Os servizos informáticos fixeron un informe que se limita a dicir que “foi dirixido de forma automática” á carpeta de correo non desexado, sen indicar que se rexistrase ningún erro, e o tribunal respondeu que estaba na súa man configurar mellor o sistema
En xaneiro de 2020 a Xunta acusou recibo pero non contestou a un aviso dun xulgado de Santiago relacionado cun preito por sobrecustos nas obras da Cidade da Cultura. Esa omisión, despois de que o aviso acabase arquivado no seu sistema interno de xestión de preitos como spam ou correo non desexado, supuxo segundo as súas propias palabras un “grave dano ao erario” que ela mesma cuantificou en 293.000 euros.
Os servizos xurídicos do Goberno galego encargaron un informe sobre o ocorrido á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), responsable dos sistemas informáticos da Xunta, para tentar, sen éxito, que a Audiencia da Coruña dese marcha atrás e lle permitise contestar ao xulgado fóra de prazo. Pero ese informe, ao que agora vén de ter acceso Praza.gal tras un longo proceso no que tivo que intervir a Valedora do Pobo, limítase a constatar que o correo “foi dirixido de forma automática por parte da plataforma de correo á carpeta de correo non desexado” da letrada responsable do caso, sen concretar o motivo.
Tras ese informe, a Audiencia Provincial da Coruña rexeitou as pretensións da Xunta e concluíu que “está en mans de quen configura a conta corporativa suprimir a carpeta ‘spam’”, “introducir os filtros necesarios” para configurala correctamente ou “de forma máis simple, dar instrucións aos titulares das contas para que examinen os correos incluídos na carpeta de ‘spam’”.
A Valedora tivo que pedir explicacións en tres ocasións á Amtega ata que acabou cumprindo a Lei de Transparencia cinco meses despois da solicitude formulada por este diario
Praza.gal revelou o pasado 24 de outubro a perda que supuxo para a Xunta que o aviso xudicial acabase clasificado como spam. Este diario pediu explicacións a varios departamentos de comunicación da Xunta sen obter ningunha resposta e ante ese silencio formulouse unha solicitude ao amparo da Lei de Transparencia para ter acceso ao informe que a Asesoría Xurídica encargou á Amtega sobre o ocorrido para tratar de reverter a decisión xudicial.
A Xunta non contestou a esa petición oficial de transparencia de Praza.gal no prazo dun mes fixado por lei e a Valedora do Pobo, responsable da Comisión de Transparencia de Galicia, pediulle explicacións. Pero a Amtega mantívose en silencio e tampouco contestou, así que a Comisión da Transparencia emitiu unha resolución urxindo á Xunta a que respondese en 10 días á petición formulada. Amtega tampouco contestou e este diario formulou unha queixa formal ante a Valedora do Pobo, xa non como comisaria da transparencia senón como encargada de velar polo correcto funcionamento en xeral de calquera administración galega. Só así, ante a terceira intervención no caso da Valedora e cinco meses despois da solicitude de transparencia orixinal, acabou a Amtega cumprindo a Lei de Transparencia e facilitou o documento requirido.
Ese informe da Amtega co que a Xunta tentou xustificar a súa actuación ante o xulgado ocupa pouco máis dun folio. Asinado polo xerente da axencia, José Luis Somoza, segundo no organigrama tras a directora, Mar Pereira, indica que o obxectivo polo que foi solicitado pola Asesoría Xurídica Xeral da Xunta foi para que certificase “os motivos técnicos polos que un correo electrónico de aviso emitido polo sistema de información de seguimento de preitos acabou na carpeta de correo non desexado” da letrada que debía levar o caso.
O documento relata como a aplicación informática para o seguimento de preitos xudiciais “envía notificacións automáticas por correo electrónico dos cambios realizados sobre un expediente” e, ademais, “outro tipo de notificacións por correo electrónico definidas mediante acción do xestor do expediente”, modalidade que se emprega para enviar notificacións “aos suplentes nos supostos nos que o letrado asignado ao preito está ausente”. Esa segunda modalidade foi a que se empregou neste caso, de xeito que no día en cuestión, o 30 de xaneiro de 2020, o sistema enviou á letrada afectada 67 notificacións automáticas e 7 do outro tipo.
O informe continúa explicando como os informáticos recuperaron os rexistros do sistema de correo máis dun ano despois, o 1 de marzo de 2021, tras recibir a petición da Asesoría Xurídica, e comprobaron que “o correo relacionado con este caso foi dirixido de forma automática por parte da plataforma de correo á carpeta de correo non desexado da caixa de correo da usuaria”. Nun último punto o informe remata constatando que “con data 01/03/2021 o equipo de administradores de correo electrónico da Amtega comprobou que o correo indicado segue na carpeta de correo non desexado” da letrada afectada. Na descrición dos feitos nada explica o informe da Amtega sobre por que se produciron nin di que fosen froito de ningún tipo de erro informático, como a Xunta argumentou ante a Audiencia da Coruña.
O tribunal concluíu que o ocorrido non foi "imprevisible ou inevitable” como argumentaba a Xunta xa que “se se configura unha conta de correo coa posibilidade de recibir notificacións na carpeta de ‘spam’ é previsible que algunhas vaian ser enviadas a esa carpeta”
As alegacións que o Goberno galego formulou ante a Audiencia da Coruña empregando este informe foron descartadas polo tribunal, en cuxa resolución se constata que o acuse de recibo por parte da Avogacía da Xunta ao xulgado que levaba o caso foi formulado un día despois de que o correo acabase na carpeta de spam.
“Se se configura unha conta de correo corporativo coa posibilidade de recibir notificacións que serán remitidas á carpeta de ‘spam’ é previsible que algunhas notificacións vaian a ser enviadas a esa carpeta”, dixo a Audiencia na súa resolución. “Está en mans de quen configura a conta corporativa suprimir a carpeta ‘spam’ ou introducir os filtros necesarios”, incidiu o tribunal, que engadiu mesmo a posibilidade de que “de forma máis simple, dar instrucións aos titulares das contas para que examinen os correos incluídos na carpeta de ‘spam’”. O ocorrido, concluíu a Audiencia da Coruña, “non é un acontecemento imprevisible ou inevitable”, e polo tanto foi responsabilidade da Xunta.