"Esta é a clave da campaña: unir a todas as persoas que queren construír unha Galiza mellor, na papeleta do BNG", salientou a candidata do BNG nun Auditorio Mar de Vigo con máis dun milleiro de persoas
“Aquí está o pobo unido para gañar”. A Ana Pontón máis presidencial desta campaña electoral rematou o penúltimo día da carreira cara ao 18F en Vigo. Máis dun milleiro de persoas, con representantes do movemento veciñal e do eido cultural da cidade, encheron a entrada do Auditorio Mar de Vigo entre berros de “presidenta”.
“Vigo como motor do cambio”. O mitin central do BNG na cidade olívica desbordou as expectativas na asistencia e no ambiente. Menos bandeiras pero máis sorrisos. E máis unidade, de novo coa presenza de Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega no acto, así como da ex-líder de Podemos Galicia, Carmen Santos. “Esta é a clave da campaña: unir a todas as persoas que queren construír unha Galiza mellor, na papeleta do BNG”, salientou a candidata do Bloque á presidencia da Xunta.
"Esta ilusión é o que pon nervioso o PP. Empezou a campaña falando de 'bots' rusos, dicía que tiñamos un exército. Eles só teñen a TVG"
O ambiente era distinto ao do mesmo mitin nas eleccións de hai catro anos, pero difire aínda moito máis do de hai oito anos neste mesmo espazo. O ambiente é volátil, intanxible, pero incluso as voces máis expertas do Bloque en Vigo recoñecen estar asistindo a algo “nunca visto”. A emoción dominou todas as intervencións no mitin entre todas as propostas listas para levar a Xunta se o domingo hai cambio.
A propia Ana Pontón falou dunha “nova enerxía”. “Nunca vivira unha campaña así –dixo–, con tanta xente que hoxe está desexando que chegue o domingo para ir votar BNG coa convicción de que é o mellor para este país”.
“Esta ilusión é o que pon nervioso o PP. Empezou a campaña falando de bots rusos, dicía que tiñamos un exército. Eles só teñen a TVG. Logo falaron de Catalunya e Puigdemont, pero diso esta semana falaron menos. Esta semana tocou sacar o comodín do PP: ETA. Todo é ETA. Todas as persoas que votan o BNG son ETA. Están desesperados porque hai un país que dixo basta, que se está unindo pola ilusión e que o domingo vai ir votar”, asegurou.
"Imos ser un goberno que cumpra porque imos ser un goberno que poña a xente por diante dos especuladores"
“O pobo, unido, xamais será vencido. Aquí está o pobo unido para gañar”, declamou Pontón, para prometer: “Imos ser un goberno que cumpra porque imos ser un goberno que poña a xente por diante dos especuladores”. A candidata do BNG fixo un chamado moi claro a acudir aos colexios electorais este domingo para que non gañe o discurso “desmobilizador” do PP e o “aquí nunca pasa nada”.
Fíxoo arroupada polos candidatos e candidatas Luis Bará, Alexandra Fernández, Carmela González e Montse Prado; pola eurodeputada Ana Miranda; polo alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores; pola alcaldesa de Moaña Leticia Santos; polo alcalde de Soutomaior Manuel Lourenzo; pola líder de Galiza Nova Marta Gómez; polo portavoz municipal do BNG en Vigo Xabier Pérez Igrexas; e pola ex-deputada no Congreso Olaia Fernández Davila, entre outros.
Ana Pontón referiuse á tarifa eléctrica galega que o BNG quere implantar, reforzou que o seu goberno eliminará a cadeira das eléctricas na Xunta e incidiu en que negociará co Estado un modelo de financiamento mellor para Galicia. “Este domingo xogámonos moito”, advertiu, sen esquecer os severos problemas de vivenda e ese plan urxente para salvar a sanidade pública que aprobará no seu primeiro Consello da Xunta. “Levamos quince anos cun PP que triturou a sanidade pública deste país con recortes e precariedade. Saben moi ben o que fan, queren desmantelar a pública para beneficiar a privada, pero nós necesitamos a pública”, sinalou.
"É moito mellor poder dicir: eu fun parte desa historia"
“Hai momentos que din que a Historia pode tocarse coas mans e podemos transformar o presente e o futuro”, concedeu Pontón. Pediu a xente congregada no Auditorio Mar de Vigo que se situase na mañá do vindeiro luns, 19 de febreiro. A noite anterior non quedaron ver o resultado electoral e esa mañá, cando baixan o bar do seu barrio, len na portada dun xornal que Galicia ten unha presidenta por primeira vez na historia. “Como vos sentiriades?”, preguntou. “Conseguilo non depende dunha persoa, depende de todos e todas nós. É moito mellor que ese 19 de febreiro non pensemos no que podiamos ter feito para ese cambio. É moito mellor poder dicir: eu fun parte desa historia”, afirmou entre aplausos.