Prezada amiga, prezado amigo de Praza.gal:
Se este xoves pasaches pola nosa portada con algo de présa pode ser que che chamase a atención algo que, nunha ollada rápida, pode semellar un banner nun espazo que habitualmente ocupan as informacións. Éo e non o é; trátase dun anuncio publicitario, pero non dun anuncio publicitario calquera, senón do primeiro documentado que se publicou en galego na prensa. Sucedeu tal día coma hoxe de hai 150 anos, o 5 de novembro de 1876.
Celebramos os 150 anos do primeiro anuncio en galego na prensa. Era unha rareza que nos dá pé a unha reflexión que non por incómoda é menos certa: os anuncios, agora banners, tenden na actualidade a ser tamén unha rareza, pero por outros motivos
Este banner decimonónico que traemos á actualidade para celebrar publicouse n'O tío Marcos d'a Portela, o xornal impulsado en Ourense por Valentín Lamas Carvajal que chegou a vender 4.000 exemplar e que consideramosa primeira cabeceira de masas publicada en lingua galega. O precursor dos precursores do xornalismo contemporáneo no noso idioma promocionaba naquel anuncio "Máquinas pra coser d'a compañía fabril Singer" que se vendían nun comercio do número 9 da Rúa da Raíña, en Lugo.
Aquel anuncio na prensa era unha rareza hai século e medio pola lingua na que se publicaba. Sérvenos para compartir a -xustísima- celebración mais tamén para compartir convosco, as socias e socios de Praza, unha reflexión que nos da pé a facer. E que non por incómoda é menos certa. Anuncios coma estes, os banners nos xornais dixitais, tenden agora a ser tamén unha rareza, cada vez máis, pero por outros motivos.
Os anunciantes (privados, públicos) nos que baseamos parte dos nosos ingresos -os que sustentan os salarios da redacción e demais gastos- teñen un interese decrecente nos anuncios habituais, nos banners. As razóns son diversas: dende a tendencia á caída xeral dos tráficos cara aos webs -pola maior permanencia da audiencia nas redes, pola irrupción da intelixencia artificial, entre outros moitos factores que non nos collerían aquí- ata os bloqueadores de publicidade nos navegadores. Sen esquecer, por suposto, o distorsionadísimo mercado dos, por así dicilo, clicks ao peso: banners que acumulan moitísimas visualizacións por iren acompañando pezas (non lles chamaremos informacións) que polo seu efectismo ou sensacionalismo disparan as visitas, un campo de xogo ao que non queremos nin nos achegar.
Moitos anunciantes e profesionais do sector prefiren agora o contido. Poden ser patrocinios a seccións ou proxectos que permiten producir traballos de calidade. Pero hai quen vende contido empaquetado para simular ser información. E iso, sobra dicilo, é outro conto
A tendencia é que moitos anunciantes e profesionais do sector prefiran, cada vez máis, o que chamamos "contido", que é un campo moi diverso. Poden ser patrocinios a determinadas seccións ou proxectos dun xornal por considerar a entidade, marca ou institución que acompañar ese contido xornalístico é favorable para a súa imaxe ou procura de público; a marca gaña esa visibilidade e reputación e o medio, capacidade para producir un traballo de calidade. Pero tamén hai quen vende contido empaquetado para publicar tal cal simulando ser unha información. E iso, sobra dicilo, é outro conto.
Esta combinación de factores, engadidas ás distorsións do mercado publicitario galego das que xa vos falamos en moitas ocasións (determinadas reparticións de campañas do principal anunciante institucional e certos comportamentos privados ligados á esa realidade, etc.) converte en aínda máis importante -se cadra, máis importante ca nunca- o voso papel, o das socias e socios. Cantas máis achegas da comunidade; pequenas, grandes ou medianas, menos preocupación pola publicidade. Cantas máis socias e socios, máis mans na redacción, máis posibilidades de medrar e contar máis, menos posibilidades de caermos en lugares feos a medio e longo prazo.
Esta combinación de factores, xunto coas xa coñecidas distorsións do mercado publicitario galego, fan aínda máis importante (se cadra, máis ca nunca) a comunidade de socias e socios. Sodes moitas e moitos, pero aínda non sodes dabondo
Como sabedes, esa comunidade en torno a Praza.gal medra, pero aínda non é dabondo para afrontarmos un escenario no que os banners de hoxe en día vaian tendendo a ser pezas de museo, como o anuncio das máquinas Singer do que hoxe celebramos o 150 aniversario por ser un innegable avance para o uso normal do galego. Por iso nos permitimos volvervos animar a que compartades cos vosos contactos e amizades a nosa existencia, o doado que é ser socia ou socio de Praza.gal e que, ademais, ata o 80% da achega anual vén de volta automaticamente na declaración da renda por ser unha doazón á Fundación Praza Pública. Polas redes, polo WhatsApp, polo Telegram... E, sobre todo, nas conversas cara a cara :).
Tamén recordamos que, se podes e queres, faríanos moito ben que consideres incrementar a túa actual achega a Praza. Podes tramitar a mudanza como unha nova alta empregando o mesmo correo electrónico e o noso sistema xa substituirá automaticamente a conta de socia ou socio.