A Xunta anuncia outros 5,5 quilómetros, xa prometidos na campaña electoral de 2020 pero nunca executados, e deixa no aire os 10 quilómetros finais dos 42 prometidos no Plan Galicia tras o Prestige
A comezos de 2003, ao pouco de asumir o cargo de conselleiro de Obras Públicas tras a catástrofe do Prestige, Alberto Núñez Feijóo incluía no Plan Galicia da Xunta unha "vía de alta capacidade" á Costa da Morte que daría continuidade á xa existente autoestrada AG-55 A Coruña-Carballo. 22 anos despois, desa prometida infraestrutura só están en servizo, desde 2016, 27 dos 42 quilómetros que ía ter.
Agora, tras catro grandes paralizacións e dous recortes das previsións iniciais, o Goberno de Rueda anuncia a súa intención de sacar a concurso as obras doutros 5,5 quilómetros "antes de que remate o ano". Para os restantes 10 quilómetros non se ofrecen estimacións.

Primeira paralización en 2008
A vía da Costa da Morte, duns 42 quilómetros que suporían a continuación ata Berdoias (Vimianzo) da autoestrada A Coruña-Carballo, licitouna por primeira vez o bipartito de PSdeG e BNG en xullo de 2007 como unha concesión por 30 anos pola que estaba disposto a pagar un máximo de 1.100 millóns á empresa que asumise a obra -cun custo material duns 200 millóns- e o seu mantemento durante ese período. Adxudicoulla a unha unión temporal de empresas (UTE) formada por Ferrovial e Taboada y Ramos, que se comprometía a facela a cambio de só 584 millóns pero que, pouco despois de iniciar os traballos a finais de 2008, dicíalle ao Goberno galego que non sería quen de rematala se non lle pagaba un 30% máis.
Tras a chegada á Xunta do PP, o novo goberno rexeitou as pretensións da empresa, rescindiulle o contrato e licitouno de novo lixeiramente modificado en decembro de 2009. Se o proxecto do bipartito prevía construír inicialmente unha vía rápida dun carril por sentido que nunha segunda fase se desdobraría en autovía, o PP rebaixou o período concesional a 25 anos co requisito de que tivese catro carrís xa desde o primeiro momento.
Segunda paralización en 2010
En xuño de 2010 o PSdeG denunciou un sobrecusto de 395 millóns na segunda licitación da autovía con respecto á adxudicación anulada do bipartito
Nese segundo proceso, a oferta mellor valorada, dunha UTE formada entre outras por FCC e Covsa, resultou ser a máis cara, con 979 millóns, o que provocou que en xuño de 2010 o daquela líder do PSdeG, Pachi Vázquez, denunciase no Parlamento de Galicia o que cualificou como un “sobrecusto” de 395 millóns de euros con respecto á adxudicación do bipartito. A segunda candidata nesa segunda licitación, unha UTE de Dragados e Puentes, que ofertaba a obra por 200 millóns menos, levou o proceso ao xulgado e a actuación quedou paralizada por segunda vez.
En setembro dese ano, tres meses despois da denuncia socialista, a daquela directora de Infraestruturas da Xunta, Isabel Vila, deixaba o cargo e asumíao quen máis adiante tamén sería conselleira, Ethel Vázquez, que volveu licitar a obra por terceira vez. A esa terceira contratación, adxudicada en maio de 2011 por 745 millóns, só se presentaron dúas ofertas, de ACS e da UTE que resultou finalmente adxudicataria, formada por Copasa, Taboada y Ramos (presente na concesionaria do bipartito), Covsa (participante na oferta do suposto sobrecusto) e CRC.
Terceira paralización en 2013 en primeiro recorte en 2015
Pero tampouco á terceira foi a vencida. En febreiro de 2013, case dous anos despois da terceira adxudicación, a Xunta a Xunta admitía unha terceira paralización do proxecto, co grao de execución da obra aínda no 20%. O Goberno galego comezou a argumentar que a concesionaria non era quen de atopar o financiamento ao que se comprometera para poder acometer os traballos. Pero en vez de rescindirlle o contrato, como fixera nunha situación similar coa primeira adxudicataria do bipartito, o Goberno de Feijóo optou por incluír un artigo na lei de Orzamentos autonómicos para 2015 co que lle perdoou á empresa a execución dos últimos 15 quilómetros da vía, entre os lugares de Baio (Zas) e Berdoias (Vimianzo).
A autovía quedou así recortada dos 42 quilómetros inicialmente previstos a só 27, un 35% menos de lonxitude do proxectado inicialmente polo que a Xunta prevía aforrar só un 17% do importe total que tiña previsto pagar.
Segundo recorte e cuarta paralización en 2020
Eses 27 quilómetros de autovía foron inaugurados en 2016, e dos 15 restantes non se volveu saber ata comezos de 2020, cando a Xunta anunciou, coas eleccións galegas xa convocadas e vixente a prohibición de actos electoralistas, que retomaría os seguintes 5,5 quilómetros, entre Baio e a estrada AC-432 que comunica Vimianzo con Camariñas. Pero xa non terían características de autovía senón que a infraestrutura contaría cun único carril por sentido cun investimento de 28,7 millóns de euros.

En 2015 a Xunta 'perdoou' á concesionaria un 35% da lonxitude da autovía a cambio de aforrar un 17% do custo previsto, e en 2020 anunciáronse outros 5,5 quilómetros nunca executados para os que agora se presenta unha "actualización do proxecto"
Porén, tampouco esa infraestrutura recortada sairía adiante. A obra foi sometida a información pública aquel 2020 pero a Xunta nunca chegou a convocar o concurso para executala. Así que agora, cinco anos despois, Rueda anuncia que este mes vaise someter novamente a información pública "a actualización do proxecto" deses 5,5 quilómetros seguintes, agora cun investimento previsto de 36,4 millóns. A súa intención, di, é aprobar definitivamente o proxecto en setembro e licitar a obra "antes de que remate o ano". Nada se di dos restantes 10 quilómetros para completar os 42 previstos inicialmente ata Berdoias.
Mentres, polos 27 quilómetros inaugurados en 2016 a Xunta aínda ten pendentes de pagar máis de 400 millóns de euros ata 2038. Porque a da Costa da Morte foi a única autovía con peaxe en sombra das planificadas e executadas por Feijóo que o Goberno de Rueda non rescatou tras o informe crítico feito público polo Consello de Contas hai ano e medio no que se revelaba que a Xunta estaba a pagar de máis por elas.