Alba Rodríguez Saavedra: a restauración de Ruth Matilda Anderson

Capa do libro Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes © Laiovento

En 1939, a Hispanic Society of America publica Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña, unha exhaustiva investigación sobre historia, antropoloxía, lingua e literatura. Por que Anderson chega até nós reducida á súa condición de artista «menor», de fotógrafa? A resposta que atopa Rodríguez Saavedra é certamente incómoda

Desde hai case tres décadas, os afeccionados á fotografía pensamos que coñecemos ben a Ruth Matilda Anderson; que coñecemos, sobre todo, o impresionante labor que esta muller fixo no noso país hai un século. E non só en Galiza, por certo. Entre finais de 2022 e comezos de 2023, por exemplo, o magnífico Museo Etnográfico de Castela e León ofreceunos a exposición «En el Viejo Mundo» na cal puidemos admirar unha parte (moi pequena) do traballo de Anderson coa súa cámara de placas Adams Minex ao seu paso pola provincia de Zamora en abril de 1926. A ollada de Anderson nunca deixa de abraiarnos. Unha fotografía que fixo ese mesmo ano das escaleiras do Colexio de Fonseca, en Compostela, revela un talento artístico e unha pericia técnica fóra do común. Agora, Alba Rodríguez Saavedra, en Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes (Laiovento, 2025), revisa a idea que nos fixemos de Anderson e restaura por completo o seu retrato. E a imaxe resultante é asombrosa.

Capa do libro Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes © Laiovento

Nas Gallegan Provinces, presenta o estudo cultural sobre Galiza máis completo até aquel momento colocando na súa cerna, nun lugar sen o cal xa nunca se vai poder entender a nosa historia, un suxeito colectivo inaudito: as mulleres

En 1939, a Hispanic Society of America publica Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña, unha exhaustiva investigación sobre historia, antropoloxía, lingua e literatura, con traducións directas ao inglés de textos dos nosos autores medievais, así como de Eduardo Pondal ou de Emilia Pardo Bazán; ou de Rosalía de Castro, cuxa escolma vertida ao inglés non terá parangón até 1964. E quen é a autora desta obra única, incluídas as excelentes traducións? Efectivamente, a moi cristiá e conservadora e estadounidense Anderson. E aquí, cunha pregunta, empeza a pescuda de Rodríguez Saavedra: Por que Anderson chega até nós reducida á súa condición de artista «menor», de fotógrafa? A resposta que atopa Rodríguez Saavedra é certamente incómoda.

Situando as mulleres no núcleo do seu relato ameaza a posición privilexiada dunha intelectualidade patriarcal e clasista, incluída a galeguista –Risco, Otero Pedrayo, Castelao–, que, ignorando as mulleres, controla o canon historiográfico e reacciona empurrando esa Anderson ensaísta e tradutora contra as marxes do campo cultural, é dicir, condenándoa a un ostracismo que chega até os nosos días

Anderson viaxa por Galiza en dúas ocasións –durante 17 meses e medio, entre 1924 e 1926–, tirando unhas 5.000 fotografías e aprendendo a lingua propia do país para poder levar a cabo dun xeito óptimo o traballo etnográfico encargado pola Hispanic Society. Anos despois, nas Gallegan Provinces, presenta o estudo cultural sobre Galiza máis completo até aquel momento colocando na súa cerna, nun lugar sen o cal xa nunca se vai poder entender a nosa historia, un suxeito colectivo inaudito: as mulleres. En efecto, visibiliza a durísima vida das mulleres na casa e na economía –nun país de homes ausentes, na emigración ou na guerra– e mais o feminismo de Rosalía de Castro e de Emilia Pardo Bazán. E situando as mulleres no núcleo do seu relato ameaza a posición privilexiada dunha intelectualidade patriarcal e clasista, incluída a galeguista –Risco, Otero Pedrayo, Castelao–, que, ignorando as mulleres –aí están tamén Juana de Vega, Concepción Arenal ou Filomena Dato–, controla o canon historiográfico e reacciona empurrando esa Anderson ensaísta e tradutora contra as marxes do campo cultural, é dicir, condenándoa a un ostracismo que chega até os nosos días.

Alba Rodríguez Saavedra ©

Visibiliza a durísima vida das mulleres na casa e na economía –nun país de homes ausentes, na emigración ou na guerra– e mais o feminismo de Rosalía de Castro e de Emilia Pardo Bazán

E é a eses confíns borrosos a onde Rodríguez Saavedra vai buscala para reparar a súa imaxe e presentárnola neste libro á vez severo e delicioso, caracterizado polo seu rigor e pola a súa total falta de petulancia, que acaba de merecer o Premio Follas Novas á obra de ensaio e investigación. A autora demostra que a cordialidade e a calidez non son incompatíbeis nin sequera coa máis radical das discrepancias intelectuais. Son voces como a de Alba Rodríguez Saavedra as que, admirados e agradecidos, cómpre escoitarmos con atención nestes tempos tan groseiros. E o mellor de todo é que, a partir de agora, os amantes da fotografía temos aínda máis motivos para adorar a Ruth Matilda Anderson.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.