A flagrante vulneración de dereitos fundamentais rexistrada no informe do Defensor del Pueblo tras a inspección do sanatorio psiquiátrico Hestia La Robleda vén demostrar como o sucedido hai preto dunha década no Hospital Psiquiátrico de Conxo non foi suficiente para que o Goberno galego abrazase o cambio de paradigma na atención á saúde mental que ditan os tratados internacionais secundados polos especialistas na materia que apostan pola erradicación das medidas coercitivas durante o tratamento.
La Robleda non é o único centro de internamento de persoas con problemas de saúde mental que inspeccionaron desde esta institución estatal o ano pasado. O director e dous técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura (MNP) visitaron os días 6 e 7 de febreiro de 2024 dúas unidades de hospitalización psiquiátrica do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo sen previo aviso, unha de adultos e a recentemente aberta infanto-xuvenil.
A intervención produciuse de novo no marco do programa de saúde mental do MNP, que ten como obxectivo “analizar desde un enfoque preventivo a situación das persoas con problemas de saúde mental que se atopan privadas de liberdade”, así como “identificar aquelas situacións de risco susceptibles de resultar en tortura ou outras formas de malos tratos”.
Constatan que a falta de profesionais da Unidade de hospitalización breve para adultos dentro da Unidade de saúde mental (USM) do Hospital Álvaro Cunqueiro afecta ao tratamento dos ingresados e que leva a realizar contencións mecánicas de pacientes “por escaseza de persoal”. Ademais, apuntan que a propia Consellería de Sanidade lles confirma que o día da súa visita había “un único psicólogo clínico” para os 62 doentes ingresados, “o que resulta insuficiente”, segundo destacan.
Dispoñer do número necesario de profesionais tamén é preciso porque "a sobrecarga de traballo pode levar a dinámicas coercitivas" como as contencións mecánicas
No informe instan a “que se tomen as medidas necesarias para fomentar un enfoque máis humanista nas unidades hospitalarias de saúde mental, promovendo espazos que fomenten a educación, o entretemento e a interacción social, así como áreas ao aire libre que poidan contribuír significativamente ao proceso de recuperación das persoas ingresadas”.
Dispoñer do número necesario de profesionais tamén é preciso porque “a sobrecarga de traballo pode levar a dinámicas coercitivas” como as contencións mecánicas, que critican que se leven a cabo no mesmo cuarto de ingreso inicial e sen control con cámaras as 24 horas mentres dure a contención. Piden, ademais, “que se implemente, tras a realización dunha contención, un sistema de 'apoio postincidencia' e revisións dos incidentes acaecidos a través da monitorización”.
Relacionado con isto está a supervisión dos médicos en formación, os residentes (MIR), que nas entrevistas para a elaboración do informe contan que durante as gardas –que inclúen a atención psiquiátrica do centro durante as tardes, noites, fines de semana e festivos– “son eles quen asumen a maior parte da responsabilidade asistencial”.
Contrasta como a unidade infanto-xuvenil de Vigo conta cunha “configuración notablemente positiva” en termos de dotación de persoal especializado; o que facilita “unha atención personalizada e reduce a necesidade de “recorrer a medidas coercitivas” con estes pacientes.
No momento da visita había 62 persoas ingresadas nesa unidade de hospitalización breve, das cales dez eran menores de idade que non tiñan oco na unidade específica. Recomendan “que se incremente a cociente de Psicólogos especialistas en Psicoloxía Clínica da Unidade de hospitalización breve, de maneira fixa e con presenza física para garantir o tratamento terapéutico e biopsicosocial das persoas ingresadas para a súa recuperación”, tal e como propón o Comité Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes.
Na unidade infanto-xuvenil observan "un enfoque de tratamento menos centrado na farmacoloxía en comparación coa Unidade de Hospitalización Breve de adultos"
Non se facilita aos técnicos e mais o director do MNP ningún protocolo ante malos tratos durante o ingreso, como tampouco hai un protocolo de lesións, á parte de que estas nin se rexistran, en ningunha das dúas unidades. Nunha actualización dos técnicos de novembro de 2024 sinalan que a Consellería de Sanidade apunta que aínda ten en trámite a creación dun protocolo de prevención do suicidio para a unidade infanto-xuvenil.
“A diferenza no deseño arquitectónico entre as unidades de hospitalización breve para adultos e infanto-xuvenil é notable e reflicte un enfoque diferenciado na atención da saúde mental en ambos grupos”. A unidade para menores conta cun patio ao aire libre, un espazo onde os menores teñen a oportunidade de saír, tomar aire fresco e participar en actividades lúdicas. Un elemento valorado dentro do contexto hospitalario, xa que se considera que pode ter un impacto positivo no proceso de recuperación dos pacientes, “ofrecéndolles un respiro da rutina
hospitalaria e estimulando o seu benestar físico e emocional”.
