A Comisión Europea reitera que a especie está "en perigo crítico" e pide máis "ambición para abordar a mortalidade de orixe ambiental" pero "sen deixar de aplicar medidas pesqueiras"
A anguía europea está "en perigo crítico" e as administracións deben impulsar todo tipo de medidas para recuperala, non só pesqueiras senón tamén ambientais, pero "sen deixar de aplicar medidas pesqueiras". Así o vén de reiterar o comisario europeo de Pesca, Costas Kadis, en varias respostas ao Parlamento Europeo, entre elas ao PP, logo de que esta formación, como vén facendo a Xunta, minimizase a importancia das medidas pesqueiras fronte a outras consideracións ambientais. Un intercambio de escritos que se enmarca no enfrontamento que manteñen varias comunidades, entre elas a Xunta, co Goberno de España pola aposta deste por prohibir por completo a pesca da especie.
A Xunta admite o "declive" da anguía, en perigo crítico de extinción segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), pero segue permitindo pescala, con 37.000 quilos capturados o pasado ano. En febreiro gabouse de "frear" a intención do Goberno de España de prohibir por completo a súa pesca e xunto co PP veñen insistindo en que hai outras explicacións ambientais na extinción da especie.
Tras ese enfrontamento, eurodeputados de PSOE e PP veñen formulando preguntas á Comisión Europea en defensa dos seus respectivos postulados. En abril, a preguntas do socialista César Luena, o comisario de Pesca respondía que "non hai indicios de recuperación da anguía" e que "é necesaria unha maior ambición fronte á mortalidade debida ao medio ambiente e, ao mesmo tempo, seguir adoptando medidas en materia de pesca".
A Xunta admite o "declive" da especie pero segue permitindo pescala, con 37.000 quilos o ano pasado
Hai un par de meses foi a popular Carmen Crespo a que preguntou á Comisión "como garantirá a viabilidade e competitividade da pesca da anguía tendo en conta o seu impacto socioeconómico", poñendo o foco así en que se manteña as capturas. A resposta que agora vén de dar o comisario de Pesca insiste en que a anguía está "en perigo crítico" e admite que a súa conservación "require un enfoque integral, que teña en conta as repercusións pesqueiras, medioambientais e socioeconómicas".
A resposta tamén salienta que "a anguía europea é a única poboación de peixes cun ditame de captura nula emitido polo Consello Internacional para a Explotación do Mar para a que se permite manter a pesca dirixida". E remítese á súa vez a outras respostas previas sobre a mesma cuestión, entre elas unha formulada por dous eurodeputados italianos do grupo dos Conservadores e Reformistas Europeos (ECR). Na resposta que lles deu en xullo, á que agora tamén remite ao PP, o comisario de pesca admite que "as vedas de pesca non sempre son eficaces" e que "é necesario un maior nivel de ambición para abordar a mortalidade de orixe ambiental, sen deixar de aplicar medidas pesqueiras".
Sobre ese mantemento das "medidas pesqueiras", o comisario lembra que se instou aos estados "a mellorar a protección das anguías e a revisar os seus Plans de Xestión da Anguía, ou adoptar novos plans á luz dos novos coñecementos e do asesoramento científico". O que di facer o Goberno de España ao querer prohibir a súa pesca baseándose nos informes científicos que constatan o seu risco de extinción.