A Xunta volve privatizar a xestión de dúas residencias tras intervilas por "risco" para os maiores

Residencia de maiores de Bande, propiedade xa Xunta pero con xestión privatizada © DomusVi

As residencias do Carballiño e Bande, con 80 e 50 prazas, poderían ter tres adxudicatarias distintas nun só ano 

A Consellería de Política Social é a propietaria das residencias de maiores do Carballiño e Bande, con 80 e 42 prazas respectivamente. Pero vén deixando a súa xestión en mans privadas e así o volverá facer agora tras intervilas a comezos deste ano a petición da súa adxudicataria por "risco" para "a atención ás persoas maiores dependentes". Unha situación á que se chegou por falta de persoal ante demoras da empresa no pagamento dos salarios. 

Tras entregar temporalmente a xestión das dúas residencias a outras empresas, este luns o Consello da Xunta decidiu volver a sacalas novamente a concurso, o que pode facer que nun só ano cada centro pase por mans de tres empresas xestoras distintas.

O presidente da Xunta visitando unha residencia de maiores nunha imaxe de 2022 CC-BY-SA Xunta

As residencias de maiores do Carballiño e Bande, de titularidade da Xunta, foron xestionadas por DomusVi ata comezos de 2022, a segunda con sancións por falta de persoal e obstruír inspeccións. Naquel ano, tras un novo concurso público, a súa xestión foi adxudicada á empresa Gesmedical-Dis SL. Pero a comezos deste ano Política Social, "á vista da solicitude de intervención do servizo residencial por parte da entidade", decidiu resolver os dous contratos. 

A anterior adxudicataria demorou o pagamento de salarios, o que derivou en insuficiencia de persoal que acabou "poñendo en risco a atención ás persoas maiores"

Fíxoo ante as demoras da empresa no pagamento dos salarios, que derivaron nunha insuficiencia de persoal que acabou "poñendo en risco a atención ás persoas maiores dependentes usuarias do centro", segundo a Xunta.

Ante esa situación, a comezos deste ano Política Social formalizou dous contratos de emerxencia cos que entregou a xestión da residencia do Carballiño a Gallega de Servicios Geriátricos e a da residencia de Bande á Fundación Valdegodos. E agora, segundo avanzou o presidente Rueda no Consello da Xunta deste luns, vaise convocar un novo concurso público para superar esa situación de emerxencia que adxudicar novamente de xeito formal a xestión das dúas residencias por varios anos. 

Consello da Xunta celebrado no Parlamento este luns CC-BY-SA Mónica Arcay Carro - Xunta de Galicia

A Xunta renuncia así novamente a asumir a xestión directa desas dúas residencias da súa propiedade, como si fai con outros centros. Unha xestión privatizada á que recorre co argumento de que ten cartos para facelo pero non persoal suficiente

O novo concurso público propicia ao tempo que cada un dos dous centros poida chegar a ter ata tres empresas xestoras distintas nun só ano. Ou catro empresas xestoras distintas en catro anos, se a conta se remonta a 2022, cando DomusVi deixou a súa xestión. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.