O irmán do militante da UPG asasinado pola policía franquista en 1975 solicita nunha reunión ao presidente do Parlamento que "impida facer efectiva" a iniciativa na que os populares equiparan con delinquir homenaxear a súa memoria
Dende principios do pasado xuño o PP ten rexistradas no Parlamento dúas proposicións non de lei -unha para aprobar en pleno e outra, en comisión- nas que equiparan con delinquir as homenaxes a Moncho Reboiras, militante da Unión do Povo Galego (UPG) asasinado pola policía franquista en 1975. Concretamente, sinálanas como enaltecemento do terrorismo, delito tipificado no Código Penal e castigado con entre 1 e 3 anos de prisión, co obxectivo de alentar a retirada de espazos públicos das esculturas na súa memoria promovidas polas fundacións Moncho Reboiras e Terra e Tempo polo 50 aniversario do crime.
Con este pano de fondo e mentres o PP non culmina o trámite destas iniciativas de presión política -non serían vinculantes, toda vez que corresponde a cada concello e non á Xunta decidir sobre esculturas na rúa-, a familia de Moncho Reboiras vén de ser recibida polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices. Nesa entrevista solicitaron amparo ao xefe do lexislativo para tentar frear as pretensións do seu propio Grupo Parlamentario contra quen leva case dúas décadas recoñecido oficialmente como vítima da ditadura.
Manuel Reboiras, irmán de Moncho, resumiu en representación da familia cunha carta as demandas expostas a Santalices, encabezadas pola petición de que "impida que se faga efectiva" a proposición do PP formulada "co propósito único de denigrar non só a figura de Xosé Ramón Reobiras, senón por extensión a de todas aquelas persoas que arriscando a súa seguridade persoal, o futuro profesional, a tranquilidade familiar, decidiron opoñerse activamente a un réxime de falta de liberdades que negaba os dereitos fundamentais da cidadanía.
A familia lembra ao xefe do lexislativo que os "argumentos falaces, sumamente ofensivos" do PP contra o Moncho Reboiras chegan mentres leva case dúas décadas recoñecido oficialmente como vítima da ditadura
Neste sentido, a familia de Reboiras lembra como xa en 2009 o Ministerio de Xustiza acreditou a súa condición de vítima ao abeiro da Lei da Memoria Histórica. E que tanto aquela norma como a súa sucesora, a vixente Lei de Memoria Democrática, sinalan que "a democracia española debe honrar ás vítimas e obriga aos poderes públicos e ao conxunto da sociedade a honrar a memoria das vítimas da represión e preservar a súa dignidade". Por iso piden ao presidente do Parlamento que, "para facer xustiza ás vítimas do franquismo en xeral e a Moncho Reboiras en particular e poder pechar feridas", a Cámara faga "unha explicita e pedagóxica defensa dos cidadáns que sufriron violencia durante a ditadura".
O irmán e demais familiares de Moncho Reboiras encadran esta petición a Miguel Santalices nun contexto de "enérxica contrariedade e indignación" pola iniciativa do PP. Está inzada, lamentan, de "afirmacións e argumentos falaces, sumamente ofensivos". Xunto cun perfil da súa traxectoria académica e profesional, explican como a súa "conciencia" o levou a "organizarse en forzas políticas clandestinas, perseguidas, encarceradas e torturadas" pola ditadura nun contexto de "compromiso coa realidade do seu tempo", un "exemplo" como "figura democrática esencial de entrega a unha causa dunha legalidade interrompida por un golpe de estado anticonstitucional", conclúen.