A Xunta autoriza 400 'chiringuitos' na costa ata o 31 de outubro

A conselleira de Medio Ambiente nun 'chiringuito' de praia CC-BY-SA Praza Pública

No primeiro ano con competencias sobre o litoral o Goberno galego facilita que os establecementos poidan abrir ata sete meses e subvenciónaos cun millón de euros para que sexan máis sustentables e homoxéneos

Desde o pasado 1 de xullo a Xunta asumiu diversas competencias en materia de Costas, entre elas a de outorgar as autorizacións de uso temporal en dominio público marítimo-terrestre, que se sumaron ás que xa viña outorgando na súa anexa franxa de servidume de protección. Eses usos poden ser con infraestruturas físicas, como chiringuitos ou casetas de salvamento ou alugueiro de embarcacións, ou para actividades puntuais como festivais ou campamentos.

Para esta tempada o Goberno galego xa avanzara que permitiría que os chiringuitos non tivesen que pechar entre a Semana Santa e o verán, facilitando así que permanecesen abertos desde este mesmo venres 23 de marzo ata o 31 de outubro, durante máis de sete meses. E agora vén de revelar que xa outorgou autorizacións para "arredor de 800 instalacións e servizos" e que unhas 400 serán para chiringuitos.

Un 'chiringuito' na praia da Ribeira en Baiona CC-BY-SA Praza Pública

Os permisos para chiringuitos poden outorgarse no dominio público marítimo-terrestre ou na zona de servidume de protección. No primeiro caso 18 concellos presentáronlle á Xunta plans de explotación para xestionar por si mesmos os servizos de tempada, entre os que se inclúen 118 autorizacións para chiringuitos ou terrazas durante un ano. Nos concellos sen plan de explotación poden ser os particulares os que o soliciten e déronse xa "preto de 100 para chiringuitos/terrazas" por un ano "coa posibilidade de tres máis mediante prórrogas". 

Na zona de servidume de protección os permisos son por un máximo de catro anos e para esta tempada son 110, "practicamente todas para a instalación de establecementos expendedores de comidas e bebidas temporais e terrazas". Pero a Xunta engade que "seguramente a cifra aumentará" xa que ten en tramitación outros "arredor de 80 expedientes" e "a maioría" son para esa zona costeira.

Un chiringuito no litoral galego CC-BY-SA Xunta

Os chiringuitos que se adapten ao prototipo "biosustentable" impulsado pola Xunta poderán recibir unha axuda de ata 20.000 euros

O Goberno galego tamén salientou as súas subvencións dun millón de euro para que os chiringuitos sexan máis homoxéneos e sustentables. As axudas cobren ata o 70% do gasto cun límite de 20.000 euros cando os establecementos se adapten por completo ao prototipo de "chiringuito biosustentable" que está a promover a Xunta. No resto de casos cobren ata o 50% de cada proxecto subvencionable cun investimento mínimo de 1.500 euros e unha axuda máxima de 10.000 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.