O Goberno galego comprometérase a achegar 10,1 millóns para a obra ao Estado, pero deixou parte sen pagar acusándoo de incumprir as condicións, o que agora é desbotado nunha nova sentenza por demoras nas grandes depuradoras galegas
En 2012 a Xunta comprometeuse co Estado a achegar 10,1 millóns de euros para que este construíse a nova depuradora de Ourense, inaugurada en xullo de 2017. Porén, amparándose en que a obra demorárase dous anos, deixou sen pagar 1,8 millóns alegando que eran unha subvención e que o Estado incumprira as condicións de prazos. Agora a Audiencia Nacional vén de dar a razón ao Estado e condena ao Goberno galego a pagarlle esa contía, máis xuros de demora, porque considera que foi a Xunta quen actuou de mala fe e con falta de dilixencia.
A sentenza súmase a outras previas por demoras noutras grandes depuradoras galegas como as de Vigo, Santiago ou Ribeira.
Segundo o relato dos feitos que fai a Audiencia Nacional, a Xunta, a través de Augas de Galicia, comprometeuse en 2012 nun convenio asinado coa estatal Aguas de las Cuencas de España (Acuaes) a achegar "un importe fixo e máximo de 10.109.000 euros" para a construción da nova depuradora de Ourense. O convenio prevía entregas anuais ata 2015, pero as obras demoráronse ata a posta en servizo en 2017 sen que ningunha das dúas partes instase a actualizar o convenio e sen que a Xunta chegase a pagar 1,8 millóns do monto total de 10,1 millóns que coprometera.
Xunta e Estado asinaran un convenio, pero o Goberno galego pasou a considerar o caso como o incumprimento dunha subvención, o que o tribunal rexeita apelando á "lealdade institucional"
En marzo de 2022 o Estado pediu a Augas de Galicia o pagamento da débeda, pero a Xunta "non respondeu ao requirimento formal". O Estado volveullo pedir en novembro dese mesmo ano, e a resposta daquela da Xunta foi que o Estado incumprira coa demora da obra as condición fixadas no que o Goberno galego consideraba "unha subvención".
Segundo o Goberno galego, para non incumprir esa subvención o Estado debía impulsar unha modificación ou adenda do convenio que a regulaba para axustar as anualidades dos pagamentos. Porén, a resposta da Audiencia Nacional é outra. O tribunal di que aínda que a Xunta considerase as súas achegas unha subvención a efectos do seu propio orzamento, "estamos no ámbito da colaboración entre administracións públicas" polo que "debe estarse ao disposto no convenio, que esixe unha actuación por todos os participantes de acordo cos principios da boa fe e de lealdade institucional".
A Audiencia Nacional considera que se Augas de Galicia precisaba facer axustes orzamentarios, "e sendo informada na comisón de seguimento regularmente da demora que sufrían as obras, debeu levar a iniciativa e formular en ditas reunións a necesidades de aprobar unha adenda". "Ningunha circunstancia facía supoñer que con motivo da demora das obras non ían ser necesarias as achegas da administración demandada, que coñecía desde o inicio o límite máximo co que tiña que contribuír ao financiamento das obras", di a sentenza, que engade que "esta actuación era obrigada a partir do principio de boa fe e lealdade que debe presidir a colaboración entre administracións".
A sentenza conclúe que a Xunta "era perfecta coñecedora de que non efectuara as achegas ata o máximo comprometido e que a obra continuaba" e que "se non actuou con dilixencia non pode simplemente imputar á administración subvencionada a falta de iniciativa para liberarse do cumprimento dunha obriga que era certa e que debía atender en todo caso". Así, condena á Xunta a pagar ao Estado os 1,8 millóns que lle debe máis os xuros de demora.
Antecedentes en Vigo e Ribeira
En 2022 o Supremo condenou a Xunta a pagar ao Estado 4 millóns polas demoras das depuradoras de Vigo e Ribeira
En 2022 Tribunal o Supremo xa condenou a Xunta a pagar ao Estado 4 dos 32 millóns de euros cos que a Unión Europea multou a España pola demora do saneamento de varios núcleos de poboación en todo o Estado. Entre eles Vigo, Ribeira e Santiago.
No caso de Santiago o Goberno de España asumiu a súa propia responsabilidade, que cifrou en 1,6 millóns, pero atribuíu á Xunta a demora das depuradoras de Vigo e Ribeira, cifrando a parte autonómica da multa en 3,7 e 0,3 millóns respectivamente. O Goberno galego preiteou de xeito reiterado culpando aos concellos, pero o Supremo salientou que a Xunta atribuírase para si a competencia sobre esas dúas depuradoras.