A investigación sobre Angrois no Congreso será presidida polo PDeCAT, crítico con Fomento cando era CiU

Feliu Guillaumes, do PDeCAT, presidente da comisión de investigación política sobre o accidente de Angrois Dominio Público Congreso dos Deputados

O deputado do PDeCAT no Congreso Feliu Guillaumes foi este mércores nomeado presidente da comisión de investigación política sobre o accidente de Angrois, constituída á fin seis meses e medio despois da súa aprobación polo Pleno do Congreso e case cinco anos despois do sinistro que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos e 144 feridos ás portas de Santiago. Guillaumes é a persoa de consenso que permitiu desbloquear a constitución da comisión despois de que as vítimas e os partidos que as apoian se negasen a que a presidise ningunha formación que no pasado se amosase contraria á súa creación. Nese sentido o PDeCAT é herdeiro político da antiga CiU, que se amosara no pasado crítica coa independencia da investigación oficial do sinistro realizada polo Ministerio de Fomento, que culpou do accidente ao maquinista sen afondar noutras responsabilidades.

A comisión foi rexeitada durante catro por PP e PSOE, que tiñan como ministros de Fomento a Ana Pastor e José Blanco respectivamente cando sucedeu o sinistro e cando se inaugurou a liña de AVE Ourense-Santiago

A comisión de investigación política sobre o sinistro é unha reivindicación das vítimas desde pouco tempo despois do accidente, pero durante catro anos foi rexeitada por PP e PSOE, que tiñan como ministros de Fomento a Ana Pastor e José Blanco respectivamente cando sucedeu o sinistro e cando se inaugurou a liña de AVE Ourense-Santiago na que tivo lugar. Os dous, de feito, serán chamados a comparecer na comisión, que foi aprobada o pasado setembro despois de que a nova dirección socialista de Pedro Sánchez cambiase de opinión e pasase a apoiala. Este mércores a propia Pastor, agora presidenta do Congreso, cuxa Mesa tentou impedir que a comisión saíse adiante, presidiu a constitución da comisión.

Feliu Guillaumes, xa nomeado presidente, apelou a acadar consensos para "salvar vidas" pero amosou o seu escepticismo ao respecto

Unha vez nomeado presidente da comisión, Guillaumes apelou aos deputados que van participar nela a tentar acadar o maior número de consensos posibles porque contribuirá “a salvar vidas”. Porén, admitiu que “hai dous tipos de comisións de investigación, as que se reúnen cun esforzo para chegar a acordos e as que parece que isto é imposible”, e amosou o seu temor a que sexa o segundo o que ocorra coa de Angrois. Para tentar evitalo, Guillaumes pediu ter “sensibilidade e delicadeza” coas vítimas do sinistro. Canto ao seu funcionamento efectivo, a comisión deuse un prazo dun mes para que os seus membros presenten as súas propostas de comparecentes e de documentación a achegar á mesma.

Guillaumes intervén ante a comisión tras ser elixido presidente / Sinal institucional do Congreso

Visión sobre o sinistro de CiU, antecesora do PDeCAT

CiU dubidaba en 2014 da independencia da investigación oficial do ministerio, algo que logo confirmaron a Xustiza e a UE

O PDeCAT é a formación herdeira da antiga Convergència dominante en CiU, que no seu momento se amosou crítica coa investigación oficial do accidente de Angrois realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento. Un ano despois do sinistro a CIAF concluíu a súa investigación facendo responsable ao maquinista do Alvia por non frear a tempo antes da curva malia que non estaba activo ningún sistema que evitase ou paliase ese previsible erro humano. A mediados de 2016 tanto a Audiencia Provincial da Coruña como a Axencia Ferroviaria Europea constataron a falta de independencia deses investigadores nomeados por Fomento, cuestión que xa fora criticada por CiU no Congreso dous anos antes.

Tras o sinistro, cando o PP tiña maioría absoluta e o PSOE tamén rexeitaba a creación dunha comisión de investigación política, o Congreso puxo en marcha unha subcomisión de análise e mellora do sistema ferroviario en xeral. As súas conclusións abarcaron moi diversos ámbitos, e no da seguridade estableceu que a rede ferroviaria española é segura, pero que aínda o podería ser máis e sería desexable que o custo das súas melloras se adecúe ao volume de tráfico de cada liña. Esa subcomisión de estudo do Congreso, pola que pasaron 39 comparecentes, celebrouse a porta pechada, pero a partir das transcricións que os servizos da Cámara fixeron das súas sesión pódese coñecer a postura que adoptaron os distintos grupos que participaron nela, incluída CiU, representada daquela por Pere Macias, de Convergència, especialmente preocupado pola rendibilidade de Renfe e a liberalización do sector, pero que tamén tivo ocasión de pronunciarse sobre cuestións de seguridade.

A investigación oficial de Fomento condicionou nunha primeira fase a investigación penal xa que nela se basearon varios peritos xudiciais

Nesa subcomisión do Congreso compareceu o 25 de xuño de 2014, poucos días despois de que se coñecesen as conclusións da CIAF, o presidente dese organismo investigador de Fomento, Vicente Rallo Guinot. Ese día o representante de CiU criticou precisamente o nomeamento dos membros da CIAF por parte do ministerio como unha eiva para a independencia das súas investigacións e propuxo que pasase a ser o Congreso quen nomease os investigadores, modificación que acabaría implantándose.

Naquela comparecencia o deputado de CiU tamén se amosara crítico coa ambigüidade coa que a CIAF analizara a modificación, na época do socialista José Blanco á fronte de Fomento, do proxecto orixinal do AVE Ourense-Santiago que supuxo reducir a seguridade da curva de Angrois. Pere Macias reprochou que a CIAF validase de xeito “impersoal” no seu informe esa modificación  cun “se decide” sen explicitar quen decidira ese cambio.

Similares críticas serían posteriormente formuladas pola Unión Europea, pero malia todos os datos novos aparecidos na investigación xudicial, a CIAF négase a realizar unha nova investigación técnica do sinistro e Fomento ampárase en que agora esa comisión é independente e xa non pode ordenarlle facelo. Unha investigación técnica oficial que condicionou nunha primeira fase a investigación penal xa que nela se basearon varios peritos xudiciais.

Ana Pastor, durante a constitución da comisión de investigación do accidente de Angrois Dominio Público Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.