A Xunta tarda dous anos en reparar o embarcadoiro da Guarda que impide que funcione o transbordador a Caminha

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, na presentación das obras do embarcadoiro da Guarda CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras pechar a súa rampla por deterioro en outubro de 2021 Portos de Galicia di que volverá funcionar en verán pero salienta que “peregrinos e visitantes” teñen o Xacobeo Transfer, unha lancha de 12 pasaxeiros que reduciu a comunicación entre as dúas vilas

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, confirmou o pasado 29 de marzo na Guarda que cando menos ata o próximo verán non estará reparado o embarcadoiro propiedade de Portos de Galicia empregado polo transbordador que comunica con Caminha. Foi pechado polo seu deterioro en outubro de 2021

Ante estes preto de dous anos sen funcionamento do transbordador, que permitía mesmo o embarque de autobuses, a conselleira salientou que a Xunta puxo en servizo o denominado Xacobeo Transfer, unha lancha con capacidade para 12 persoas “que empregan peregrinos e visitantes” e coa que a comunicación entre as dúas beiras do Miño se reduciu a unha sexta parte.

Transbordador paralizado á espera das reparacións de Portos de Galicia no seu embarcadoiro da Guarda © Câmara Municipal de Caminha

O transbordador entre A Guarda e Caminha é propiedade da cámara municipal da vila portuguesa, pero do lado galego empregaba un embarcadoiro propiedade de Portos de Galicia que o ente público da Xunta pechou en outubro de 2021 polo seu deterioro. Aproveitando ese peche Caminha someteu o seu transbordador a unha revisión xeral que rematou a comezos de 2022. Pero para daquela Portos de Galicia aínda nin deseñara a reparación que debía facer nas súas instalacións.

Eses traballos, dixo na Guarda a conselleira, “están na súa fase inicial” e teñen un orzamento de 580.000 euros e un prazo de execución de tres meses. Pero a nota divulgada pola Xunta non fai ningunha referencia á recuperación do transbordador, aínda que este dependa de Caminha, ou á mellora do transporte de persoas e vehículos entre as dúas beiras do Miño, senón que se centra en argumentar que a reparación das súas instalacións se acomete para “evitar o seu afundimento e posibles riscos tanto para o medio ambiente como para a seguridade da navegación na zona”. 

Tras pechalo en outubro de 2021, a Xunta di agora que empezou a reparación do embarcadoiro "unha vez que novos informes detectaron un avance no deterioro polo paso do tempo e das inclemencias rexitradas nos últimos meses de 2022 e comezos de 2023"

A Xunta mesmo evita referirse ao peche da instalación en outubro de 2021 e di que empezou os traballos “unha vez que novos informes de inspección detectaron un avance no deterioro desta infraestrutura como consecuencia do paso do tempo e das inclemencias meteorolóxicas rexistradas nos últimos meses de 2022 e comezos de 2023”. E insiste en evitar relacionar a reparación co tránsito de persoas e vehículos, xa que segundo di “o obxectivo desta actuación é arranxar esta instalación -situada en espazos da Rede Natura 2000- para evitar danos na contorna”. O fin, di, é “impedir o afundimento tanto do pantalán flotante como dos elementos conectados a el e velar así pola seguridade da navegación e a protección do medio ambiente”. 

A lancha habilitada pola Xunta hai un ano, o Xacobeo Transfer, rexistrou mil pasaxeiros ao mes durante os meses máis turísticos do pasado ano, fronte aos 6.000 do transbordador antes da pandemia

A única referencia ao transporte público entre a Guarda e Caminha é a de que “de xeito paralelo mantense operativo, minimizando ao máximo as interferencias, o servizo de transporte de viaxeiros existente entre as dúas beiras do Miño, o Xacobeo Transfer que empregan peregrinos e visitantes”. Con ese público obxectivo ese servizo, posto en marcha máis de medio ano despois do peche do transbordador e prestado primeiro cunha lancha máis pequena e agora con outra de 12 prazas, moveu durante os meses centrais do pasado ano, os máis turísticos, uns mil pasaxeiros ao mes

A cifra contrasta cos 6.000 pasaxeiros ao mes que rexistrara o transbordador no seu último ano de funcionamento antes da pandemia, 2019. Daquela tamén transportou milleiros de automóbiles e outros vehículos.

Rueda na inauguración o pasado decembro da nova embarcación do servizo 'Xacobeo Transfer' entre A Guarda e Caminha CC-BY-SA Xunta de Galicia

Agora, pola contra, a Xunta só se refire ao transporte de persoas, sen mencións aos vehículos, indicando que tras a reparación do embarcadoiro “a instalación quedará plenamente operativa para a prestación do servizo de traslado de pasaxeiros entre os dous lados do río en condicións óptimas e tendo corrixido tamén eses posibles riscos para a navegación e para o medio ambiente”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.