A Xunta admite que aínda non corrixiu todas as eivas do psiquiátrico de Conxo que lle vén indicando o Defensor del Pueblo desde 2017

Hospital Psiquiátrico de Conxo CC-BY-SA Jglamela

A Consellería de Sanidade evita agora comprometerse no Parlamento á auditoría externa do psiquiátrico de Conxo que esixiu ata o PP e que mudou por unha inspección interna que aínda así seguiu detectando eivas

En novembro de 2017 técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, dependente do Defensor del Pueblo, visitaron o hospital psiquiátrico de Conxo e detectaron todo tipo de eivas na atención aos doentes, nas instalacións e no cadro de persoal do centro. Sucesivos informes e novas visitas seguiron constatando eivas contra as que a Xunta asegura que vén actuando desde hai anos pero que admite que aínda non deu corrixido por completo. Así o recoñeceu este xoves no Parlamento o director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, quen a preguntas do deputado socialista Julio Torrado, que lamentou a demora e a falta de respostas da Xunta, debullo diversos puntos nos que aínda está a traballar o seu departamento. 

Aboal tamén foi preguntado pola esixencia que lle fixo o Parlamento, incluído o PP, para que encargase unha auditoría externa que comprobase a situación de Conxo. Esa auditoría, como revelou Praza.gal, foi mudada por unha inspección interna realizada o pasado ano tras unha nova visita sorpresa do Defensor del Pueblo, e nela seguíronse sinalando eivas. Aboal evitou este xoves referirse a esa auditoría externa reclamada polo Parlamento máis alá de asegurar que están a solicitar “informes de asesoramento en temas concretos”.

Fragmentos do "informe auditoría" da inspección realizada polo propio Sergas no hospital psiquiátrico de Conxo, ao que tivo acceso Praza.gal CC-BY-NC-SA Praza.gal

Tras as sucesivas visitas e informes do Defensor del Pueblo finalmente hai un ano, en marzo de 2021, o PP sumouse a socialistas e nacionalista e aprobou por unanimidade unha moción dos primeiros que instaba á Xunta a “levar a cabo todas as medidas” para “reverter” en seis meses os problemas detectados polo Defensor del Pueblo e realizar despois unha análise externa para comprobar a situación de Conxo. O pasado xaneiro Praza.gal obtivo, a través dunha petición de transparencia, o documento elaborado pola Xunta, que non foi finalmente unha auditoría externa senón unha inspección interna, que non se realizou ata que o Defensor del Pueblo realizou unha nova visita sorpresa e que en todo caso seguiu detectando eivas en materia de contención mecánica de doentes, instalacións deficientes ou doses “elevadas” de fármacos. Ese documento tamén obviou unha denuncia de agresión sexual formulada polo Defensor del Pueblo.

Este xoves, na súa comparecencia no Parlamento, o responsable do Sergas asegurou que a Xunta leva tempo traballando para mellorar Conxo con independencia de que non crease “un grupo de seguimento específico” ata novembro de 2021, dous meses despois da inspección interna realizada polo propio Sergas e ao tempo que o Defensor del Pueblo volvía pedir explicacións sobre as actuacións realizadas. “Parece que se esquece que 2020 e 2021 foron anos especialmente tensos e a pandemia centrou os esforzos da sanidade”, dixo Aboal, sen indicar que se fixo entre 2017 e 2020.

O director de Asistencia Sanitaria do Sergas asegurou que xa se cumpriron 8 de 17 puntos pendentes e que está "a traballar" nos outros 9, que citou pero non facilitou por escrito

Entre as actuacións de mellora material, Aboal citou “obras menores” no edificio de hospitalización para despachos de persoal que permitan un mellor trato aos doentes pero admitiu que aínda están pendentes melloras na cafetaría que empregan os doentes ou na recepción e espazos exteriores do centro. Pero Aboal centrouse en expoñer, sen facilitalo, un suposto “documento de bases” con “17 suxestións” en materia de atención aos doentes das que dixo que aínda “estamos a traballar” en nove xa que, asegurou, as outras oito, que non citou, xa se cumpriron. 

Segundo Aboal, entre esas nove actuacións nas que o Sergas está “a traballar”, e que leu de xeito acelerado, se inclúe unha mellor formación do persoal en materia de contención dos doentes, a adaptación das habitacións para contencións con “recomendacións de ancoraxe da cama ao chan” e instalación de interfonos para os doentes e videovixilancia que “estarán habilitados a finais de abril”, a redacción aínda pendente de edición dunha guía de acollida para entregar aos doentes no seu ingreso, o incremento dun profesional clínico máis “ao longo deste ano” e “reunións mensuais” de coordinación coa Fundación Galega para a Tutela de Adultos (Funga), entidade dependente da Xunta tamén con numerosas eivas no seu funcionamento.

Jorge Aboal, director de Asistencia Sanitaria do Sergas, nunha comparecencia no Parlamento CC-BY-SA Xunta de Galicia

Máis alá desa exposición sobre o estado actual das recomendacións formuladas polo Defensor del Pueblo, Aboal deu respostas evasivas ás preguntas concretas que lle formulou o deputado socialista. A como explica o incumprimento dos acordos parlamentarios para mellorar e auditar Conxo a resposta foi que a Xunta puxo en marcha un plan xeral de saúde mental tras a pandemia do coronavirus. Á pregunta sobre se considera a situación actual satisfactoria a resposta foi que está satisfeito “co traballo dos profesionais”. A cales serán os novos recursos que a Xunta destinará a Conxo para mellorar o centro respondeu que no orzamento deste ano hai medio millón de euros para melloras estruturais pendentes. E á pregunta sobre se vai realizar a avaliación independente que se lle esixiu, a resposta foi que considera “que o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura actúa de forma independente”. Isto é, parece considerar agora que os informes do Defensor del Pueblo xa son en si unha auditoría externa cando en resposta á petición de transparencia formulada por Praza.gal para acceder a esa "auditoría externa" o que remitiu o Sergas foi unha inspección interna.

Sobre esa última cuestión, Aboal non dixo nada da auditoría externa que se lle reclamou senón que indicou que ademais das actuacións que realiza o propio Sergas “de xeito adicional pedimos informes de asesoramento en temas concretos”, dos que só concretou que actualmente se está a realizar unha “avaliación independente” por parte “dunha doutora en socioloxía” da Universidade de Vigo. 

O deputado socialista Julio Torrado durante a súa intervención no Parlamento © PSdeG

“Catro anos despois vostedes empezaron a asumir no que catro anos antes dicían que estaban traballando, e aínda así un informe interno di que non é certo”, criticou o socialista Julio Torrado

Pola súa banda, o socialista Julio Torrado insistiu nas súas intervencións en criticar a lentitude do Sergas e pedir a auditoría externa para saber realmente a onde chegan as melloras. “Catro anos despois vostedes empezaron a asumir no que catro anos antes dicían que estaban traballando, e aínda así un informe interno di que non é certo”, dixo o socialista, que salientou que “os profesionais necesitan medios”. “Que ten que pasar para que cumpran co que vostedes mesmos se compromenten?”, concluíu. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.