Nada se moveu en Burela tras a repetición das eleccións municipais do pasado 26 de maio nunha das mesas electorais, a instalada no IES Perdouro, en virtude dun recurso formulado por Burela Sempre, a marca local do partido fundado polo alcalde ex-socialista de Becerreá, Manuel Martínez. A esta formación seguiulle faltando un voto para entrar na corporación municipal burelá, na que segue sendo primeira forza un PSdeG que xa avanza diálogo co Bloque para procurar completar a maioría.
Segundo os datos do escrutinio feitos públicos pola Delegación do Goberno central en Galicia, na mesa repetida a forza máis votada foron os socialistas, con 116 votos. Seguíronos o PP e o BNG, con 86 e 63 votos, respectivamente. Burela sempre tivo 30 apoios e, a máis distancia, Ciudadanos obtivo 2 e Vox, 1. A abstención superou o 50% do censo da mesa, de 603 persoas.
O PSdeG negociará co BNG
Tras a repetición ordenada polo TSXG, o consistorio mariñao diríxese ao remate un atípico período co goberno municipal en funcións que xa dura case medio ano. No novo mandato o socialista Alfredo Llano non disporá da maioría absoluta que si tiña no anterior -7 edís de 15-, senón que quedará con 6.
A alcaldía burelá seguirá sendo para o socialista Alfredo Llano, que avanza a súa intención de procurar un pacto de goberno co BNG
Aínda que a condición de primeira forza lle garante a investidura en ausencia de maioría absoluta alternativa, Llano avanzou a súa intención de procurar acordos co BNG, que tras o escrutinio da mesa repetida fica ratificado como único grupo municipal que medra con relación a 2015, ao reter o terceiro edil. Alén da investidura, o rexedor socialista admite que a aposta será procurar un "pacto de goberno".
O PP lucense interpreta os resultados afirmando que "os veciños comprenderon que a solución dos problemas de Burela non virá da man do PSOE"; o PSdeG retruca que continúan como primeira forza mentres os populares obtiveron "o peor resultado da súa historia" na vila
Fronte á satisfacción socialista por manterse como primeira forza e á do BNG, polo crecemento, a diagnose do PP é diferente. A líder provincial do partido e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, considerou a través das redes sociais que o feito de que o PSdeG "quede sen maioría absoluta" supón que "os veciños comprenderon que a solución dos problemas de Burela non virá da man do PSOE", mensaxe que foi respondida con hilaridade por diferentes cargos dos socialistas lucenses. "Os datos son bastante claros; en Burela nas municipais, o PSOE gaña e o PP saca o peor resultado da súa historia" na vila, conclúen dende o partido.
En comparación con 2015, o PSdeG de Burela retrocedeu algo menos dun punto porcentual en apoio da veciñanza, mentres que o PP perdeu case cinco, quedando en pouco máis do 24%, fronte ao 41% dos socialistas. Das forzas con representación na corporación da vila o crecemento foi para o BNG, que pasou do 17,9% dos votos a algo máis do 18%, cunha suba que lle valeu un concelleiro máis.