Nos primeiros días de marzo, tras a convocatoria oficial das eleccións xerais do 28 de abril, a Oficina do Censo Electoral (OCE) fixo públicos os municipios que fixeron saltar as alarmas ao rexistraren incrementos no seu número de potenciais votantes que superan os limiares que a autoridade electoral considera "sospeitosos". No municipio lucense, de apenas 1.500 habitantes, a alerta saltou porque un incremento dunha vintena de persoas no censo nos últimos seis meses.
As explicacións ofrecidas polo Concello non resultaron "satisfactorias" para a Oficina do Censo, que abriu a porta a que os partidos impugnasen o censo de Rábade, como vén de facer o PSdeG
Antes de facer pública esta relación de concellos, 59 en todo o Estado, a OCE diríxese a cadanseus gobernos municipais para "verificar" que as altas "sospeitosas" se corresponden, efectivamente, con veciñanza que reside no municipio. No caso rabadense, o goberno local abriu os "expedientes" correspondente pero o seu resultado non foi "satisfactorio". Por iso ficou na lista, que abre legalmente a porta a que os partidos políticos impugnen o censo, o cal xa vén de facer o PSdeG.
A secretaria de organización provincial dos socialista de Lugo, Mar Iglesias, tramitou o recurso tras constatar a OCE que o Concello de Rábade, gobernado por unha formación independente, "non xustificou satisfactoriamente" o incremento do censo. "Diante desta situación de aumento de altas sospeitosas, dende o Partido Socialista rexistramos a impugnación do censo" co "obxectivo de salvagardar un proceso democrático fundamental e defender a súa transparencia", resume.
A formación independente que goberna no Concello rabadense tamén prevé impugnar o censo nas municipais
As explicacións do goberno municipal de Rábade non convenceron a Oficina do Censo, pero o certo é que o resultado das xestións tampouco acougaron os propios responsables do consistorio. Non en van, o seu alcalde, Francisco Fernández Montes, confirmaba en declaracións ao diario El Progreso que a súa formación, Independentes por Rábade, tamén vai impugnar o censo. Non o pode facer para as eleccións xerais, ás que non concorre, pero si prevé facer coa vista posta nas municipais de maio.
"Impugnaremos o censo polas alteracións" tras culminar os "expedientes" xa remitidos á Oficina do Censo, sinalou Fernández Montes, quen non obstante declinou concretar se no consistorio existen sospeitas sobre a causa do incremento. O Concello, aclarou, debe respectar "garantías" como a privacidade da veciñanza que lle impiden dar máis detalles ao respecto.