Valorouse negativamente a ausencia dun aeroporto a menos dunha hora, a falta de apoio da Xunta e que a sede proposta era un centro de investigación xa ocupado pola Universidade de Vigo
Tras facer este luns público o Consello de Ministros a elección da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) e de Sevilla para a Axencia Espacial Española, este martes o Boletín Oficial del Estado publica as valoracións concretas das diversas candidaturas presentadas para cada organismo. Ademais da candidatura finalmente vencedora da Coruña á Axencia de Intelixencia Artificial, tamén a cidade de Ourense presentárase non só como candidata a albergar ese ente senón tamén a Axencia Espacial Española.
O documento co que o Goberno de España fai públicas as valoracións das candidaturas da Axencia de Intelixencia Artificial limítase a constatar a presentación dun total de 16 cidades aspirantes, entre elas Ourense, pero só detalla a valoración das tres finalistas que se consideraron como “de excelencia”: A Coruña, Alacante e Granada. Pola contra, no caso da Axencia Espacial o seu documento si detalla que das 21 candidaturas recibidas un total de 15, entre elas a de Ourense, foron consideradas “con deficiencias técnicas”, que se describen moi por enriba.
A iniciativa de candidatura á Axencia Espacial, impulsada polo Goberno local que encabeza Gonzalo Pérez Jácome propuña como sede o edificio do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, no Parque Tecnolóxico. Ese é foi un feito valorado negativamente: “A candidatura de Ourense presenta unha sede que necesitaría unha adaptación para adecuala ás necesidades da Axencia e trasladar fóra as actividades que se desenvolven nela actualmente”, di o documento publicado no BOE, que engade que “non existe apoio para o sostemento da sede e a súa adecuación”.
No caso de Ourense, malia o grao de Enxeñaría Aeroespacial co que conta o seu campus, valorouse negativamente que a cidade non teña "unha actividade significativa no sector aeroespacial, nin no ámbito empresarial nin na investigación"
Outra das eivas da candidatura ourensá foi que “non ten un aeroporto coas conexións requiridas a menos dunha hora de viaxe” e que “tampouco presenta Ourense unha actividade significativa no sector espacial, nin no ámbito empresarial nin no ámbito da investigación”, malia contar o seu campus co grao en Enxeñaría Aeroespacial.
Por último, o documento di que na súa candidatura “non se evidencia tampouco o apoio da comunidade autónoma”, respaldo que a Xunta si deu á candidatura da Coruña para a Axencia de Intelixencia Artificial.