Para conter agora a area que se reporá, o Goberno galego autoriza un novo dique de cen metros; pero Costas do Estado rexeita a pretensión de construír á vez un novo paseo marítimo na zona
En 2001 a Xunta daquela presidida por Manuel Fraga autorizou e considerou “ambientalmente viable” a ampliación do porto deportivo de Sanxenxo, o hoxe coñecido como Porto Deportivo Juan Carlos I, ata a configuración que os seus diques teñen actualmente. Naquela autorización sinalábase que era “posible” que a ampliación, contestada por veciñanza da zona e grupos ecoloxistas, afectase ás praias próximas, que poderían perder area, pero admitíase que non se sabía “con precisión” o efecto e remitíase a futuros proxectos paliativos que puideran precisarse.
Dúas décadas despois o actual Goberno galego vén de emitir a autorización ambiental para un proxecto de rexeneración de varias praias da contorna, un documento no que agora admite que “a construción do porto deportivo de Sanxenxo provocou un gran impacto” nun dos areais que supuxo a “unha perda case total da súa praia seca”. Para paliar esa situación agora o porto deportivo vai repoñer area, pero para que esta non volva desprazarse vai executar tamén un novo dique transversal duns cen metros.
A ampliación do porto deportivo de Sanxenxo autorizada en 2001 supuxo afeccións ás praias situadas ao seu leste, sucesivamente as da Panadeira, Lavapanos e Carabuxeira, sendo esta última a máis afectada coa práctica desaparición da súa area. Pola súa banda, a Panadeira, a máis próxima ao porto, seguiría sometida á presión de cada vez máis barcos nas súas proximidades.
Coa desaparición da praia o mar está a afectar directamente ás construcións da zona, que xa tiveron que ser reforzadas
A autorización ambiental outorgada pola Xunta hai dúas décadas consideraba “ambientalmente viable” o proxecto se a empresa xestora do porto se comprometía a acometer as actuacións de reposición de area que puideran precisarse no futuro. Isto é, consideraba “posible” que houbese un efecto sobre os areais pero o aceptaba como válido se a empresa o paliaba posteriormente.
Durante este tempo o que pasou foi non só que desapareceu case por completo a praia de Carabuxeira senón que iso implicou que o mar afectase ás construcións que hai nesa zona ao non haber area diante que reducise a súa forza, o que obrigou a reforzar con diversas actuacións os baixos desas construcións.
O pasado ano a empresa do porto deportivo, Nauta Sanxenxo SL, sociedade do Concello de Sanxenxo encabezado polo popular Telmo Martín, alcalde en 2001 e agora, xa acometeu unha actuación “de carácter urxente” achegando 10.000 metros cúbicos de area á praia. Pero agora está a tramitar unha actuación máis ambiciosa coa achega de 24.000 metros cúbicos a Carabuxeira, 3.000 metros cúbicos a Lavapanos e a construción dun dique transversal de 99 metros de lonxitude e 2,24 metros de anchura no seu punto máis alto que evite que o mar volva levarse a area.
Xunto co dique de 99 metros de lonxitude e 2 de anchura tamén se quería executar un paseo marítimo de 350 metros de lonxitude e 3 de anchura, desbotado agora porque "suporía un incumprimento da lexislación de costas"
Esas son as actuacións autorizadas agora pola Xunta, pero con elas tamén se pretendía executar un novo paseo marítimo cun malecón de 350 metros de lonxitude e 3 de anchura sobre a praia da Carabuxeira. Porén, a Dirección Xeral de Costas do Estado advertiu de que unha actuación así suporía executar unha construción permanente sobre o dominio público marítimo-terrestre, zonas nas que precisamente o que se está a tratar é de desmantelar instalacións ante os efectos do cambio climático. E que de optar por unha instalación desmontable debería contar igualmente coa súa autorización.
Ante as obxeccións de Costas, a autorización finalmente outorgada por Medio Ambiente da Xunta sinala que o paseo marítimo “na configuración proposta” polo porto deportivo “non se poderá realizar, xa que suporía un incumprimento da lexislación de costas”.
Costas salienta que non se estudase "un posible desmantelamento" do morro do dique do porto deportivo, o que quedaría condicionado a que a actuación de rexeneración da praia requira dunha segunda fase
Porén, Costas tamén apuntou outras críticas ao proxecto de rexeneración das praias: “Logo de ver as alternativas formuladas, non se estuda como alternativa un posible desmantelamento do morro do dique” do porto deportivo. Isto é, a empresa municipal non estudou a posibilidade, e a Xunta así o avalou, de desmontar o extremo do dique ampliado en 2001 para variar así o efecto do mar sobre as praias.
O que decidiu a Xunta foi que iso sería algo a realizar no caso de que a actuación de rexeneración da praia agora solicitada requira dunha segunda fase, que consistiría na execución dun segundo dique no outro extremo da praia, en función do que establezan os estudos de seguimento que se fagan nos próximos tempos.