23 anos e 260 millóns de euros e non será intermodal ata 2025: a Plisan inicia aínda agora a obra para a súa conexión ferroviaria

Responsables das tres administracións socias da Plisan (Xunta, Autoridade Portuaria e Zona Franca de Vigo) no inicio este mércores da conexión ferroviaria do polígono coa liña Vigo-Ourense CC-BY-SA Xunta de Galicia

O maior polígono de Galicia, proxectado en 2000, non tivo empresas instaladas ata hai tres anos, cando xa consumira 230 millóns de euros, aos que agora se suman outros 30 para enlazalo co tren que pasa ao seu carón e que motivou o seu emprazamento

A Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan) foi lanzada en setembro de 2000 como un proxecto conxunto da Xunta, a Autoridade Portuaria e a Zona Franca de Vigo. Pensada inicialmente como un porto seco, un lugar de intermodalidade no que operar as mercadorías do porto vigués, para o seu emprazamento elixiuse un amplo val entre Salvaterra e As Neves xunto ao Miño non só pola súa orografía senón tamén porque ao seu carón e paralela ao río discorre a liña ferroviaria entre Vigo e Ourense.

Porén, 23 anos despois do lanzamento do proxecto, e tras investir nel as tres administracións máis de 230 millóns de euros, a intermodalidade non será unha realidade cando menos ata dentro dou anos. Porque aínda este mércores comezou a obra da conexión ferroviaria entre o polígono e a liña Vigo-Ourense, que suporá outros 30 millóns de euros e que ten un prazo de execución de 22 meses.

O presidente Rueda este mércores a carón das vías da liña Vigo-Ourense coa que agora comezará a conectarse a Plisan CC-BY-SA Xunta de Galicia

Nestas máis de dúas década de longa xestación do proxecto a Plisan viviu de todo. O polígono deseñado sobre os planos en 2000 ía ter 4,2 millóns de metros cadrados de superficie, 420 hectáreas equivalentes a outros tantos campos de fútbol. Pero en 2010 o Tribunal Supremo sentenciou que case un terzo desa superficie non debía ser incluída no proxecto porque tiña protección forestal. 

Pero as árbores xa foran arrasadas, o que posteriormente permitiu á Xunta xustificar a reincorporación de parte daquel espazo ao proxecto. Este mesmo mércores o presidente Rueda confirmou que dentro dun mes a Xunta aprobará esa reincorporación para que a Plisan volva superar os 4 millóns de metros cadrados. 

A Xunta volverá incorporar á Plisan un millón de metros cadrados que o Supremo excluíra polo seu valor forestal porque ese interese natural xa se perdeu coas obras alí executadas

Aínda que unha década despois a sentenza do Supremo apenas tivo efectos prácticos, si obrigou a un novo reparto dos terreos que inicialmente ían corresponder por separado a cada unha das tres administracións implicadas. Pero o seguinte modelo de xestión elixido, de propiedade compartida entre as tres administracións, impedía a venta de terreos, restrición legal que afecta ás autoridades portuarias, o que obrigou a novos cambios legais que demoraron a comercialización das parcelas. 

Terreos que o Supremo retirou da Plisan polo seu valor forestal e que a Xunta volverá incluír no polígono despois de que ela mesma impulsase a súa explanación CC-BY-SA Xunta de Galicia

Así que tras 231 millóns de euros de investimento, segundo a cifra que deu o presidente Feijóo nunha visita á zona en 2019, as primeiras parcelas non comezaron a ocuparse ata hai tres anos, dúas décadas despois do lanzamento do proxecto. E entre esas primeiras empresas non estaba xa a gran fábrica de baterías de Mitsubishi anunciada pola Xunta ao pouco de chegar Feijóo á súa presidencia. 

Un Feijóo que uns anos antes, aínda como conselleiro de Manuel Fraga, herdara do seu antecesor Xosé Cuiña un proxecto que nestas dúas décadas acumulou sentenzas xudiciais que certifican a súa mala xestión por parte das administracións implicadas, xestionadas tanto por populares como por socialistas. E que incumpriu todo tipo de previsións evidenciando a incapacidade dos seus socios para acompasar as diversas infraestruturas necesarias para o seu funcionamento, como xa ocorrera coa autovía que lle dá acceso desde a A-52 ou coa súa depuradora, e que agora volve quedar patente coa súa conexión ferroviaria. 

A conexión da Plisan coa liña Vigo-Ourense que as autoridades deron por iniciada este mércores suporá outros 30 millóns de euros de investimento e 22 meses de prazo. Porque non só hai que construír a conexión en si senón tamén a terminal de mercadorías, que segundo salienta a Xunta "permitirá que todas as compañías asentadas na área industrial poidan utilizar o tren para o subministro de materias primas, compoñentes e a distribución posterior dos produtos, facilitando que haxa trens lanzadeira desde o porto de Vigo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.