"Non hai indicios de recuperación da anguía", di a UE o mesmo día que a Xunta levanta a súa veda

Anguías capturadas en Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Comisión Europea pide "maior ambición para facer fronte á mortalidade debida ao medio ambiente e, ao mesmo tempo, seguir adoptando medidas en materia de pesca", pero a Xunta rexeita elevar a súa protección 

Desde o pasado 1 de abril a Xunta permite de novo a pesca da anguía nas rías de Arousa e Vigo malia o progresivo deterioro desa especie nos ríos galegos, ao igual que a lamprea ou o salmón, que tamén deixa capturar. Ese mesmo día, o 1 de abril, o comisario europeo de Pesca, Costas Kadis, asinaba unha resposta oficial na que advertía de que "non hai indicios de recuperación da anguía" e que "é necesaria unha maior ambición para facer fronte á mortalidade debida ao medio ambiente e, ao mesmo tempo, seguir adoptando medidas en materia de pesca". 

Porén, o Goberno galego, malia admitir o seu "declive", vén rexeitando elevar a protección da especie. O pasado ano foron pescados 37.000 quilos en Galicia.

Valoración do comisario europeo de Pesca sobre a situación da anguía CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Este ano a anguía pode capturarse durante medio ano entre o 1 de abril e o 30 de setembro nas rías de Arousa e Vigo e entre o 1 de xullo e o 30 de setembro na de Ferrol. Porén, o comisario de Pesca, a preguntas do eurodeputado socialista César Luena, vén de insistir, en resposta ao Parlamento asinada o mesmo 1 de abril, que a anguía está "en perigo crítico". Así o declarou a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN).

A UE e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza consideran a anguía en "perigo crítico" e a Xunta admite o seu "declive" pero permite seguir pescándoa, con máis de 37.000 quilos o pasado ano

A resposta do comisario sinala que "a conservación e a xestión da anguía europea, unha especie en perigo crítico, se deben basear en consideracións en materia de pesca e medio ambiente para abordar a mortalidade provocada polo ser humano". Segundo di, sen identificar zonas xeográficas, os plans de xestión da especie "non se cumpriron na súa maioría" e "non hai indicios de recuperación da anguía". Por iso pide aos estados que melloren a protección da anguía e revisen os seus plans de xestión.

O comisario europeo de Pesca engade que "algúns Estados membros adoptaron medidas máis estritas mediante a inclusión da anguía europea na lista de especies estritamente protexidas ou a prohibición da pesca da anguía durante todo o ano".

Meixóns intervidos en 2023 pola policía autonómica nunha operación contra o tráfico ilegal CC-BY-SA Xunta de Galicia

Iso é o que quere facer o Goberno de España, pero varias comunidades, entre elas Galicia, rexéitano. Hai dous meses a Xunta gabouse de "frear" a intención do Estado de prohibir a pesca da anguía ao tempo que salientaba que o pasado ano foron pescados 37.371 quilos. Segundo o Goberno galego, supuxeron un volume de negocio "próximo aos 800.000 euros" para 93 barcos, dos que non detalla se pescan tamén outras especies nin a porcentaxe de negocio que supuxo a anguía en relación a outras capturas.

A resposta do comisario non só pon o foco na pesca senón tamén no deterioro ambiental como causa do declive da especie. Un "declive" que admite a Consellería do Mar pero para dicir que "non está vinculado ao tipo de captura, senón a causas estruturais amplamente documentadas pola comunidade científica". Causas que non cita pero que puideran ser os encoros, a contaminación ou o cambio climático. 

Cociñeiros e entidades ecoloxistas piden máis protección nos ríos galegos non só para a anguía senón tamén para a lamprea e o salmón

Porén, cando é preguntada polas súas actuacións para frear o deterioro nos ríos galegos de especies migratorias como a anguía, a lamprea ou o salmón, a Consellería de Medio Ambiente, en resposta a Praza.gal, limítase a falar de cotas de captura decrecentes en lugar doutras iniciativas de mellora ambiental. Isto é, ao tempo que o departamento con competencias en pesca di que a pesca non é a única causa do declive da anguía senón tamén outros problemas ambientais, o departamento con competencias en medio ambiente pon o foco só na pesca xustificando que as cotas de capturas son cada vez menores.

Mentres, cociñeiros e entidades ecoloxistas piden máis protección nos ríos galegos non só para a anguía, para a que Adega insiste en pedir unha veda total e a súa catalogación como En perigo crítico de extinción, senón tamén para a lamprea e o salmón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.