O Goberno galego denegou dúas veces o dereito e mesmo recorreu unha primeira sentenza favorable á familia afectada, avalada agora polo TSXG que lembra que a interpretación da norma "ha de ser acorde coa súa finalidade de protección"
"A interpretación na materia de que se trata ha de ser acorde coa súa finalidade de protección de todos os membros da familia numerosa, e respectuosa co principio de igualdade da Constitución Española". Así vén de pronunciarse o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha sentenza que condena a Xunta a recoñecer como familia numerosa unha con dous fillos menores e un terceiro maior de idade discapacitado en acollida permanente. Unha resolución xudicial que revela tamén a teimosía da Xunta en denegar e litigar contra a familia solicitante do recoñecemento mesmo cando esta xa recibira unha primeira sentenza xudicial favorable.
Malia que hai anos que a Xunta vén publicitando todo tipo de beneficios para as familias numerosas, o relato dos feitos que fai a sentenza agora publicada polo TSXG revela os sucesivos obstáculos aos que se enfrontou a familia deste caso. Composta inicialmente por dúas fillas menores de idade, a familia iniciou un acollemento permanente dun maior de idade cunha discapacidade do 65%. Unha persoa incapacitada ademais por sentenza firme e cuxa tutela fora outorgada xudicialmente á Funga, a fundación da Xunta encargada dese tipo de supervisións, malia que era a familia de acollida a realmente encargada da súa atención diaria.
A lexislación garante que "terán a mesma consideración que os fillos" para acceder ao recoñecemento como familia numerosa "as persoas sometidas a tutela ou acollemento familiar", cuestión que a Xunta obviou
A lexislación establece desde hai dúas décadas que nestes casos "terán a mesma consideración que os fillos" á hora de acceder ao recoñecemento como familia numerosa "as persoas sometidas a tutela ou acollemento familiar permanente ou preadoptivo". E en 2015, para estender e garantir a protección da figura da familia numerosa, ese artigo foi ampliado e matizouse que os menores que estiveran en situación de tutela ou acollemento e permanecesen na unidade familiar ao acadar a maioría de idade "conservarán a condición de fillos" a efectos de computar para o recoñecemento como familia numerosa.
A Consellería de Política Social decidiu denegar neste caso o recoñecemento de familia numerosa co argumento de que o discapacitado integrouse nela sendo xa maior de idade. Pero a xustiza salienta que a referencia engadida na reforma legal para protexer aos menores de idade cando se fan maiores "non é o suposto aquí analizado, de maneira que o referido precepto mantén idéntica relación aos efectos que aquí interesan, e permanece a equiparación entre os fillos e as persoas con discapacidae", equiparación que a lei garantía, antes e agora, "á marxe de cal sexa a súa idade" e "sen que se poda interpretar" que co texto engadido á lei "se estean reducindo os dereitos ata agora recoñecidos".
A Xunta rexeitou coa súa interpretación particular da norma a solicitude da familia numerosa en xullo de 2023. Os afectados recorreron e un mes máis tarde o Goberno galego volveu rexeitar a súa petición e teimou na denegación do dereito, nunha decisión que xa non pode ser atribuída a un erro dun funcionario encargado de revisar ducias de expedientes senón a un cargo superior que debeu avaliar o caso en detalle.
Os afectados víronse obrigados a acudir á Xustiza e un xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo deulles a razón en marzo de 2024. Pero a Xunta teimou na súa postura por terceira vez e non aceptou a sentenza, que recorreu ante o TSXG.
Agora a sentenza do TSXG non só reitera que o texto da lei equipara -antes e agora- as persoas tuteladas ou acollidas cos fillos senón que analiza tamén a exposición de motivos da reforma legal de 2015, que incide na "intención de ampliar a protección" ás familias, "de forma que supón un recoñemento da ampliación de dereitos para os menores, e non se diferenza no caso de acollemento segundo sexan maiores ou menores, porque é o que di a lei: discapacitados calquera que fose a súa idade".
"Literalmente é o que se dispón, sen prexuízo de que, ademais, a interpretación na materia de que se trata ha de ser acorde coa súa finalidade de protección de todos os membros da familia numerosa, e respectuosa co principio de igualdade da Constitución Española", conclúe a sentenza, que chega tras ano e medio de insistencia da Xunta en denegar o dereito tanto na vía administrativa como na xudicial.