A Xunta publicou este mércores no seu portal de transparencia o proxecto para a nova estrutura das áreas sanitarias no Sergas co que se pretende reforzar e potenciar o papel da atención primaria e mais o da enfermaría en Galicia. Deu así un paso máis na que xa é a fase final da tramitación desta mudanza antes de que sexa aprobada de xeito definitivo polo Consello da Xunta.
A proposta busca reforzar e potenciar o papel da atención primaria e da enfermería, demanda constante de sindicatos, persoal e entidades pola sanidade pública
A proposta, presentada aos sindicatos na mesa sectorial a finais do pasado xuño, pretende satisfacer algunha das grandes demandas da representación laboral, do persoal e de entidades en defensa da sanidade pública a respecto da atención primaria, cunha dirección que sobre o papel situaríase ao mesmo nivel que a hospitalaria, e en canto á enfermaría, que tamén contaría cunha dirección propia.
Así, o proxecto, que modificaría o Decreto 134/2019 polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios, ten a "finalidade principal" de "potenciar a atención primaria e o papel da enfermería", segundo explica a Consellería de Sanidade.
O departamento de dirixe Antonio Gómez Caamaño propón no texto que todas as áreas sanitarias conten cunha Dirección de Atención Primaria que pasará a denominarse de Atención Primaria e Comunitaria e a depender directamente da xerencia de cada área. No propia proposta o Sergas aclara que "resulta oportuno" levar a cabo esta modificación para "potenciar aínda máis os recursos existentes nese nivel asistencial".
Todas as áreas sanitarias contarán cunha dirección de atención primaria que dependerá da xerencia
Entre as competencias estarán a de "xestionar a demanda de servizos sanitarios neste ámbito, garantindo o desenvolvemento das actuacións de promoción da saúde e prevención da enfermidade e fomentando a capacidade de resolución deste nivel asistencial, en coordinación cos xefes de servizo das unidades de atención primaria".
Ademais, esta nova dirección será a que supervise a organización das axendas e realice o seu seguimento "para unha correcta xestión das prestacións".
Tamén haberá direccións de enfermaría dependentes de cada xerencia e con "maior marxe de actuación", sobre todo na actividade en primaria
Como novidade, e para "potenciar a enfermería", a nova Dirección de Enfermería e Coidados tamén dependerá de forma directa da xerencia da área sanitaria que lle corresponda. Terán, cada unha delas, "unha maior marxe de actuación na dirección, coordinación e supervisión das actividades de enfermaría, nomeadamente no ámbito da atención primaria e comunitaria", di o texto.
Entre as súas funcións están as de "impulsar a continuidade dos coidados, a coordinación entre niveis asistenciais, a xestión de casos e a participación da enfermería nos programas transversais de saúde, especialmente nos ámbitos da cronicidade, prevención, promoción da saúde, seguridade do paciente, atención comunitaria, vacinación e inmunización".
Xa que logo, o novo texto engade, ademais das funcións da dirección de Enfermería e Coidados, as das direccións de Procesos de Soporte, que non figuraban no decreto anterior.
"Máis horizontalidade"
Concretamente, a Dirección de Procesos de Soporte terá, entre as súas funcións a de controlar e avaliar a actividade asistencial, así como desenvolver plans para a redución das listas de espera; analizar os indicadores de actividade e a adecuación e funcionamento dos dispositivos asistenciais; analizar e controlar os recursos asistenciais necesarios para garantir a oferta asistencial; coordinar avaliar e realizar o seguimento da prestación farmacéutica; e calquera outra función que lle sexa encomendada ou delegada pola Xerencia.
Crearase a figura da vicexerencia, como apoio á xerencia, e prescíndese da Dirección Asistencial
Deste xeito todos os postos de nivel de dirección no ámbito asistencial e da xestión, dependentes da Xerencia, contarán cun ámbito funcional da estrutura directiva regulado neste decreto.
Ademais, e co fin de incrementar as funcións de coordinación das Xerencias das sete áreas, créase a figura da vicexerencia en cada unha delas, como órgano específico de apoio á persoa titular da Xerencia, toda vez que no novo texto se prescinde da Dirección Asistencial.
Os sindicatos da mesa sectorial, á espera doutras achegas que se fagan ao texto desde este mércores e ata o vindeiro 25 de agosto, valoran que haxa "máis horizontalidade" na nova organización, así como que perda pesa a estrutura de xestión hospitalaria para gañalo as xerencias. Niso axuda, na súa opinión, a creación dunha vicexerencia para que asuma xunto á xerencia a coordinación asistencial na atención primaria e hospitalaria.
Tamén destacan que a Dirección de Procesos de Soporte dependa directamente da xerencia e non das estruturas de xestión hospitalaria, como acontecía ata agora.
Centro de Protonterapia
Por outra banda, o Sergas inclúe tamén na proposta de modificación do decreto a creación do Centro de Protonterapia de Galicia como "unidade asistencial de alta especialización e cun posto directivo específico".
As súas funcións serán as de administrar tratamentos oncolóxicos de alta precisión mediante a utilización de feixes de protóns e de contribuír ao avance da oncoloxía radioterápica mediante a realización de ensaios clínicos e investigación traslacional en radiobioloxía e física médica para avaliar a eficacia da protonterapia en diferentes tipos de tumores.
O centro, aclara a Consellería, prestará servizos para o conxunto de Galicia e para servizos de saúde doutras comunidades autónomas e o norte de Portugal, de conformidade cos compromisos adquiridos en distintas colaboracións para a implantación da protonterapia no sistema estatal de saúde.