30 anos da ordenanza fantasma: a norma que nunca entrou en vigor e ameaza quebrar Oia por un hotel ilegal

O hotel con centro de talasoterapia ilegal en funcionamento desde 2003 en Oia a carón do faro de cabo Silleiro CC-BY-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

A xustiza volve insistir na derruba do centro de talasoterapia que o PP autorizou ao amparo dunha norma nunca publicada e que agora non é quen de regularizar logo de que en 2009 PSdeG e BNG lograsen a súa ilegalización

En xuño de 1996 o Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra publicou unha nova normativa urbanística do Concello de Oia que entre outras cuestións pretendía facilitar un balneario de auga de mar en pleno cabo Silleiro, un emprazamento de alto valor paisaxístico. Pero alguén esqueceu publicar a ordenanza concreta, a número 13, que regularía esa construción, así que nunca entrou en vigor. Iso non impediu ao goberno local do PP outorgar en 2000 a licenza ao amparo desa ordenanza fantasma de 1996. E cando a xustiza estableceu en 2009, a instancias da Xunta de PSdeG e BNG, que fora ilegal, o edificio xa levaba seis anos funcionando. 

30 anos despois, aquela ordenanza fantasma é agora unha ameaza real de quebra para Concello de Oia. Porque se a derruba se concreta, como volve insistir a xustiza, os propietarios poderían esixir unha indemnización millonaria ás arcas municipais. 

Sentenza que en 2009 constatou que ordenanza en que se amparou a construción do hotel de Oia nunca entrara en vigor porque non fora publicada no BOP de Pontevedra CC-BY-NC-SA Imaxe: Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia | Montaxe: Praza Pública

A sentenza que en 2009, a instancias da Xunta de PSdeG e BNG, declarou ilegais as licenzas do Concello de Oia para construír o hotel e centro de talasoterapia de cabo Silleiro reflicte así o sucedido: "A Ordenanza Nº 13, de equipamento hoteleiro-balneario, das Normas Subsidiarias do Concello de Oia de 1996 non aparece no texto que foi publicado no BOP de Pontevedra de 18/6/96 e polo tanto nunca entrou en vigor". E concluía que "ao non entrar en vigor dita ordenanza ningunha licenza podía ser concedida ao seu amparo"

Pero ía máis alá e mesmo dicía que o construído tampouco respectaría o establecido na ordenanza fantasma "no referente a altura e número de plantas dos edificios".

O construído finalmente foron varias plantas de altura, en teoría cinco sobre a rasante do terreo. Pero sobre un terreo en forte pendente que fai que desde a estrada de acceso se poidan contar ata oito alturas distintas no complexo. Todo iso a apenas cen metros do mar e 500 metros do emblemático faro de cabo Silleiro, nun lugar de especial tranquilidade pero a tan só 5 quilómetros da moi turística Baiona.

Nestes anos o hotel recibiu diversas axudas públicas ao tempo que varias administracións lle abrían expedientes mesmo por verteduras ao mar do que obtén a auga para as piscinas de talasoterapia

Inaugurado en 2003, durante este tempo o talaso de Oia, malia a súa ilegalidade, recibiu diversas axudas públicas da Xunta e do Estado e mesmo albergou unha conferencia internacional de ministros de Pesca no marco da World Fishing Exhibition celebrada en Vigo aos poucos meses da súa apertura. Ao tempo, diversas administracións abriron contra el varios expedientes non só pola ilegalidade da construción ou por obras posteriores senón tamén por verteduras ao mesmo mar do que obtén a auga para o funcionamento das súas piscinas de talasoterapia.

Hotel e centro de talasoterapia de Oia en cabo Silleiro © Google

Coa sentenza firme de 2009 que estableceu a ilegalidade da licenza outorgada polo Concello instouse a derruba do edificio, que tamén foi sentenciada pola xustiza en 2012. Pero iso suporía que os propietarios do hotel poderían pedir unha indemnización municipal, xa que eles construíron cunha licenza na man que daban por válida. Cunha poboación de apenas 3.000 habitantes e uns orzamentos municipais que apenas superan os 2 millóns de euros, indemnizar a derruba de semellante complexo levaría as arcas municipais á quebra.

A proposta de reducir a altura e reorganizar os volumes non acaba de convencer á Xunta, que dubida de que o terreo vaia quedar como estaba

Para evitar a indemnización o Concello leva década e media tentando legalizar o ilegal, de momento sen éxito. A xustiza foi aprazando a execución derruba ante a promesa de tramitación dun plan urbanístico específico para legalizar o hotel reducindo a súa altura e reestruturando os seus volumes para así adaptalo supostamente ao que permite a lexislación urbanística nesa contorna. Pero ese plan municipal segue sen ser aprobado porque a Xunta non acaba de ver que a topografía do terreo vaia quedar como estaba. 

Tamén considerou que o uso de talasoterapia está permitido no tipo de solo do litoral no que se levanta o complexo, a apenas cen metros do mar, pero non así "os usos residenciais ou terciarios asociados a estas instalacións". Isto é, o hotel.

Proposta de legalización do talaso de Oia reducindo a súa altura que non acaba de convencer á Xunta © Concello de Oia

A falta de plan urbanístico que legalice o complexo, o xulgado de Pontevedra que coñece do caso desde hai dúas décadas cansou de esperar e vén de emitir un novo auto no que dá ao Concello dez días para iniciar o proceso de derruba instando ao propietario a que a acometa. A ameaza xurdida da ordenanza fantasma de 1996 está máis próxima de facerse real.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.