A Xunta Electoral expedienta a Sanidade polas SMS anunciando subas de soldo ás portas do 18F

Rueda e o conselleiro de Sanidade cunha das mensaxes enviadas e o expediente sancionador CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

O órgano de control censura que as mensaxes non estaban a comunicar ningunha novidade porque o acordo de suba salarial era do pasado ano e non ían ligadas ao ingreso da nómina, que chegaría en días posteriores

A Xunta Electoral de Galicia vén de abrir expediente sancionador á Consellería de Sanidade polas SMS que enviou na última xornada da campaña electoral anunciando ao seu persoal diferentes subas salariais. O ente de control dos procesos electorais considera que con esa actuación o Goberno galego incumpriu a lei electoral "por non ter respectado os principios de obxectividade e neutralidade". O expediente súmase a outros tres que xa tiñan abertos o PP ou o seu candidato, Alfonso Rueda, por incumprimentos reiterados da lei electoral.

A lei electoral prevé, no seu artigo 153, que "toda infracción das normas obrigatorias" contidas nesa norma que non chegue a ser delito electoral será sancionada con multa "de 300 a 3.000 euros se se trata de autoridades ou funcionarios e de 100 a 1.000 euros se se realiza por particulares".

A Xunta Electoral di que as mensaxes "tiñan unha connotación electoralista" e "resultaba obxectivamente innecesario e inoportuno transmitilas de xeito individual no curso dun proceso electoral"

Segundo as resolucións que agora vén de divulgar a Xunta Electoral de Galicia, tras as denuncias de varias formacións políticas, as mensaxes enviadas pola Xunta a milleiros de empregados públicos "tiñan unha connotación electoralista". "Malia que nelas se informaba ao dito persoal dunha serie de melloras retributivas que se reflectirán nas súas nóminas, resultaba obxectivamente innecesario e inoportuno transmitilas de xeito individual no curso dun proceso electoral, máxime cando o citado persoal tería recibido esas modificacións retributivas sen necesidade de ningunha comunicación previa", censura a Xunta Electoral.

Mensaxes SMS remitidas polo Sergas ao seu persoal o 16 de febreiro, na última xornada da campaña electoral CC-BY-NC-SA Praza.gal

O órgano de control electoral critica que as mensaxes "tampouco supuñan a posta en coñecemento do dito persoal de ningunha medida para salvagardar o interese público, para garantir o correcto funcionamento dos servizos públicos, nin era unha información relevante que ese persoal debese coñecer nese momento, senón que se trataba dunhas medidas que foron aprobadas no mes de abril de 2023 e publicadas no DOG con data de 30 de xuño de 2023". 

A Xunta Electoral engade que "estas subas salariais foron aprobadas en xuño do 2023 e tiñan que ter sido efectivas o 1 de xaneiro de 2024, polo que non resulta xustificable que estas mensaxes foran enviadas o último día da campaña electoral desde a Consellería de Sanidade, cando nin sequera se ían facer efectivas nin nese día nin nos inmediatos posteriores, senón a partir do pagamento da seguinte nómina, polo que en aras da transparencia, neutralidade e obxectividade das institucións públicas, nada impedía que, de querer enviar a consellería estas mensaxes, o fixera logo de rematado o proceso electoral".

Resolución da Xunta Electoral de Galicia que abre expediente sancionador a Sanidade polos seus SMS na última xornada da campaña electoral CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.