Prometida por Feijóo en 2009 como "autovía" para 2012 e rebaixada despois a vía de alta capacidade, o Goberno galego expón ao público agora unha estrada dun carril por sentido
O pasado ano unha moción de censura fixo que o PP volvese obter a alcaldía de Viveiro e en decembro o presidente Rueda desprazábase alí para anunciar o desbloqueo da longamente adiada circunvalación da vila. Prometida en 2009 por Feijóo como "autovía", foi despois rebaixada a vía de alta capacidade, ao tempo que a Xunta estudaba a posibilidade de trazala cunha polémica ponte sobre a ría. Finalmente a proposta desvelada este xoves, coa súa exposición ao público, é a dunha estrada convencional cun carril por sentido con considerables limitacións de velocidade.
En 2009 Feijóo chegou á presidencia da Xunta prometendo que tería "en servizo en 2012" unha "autovía" duns 80 quilómetros entre Ferrol e San Cibrao, infraestrutura que incluiría a circunvalación de Viveiro, onde o tráfico atravesa o centro da vila. Deses 80 quilómetros a despois rebaixada Vía da Costa Norte ten hoxe en servizo só dous treitos, cun só carril por sentido, que suman 16 quilómetros, e no caso de Viveiro en 2018 a Xunta decidiu mudar de idea sobre a súa configuración.
A planificación inicial da circunvalación ou variante de Viveiro contemplaba que esta rodease a vila polo sur, pero en 2018 o Goberno galego pasou a propoñer unha ponte polo norte sobre a ría de 1,7 quilómetros de lonxitude. Unha gran obra estimada nuns 65 millóns de euros que causou polémica na vila, o que facilitou que o Goberno galego deixase de considerar prioritaria a circunvalación de Viveiro.
A obra volveu á axenda da Xunta o pasado ano, coincidindo coa moción de censura coa que o PP obtivo a alcaldía. En decembro o propio Rueda desprazouse a Viveiro para presentar novamente unha circunvalación por terra, polo sur, dividida en dous treitos: un pola marxe dereita da ría, o primeiro en acometerse, duns 38 millóns de euros e 6,2 quilómetros e co inicio das obras para 2028, e outro pola marxe esquerda da ría para o que aínda non hai planificación.
Pola marxe dereita da ría a estrada terá unha velocidade de proxecto de 50 quilómetros por hora, o que limitará a velocidade máxima que finalmente se estableza
Ese anuncio concretouse este xoves coa exposición ao público do estudo informativo e do estudo de impacto ambiental da futura infraestrutura. A documentación reflicte as distintas alternativas avaliadas pola Xunta, incluída a ponte sobre a ría. Na marxe dereita ou leste da ría a Xunta avaliou dúas alternativas, unha cun trazado máis recto pero con maior impacto ambiental e custo (alternativa 2 en cor laranxa) e outra moito máis sinuosa (alternativa 5 en cor verde).
Esa última é a elixida e segundo a documentación terá unha velocidade de proxecto de 50 quilómetros por hora, o que non quere dicir que esa sexa a velocidade máxima finalmente permitida, pero si que terá considerables limitacións a respecto do resto de posibilidades avaliadas. De feito, a estimación que dá a Xunta como tempo de percorrido deses 6,13 quilómetros da estrada polo leste é de 6,22 minutos, o que suporía unha velocidade media de 60 quilómetros por hora.
Mentres rebaixa as características da súa vía da Costa Norte, a Xunta esixe ao Goberno de España que execute a Autovía da Mariña (A-74) de competencia estatal
A elección desa alternativa 5 na marxe leste leva á Xunta a elixir á súa vez na marxe esquerda ou oeste a alternativa 4 en cor vermella fronte á alternativa 1 en cor azul. Neste caso a velocidade de proxecto desa alternativa seleccionada para a marxe esquerda é de 80 por hora. E nos dous casos, tanto na marxe esquerda como na dereita, a Xunta sinala que a infraestrutura terá "características de estrada convencional" cun carril por sentido.
Mentres, o Goberno galego segue esixindo ao Goberno de España que complete a Autovía da Mariña (A-74) entre Barreiros e San Cibrao que dea continuidade á Autovía do Cantábrico (A-8) ata enlazala coa vía da Costa Norte autonómica entre San Cibrao e Ferrol.