O ministerio fiscal considera que a presidenta da sala do Contencioso-Administrativo actuou "sen criterios obxectivos e predeterminados" e "con falta de motivación suficiente"
Aínda que será a Fiscalía do Supremo a que deba pronunciarse ante ese tribunal sobre a decisión de fondo do TSXG de apartar dous xuíces da sección que xulga as autorizacións eólicas en Galicia, entre outras cuestións contencioso-administrativas, a Fiscalía de Galicia vén de pronunciarse sobre o posterior afastamento dun caso concreto. Faino nun ditame avanzado pola Cadena Ser e ao que tivo acceso Praza.gal no que non só critica os efectos sobre ese caso concreto senón que se remonta á decisión anterior, que considera que foi tomada "sen criterios obxectivos e predeterminados" e "con falta de motivación suficiente". Un primeiro posicionamento da Fiscalía que avanza para posteriores recursos similares a súa defensa do dereito ao xuíz predeterminado como dereito fundamental.
O pasado marzo, poucos días despois de ser elixida nova presidenta da sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), María Azucena Recio decidiu afastar da sección terceira do contencioso aos maxistrados Luís Villares, que foi voceiro da desaparecida En Marea, e Dolores López. Fíxoo tras meses de críticas desde a Xunta, o PP e a patronal por decisións desa sección que veñen paralizando o desenvolvemento do sector eólico por supostas ilegalidades e na autorización de proxectos por parte do Goberno galego.
Esa decisión xeral foi denunciada pola asociación Xuízas e Xuíces para a Democracia e diversos colectivos ante a Fiscalía de Galicia, que remitiu o caso á Fiscalía do Tribunal Supremo porque María Azucena Recio é aforada como maxistrada que é do TSXG. Así que será a Fiscalía do Supremo a que deba emitir a súa opinión sobre a decisión xeral de apartar os maxistrados. Pero agora a Fiscalía de Galicia pronúnciase sobre o posterior afastamento dun caso contencioso concreto, da CIG contra a Xunta, no que se mudou de relatora co proceso xa en marcha.
A Fiscalía de Galicia di que mudar de relatora cun caso xa en marcha pode atentar contra o principio xurídico básico do dereito ao xuíz ordinario predeterminado
A CIG recorreu a decisión do TSXG impoñer en maio unha nova relatora no seu caso esgrimindo o previo afastamento desa sección dos dous maxistrados decidido en marzo. E agora a Fiscalía respalda as protestas da CIG e salienta que a mudanza de relatoras cos casos xa en marcha pode atentar contra o principio xurídico básico do dereito ao xuíz ordinario predeterminado pola lei. Ese principio, di a Fiscalía, pode ter matices, pero ao seu ver non se deron neste caso.
A Fiscalía argumenta que a mudanza de relatora neste caso en maio vén derivada da decisión xeral tomada por María Azucena Recio en marzo. E dela di, citando xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que tivo "ausencia de criterios obxectivos e precisos" e "falta de motivación suficiente". Por unha banda, a Fiscalía di que "non se fixaron criterios obxectivos e predeterminados que guiasen a decisión e tampouco consta que a Sala de Goberno do TSXG aprobase os criterios aducidos".
Por outra banda, sinala que "a motivación foi xenérica e non individualizada, sen explicar por que o traslado forzoso era necesario para preservar a imparcialidade do tribunal en todos os asuntos, máis alá dos tres casos concretos nos que se estimaron recusacións". Isto é, se Villares foi recusado en tres casos concretos sobre eólicos porque como político fora crítico con ese tipo de proxectos, non se xustificaría que fose afastado do resto de casos contenciosos de todo tipo que analizaba esa sección terceira.
Así que ante o recurso da CIG reclamando o seu dereito a que se manteña a relatora orixinal do seu caso, a Fiscalía dálle a razón e di que "a maxistrada relatora orixinaria debe seguir coñecendo do asunto ata a súa conclusión, agás que concorra unha causa xusta de abstención ou recusación". Non acepta a petición da CIG de que o TSXG eleve unha cuestión prexudicial ante o Tribunal da UE porque considera que xa se pronunciou claramente sobre estas situacións ratificando o dereito aos xuíces predeterminados.