Os técnicos salientan como na unidade infanto-xuvenil observan “un enfoque de tratamento menos centrado na farmacoloxía en comparación coa Unidade de Hospitalización Breve de adultos”. Este enfoque reflíctese en menores taxas de polifarmacia en xeral, así como no uso de antipsicóticos e benzodiacepinas.

Lembran como o informe do psiquiatrico de Conxo obrigou a mobilizarse a un Goberno que inicialmente se resistía a recoñecer a gravidade da situación
O Comité Europeo para a Prevención da Tortura advirte sobre a necesidade de tomar medidas urxentes a nivel normativo, de infraestrutura, de persoal e de formación para unha correcta abordaxe da saúde mental, en aras de contribuír ao cambio de paradigma sobre o estigma e a aproximación paternalista da saúde mental cara a un modelo comunitario que evite as medidas de internamento en unidades psiquiátricas pechadas e illadas da sociedade.
O Movemento Galego da Saúde Mental pide unha actuación dilixente
Na mesma liña, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) critica como “de novo, ten que ser a opinión pública, coñecedora da situación a través dos medios de comunicación, quen pregunte pola continuidade no uso de prácticas coercitivas, ante o silencio do executivo e eivas na fiscalización e control por parte do eido xurídico”. A plataforma cívica lembra o “enorme impacto” que causou na sociedade o primeiro informe do MNP-Defensor del Pueblo sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo tras a visita en 2017, “que obrigou a mobilizarse a un Goberno que inicialmente se resistía a recoñecer a gravidade da situación e a natureza mesma dos cambios a acometer, nin máis nin menos que un cambio de paradigma en saúde mental, aliñado co enfoque da saúde mental baseado nos dereitos humanos”.
“A día de hoxe, non se entende que o MNP teña que volver a emitir un informe onde se recollen irregularidades e prácticas vulneradoras de dereitos nun centro sanitario en Galicia”, asevera o Movemento Galego da Saúde Mental nun comunicado no que reclama a actuación “proactiva e dilixente” da Fiscalía e do Goberno galego “para lograr que a perspectiva dos dereitos na atención á saúde mental sexa unha realidade e non só un desexo como aínda é na actualidade, para poder así avanzar na erradicación da contención mecánica e outras prácticas coercitivas”.
"Resulta difícil de dixerir que en 2025 volvamos a saber de centros onde hai pacientes en situación de contención mecánica de duración prolongada, ou en illamento na habitación durante días a modo de castigo"
“Resulta difícil de dixerir que en 2025 volvamos a saber de centros onde hai pacientes, segundo se recolle no informe da visita, en situación de contención mecánica de duración prolongada, ou en illamento na habitación durante días a modo de castigo; tamén de vulneración do dereito á privacidade mantendo cámaras de vídeo-vixilancia 24 horas na maioría das habitacións, sendo estas utilizadas ao mesmo tempo como estancia persoal e cuarto de contención, co potencial traumatóxeno que dela se deriva. Con estas prácticas, entre outras recollidas no informe, a reflexión cidadá que xurde é clara: as prácticas en saúde mental han de ser coercitivas?”, pregúntase o MGSM na súa análise do informe do Defensor del Pueblo sobre La Robleda, conclusións que remitiu á Consellería porque aínda que se trate dun centro privado, “a Xunta ten transferida en materia de sanidade, entre outras, as competencias de tutela e garantía dos dereitos sanitarios dos/das pacientes e persoas usuarias, e de inspección e avaliación de centros, establecementos e servizos sanitarios”.
O MGSM critica como en moitos casos se amplía o tempo de ingreso hospitalario "por non ter unha alternativa habitacional"
O MGSM recolle as eivas que os informes do Defensor del Pueblo sinalan sobre as dúas unidades de hospitalización psiquiátrica e destacan que poden “xeneralizarse á inmensa maioría de dispositivos asistenciais da rede de saúde mental de Galicia”. Así mesmo, lembran que existen só dúas unidades en todo o país, en Santiago e Vigo, para os ingresos de menores de 16 anos con patoloxía psiquiátrica.
Dende o Movemento Galego da Saúde Mental non esquivan as “implicacións legais e éticas” que derivan da duración dos ingresos, no caso de La Robleda con exemplos confirmados como o da muller que leva once anos alí ingresada. Critican como en moitos casos se amplía o tempo de ingreso hospitalario “por non ter unha alternativa habitacional” e, por outra banda, explican que “a solución parcial que ofrece a Consellería de Política Social, de ingreso en residencias sociosanitarias, está xerando problemas pola falta de planificación, de dotación profesional necesaria e de formación necesaria para a capacitación na atención da nova tipoloxía de residentes con necesidades e características específicas”.