goberno español, José Manuel Albares, confirmou que os 44 españois secuestrados por Israel serían trasladados a un aeroporto para viaxar primeiro a Turquía e posteriormente a España.
A liberación prodúcese no contexto do escándalo internacional provocado pola humillación pública á que os máis de 400 activistas detidos foron sometidos por parte do ministro de Seguridade Nacional do goberno ultradereitista de Israel, Itamar Ben Gvir. Nun vídeo publicado polo propio ministro, no que se ve os detidos amoreados no chan, axeonllados e maniatados, Ben Gvir, búrlase deles e delas ao tempo que di "benvidos a Israel, somos os donos".
A liberación prodúcese no medio do escándalo internacional provocado pola humillación pública á que os máis de 400 detidos foron sometidos por parte do ministro de Seguridade Nacional, Itamar Ben Gvir
O vídeo provocou a protesta oficial de varios gobernos, entre eles o español, ademais do francés, o italiano, o belga ou o neerlandés, ademais de mensaxes críticas en redes sociais de líderes, coma o presidente Pedro Sánchez ("non imos tolerar que ninguén maltrate os nosos cidadáns"). Así mesmo, o ministro Albares convocou á encargada de negocios israelí, Dana Erlich, para protestar por un trato “monstroso, indigno e inhumano”.
"O que vemos nestas imaxes non é un exceso puntual dun ministro radical. É a lóxica dun sistema que leva décadas aplicando esta violencia sobre o pobo palestino, e que hoxe a aplica ante as cámaras porque sabe que pode facelo con total impunidade"
A organización da Flotilla destaca que non se trata dun "feito illado" pois Ben Gvir "é coñecido por gravarse dentro de prisións israelís humillando a presos palestinos" e indican que "hai pouco exhibía, nos seus aniversarios, unha torta cunha forca para celebrar a aprobación da lei de pena de morte exclusiva para palestinos".
"O que vemos nestas imaxes non é un exceso puntual dun ministro radical. É a lóxica dun sistema que leva décadas aplicando esta violencia sobre o pobo palestino, e que hoxe a aplica ante as cámaras porque sabe que pode facelo con total impunidade", engaden.