O Incio e O Páramo son dous pequenos concellos da provincia de Lugo, ambos con menos de 2.000 habitantes. Isto inclúeos no grupo de municipios que, dende a reforma electoral do ano 2011, son supervisados regularmente pola Oficina do Censo Electoral (OCE) á busca de incrementos "significativos" no electorado que poidan chegar a ser "sospeitosos". Ambos veñen de ser situados na lista que a OCE vén de publicar coa vista posta nas novas eleccións xerais do 10N xunto a outros oito do resto do Estado.
Dende o ano 2011 a OCE revisa o censo dos concellos de menos de 2.000 habitantes á procura de incrementos "significativos" e resulten "sospeitosos", caso no que insta o consistorio a verificar que son reais
A normativa vixente estipula que, cando nos seis meses previos á convocatoria dunhas eleccións se produce un incremento "significativo" no censo nun destes pequenos concellos, a OCE contacta co Concello para "verificar" as altas no padrón municipal. Isto é, para comprobar que se trata de residentes reais e non dunha fraude, caso no que deben dalas de baixa e comunicalo en quince días á oficina do Censo.
Este procedemento xa foi completado en ambos casos e nos dous os concellos responderon, pero non satisfactoriamente. É por iso que a Oficina do Censo os inclúe entre os municipios que, ante un incremento sospeitoso da poboación con dereito ao voto, ofreceron "resposta ao requirimento sobre incrementos do número de residentes significativos sen resultar xustificados" e esta circunstancia foi notificada á Xunta Electoral Central.
No caso do Incio, o censo de setembro reflicte que consta con 1447 persoas empadroadas en setembro, tres máis que no mes de agosto, cando eran 1444, as cales supuñan á súa vez un incremento de 21 con relación a medio ano antes. Este concello ten un gran volume de poboación inscrita no censo de residentes ausentes, de máis de 1.000 persoas.
O Páramo, pola súa banda, tiña anotadas en setembro 1.222 homes e mulleres no censo de residentes con dereito a voto. Son cinco máis que en setembro e oito máis que en xuño, cando eran 1.213. A cifra é, no entanto, semellante aos meses da pasada primavera. Neste caso, segundo a lista publicada pola OCE, o consistorio tampouco foi quen de "xustificar" as variacións.
Con esta publicación a Oficina do Censo Electoral e a Xunta Electoral dan opción ás candidaturas que concorren aos comicios -neste caso, as vindeiras xerais-, a impugnaren formalmente o censo polos seus incrementos. É o que sucedeu, por exemplo, antes das eleccións xerais do 28 de abril e das municipais de maio en Rábade, cando este concello, tamén na provincia de Lugo, fora incluído na lista da OCE.