A Xunta só visitou 6 veces o sanatorio La Robleda tras autorizalo en 2007, a última en 2022

Exterior do edificio do sanatorio La Robleda, en Santiso (O Pino), a carón de Santiago © Hestia Alliance

A número 2 de Sanidade evita valorar a vulneración de dereitos revelada polo Defensor del Pueblo e admite que o centro privado atende 26 pacientes do Sergas pero oculta o que lle paga

O sanatorio psiquiátrico La Robleda no que o Defensor del Pueblo vén de revelar diversas vulneracións de dereitos fundamentais só recibiu seis visitas de inspección ou auditoría da Consellería de Sanidade desde a súa autorización en 2007. Así o admitiu este xoves no Parlamento a número 2 da consellería, a súa secretaria xeral, Natalia Lobato, nunha comparecencia na que indicou que vén de realizarse unha nova inspección tras coñecerse as eivas denunciadas polo Defensor del Pueblo. Porén, Lobato deixou sen contestar varias das preguntas que se lle formularon sobre a relación da Xunta con ese centro privado.

Natalia Lobato, 'número 2' da Consellería de Sanidade, nunha comparecencia no Parlamento CC-BY-SA Xunta de Galicia

As preguntas á Xunta sobre La Robleda foron formuladas polo BNG e respondidas por Lobato lendo unha intervención que levaba por escrito e da que non se apartou en ningún momento. Segundo dixo, o centro sanitario privado recibiu unha primeira visita de inspección para a súa autorización de funcionamento en 2007, outra inspección para unha ampliación de camas solicitada en 2012 e unha terceira en 2017 para a renovación da súa autorización de funcionamento.

Ademais desas inspeccións, Sanidade fixo "visitas de auditoría" para a acreditación do centro sanitario en 2010, 2013, 2017 e 2022 nas que se valoraron a existencia dun plan de calidade, "a satisfacción dos usuarios" ou a xestión dos riscos, entre outras cuestións. E agora, tras coñecerse as vulneracións de dereitos denunciadas polo Defensor del Pueblo a través do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, realizouse unha nova inspección. "Unha vez recibido o informe adoptaranse as medidas oportunas", dixo Lobato.

Imaxe de arquivo dunha concentración na Coruña contra as contencións mecánicas, convocada polo Movemento Galego da Saúde Mental © MGSM

Sanidade incluirá como requisitos de próximos concursos as "recomendacións" do Defensor del Pueblo

Segundo a responsable de Sanidade, "a consellería é a primeira interesada en detectar posibles irregularidades, se é que estas existen". E avanzou que no próximo concurso público que se convoque para renovar as subcontratacións do Sergas neste eido engadiranse como requisitos para as empresas as "recomendacións" formuladas polo Defensor del Pueblo.

Porque Lobato tamén admitiu que La Robleda atende a 26 pacientes do Sergas a través da figura extraordinaria e criticada polo Consello de Contas da "autorización de uso". Porén, e malia que o BNG lle preguntou expresamente cal é o financiamento público de La Robleda, Lobato optou por ocultar a cifra ao Parlamento.

Segundo publicou Eldiario.es, a ocultación foi unha decisión premeditada da Xunta, que mesmo plasmou por escrito nun correo interno. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.