BNG e PSdeG coinciden en destinar o 1% do Orzamento da Xunta a políticas de igualdade se gobernan tras o 18F

Actos electorais de BNG (arriba) e PSdeG sobre políticas de igualdade, este 15 de febreiro CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro aproveitaron o debate electoral de RTVE para, ante a negativa de Alfonso Rueda a acudir nin enviar representante ningún do PP, bosquexaren as liñas converxentes de BNG e PSdeG para un eventual Goberno conxunto se o 18F as urnas dan lugar a unha maioría de esquerdas. Poucas horas despois, as axendas da candidata do Bloque e do candidato socialista converxían tematicamente con actos centrados na igualdade de xénero que deixaron tras de si unha confluencia xa enunciada no encontro televisivo: dedicaren o 1% do Orzamento da Xunta a estas políticas, isto é, algo máis de 110 millóns de euros ao ano.

"Comigo entrarán pola porta da Xunta todas as mulleres", mantén Pontón, que apela ao voto feminino para lograr un cambio que está "ás portas" e promete accións como un servizo público de canguros ou máis prazas nas escolas infantís

Nun concorrido encontro con mulleres en Santiago nun centro cultural situado nas proximidades do complexo administrativo de San Caetano, sede central da Xunta, Pontón advertiu de que "o cambio está ás portas" e nese contexto apelou ao voto feminino. "Non quero facer historia por min, quero facela por todas e para todas" e por iso, promete, se o novo Parlamento a inviste presidenta, a primeira "tras 43 anos" de autonomía, "comigo entrarán pola porta da Xunta todas as mulleres" para presidir "un Goberno feminista", dixo acompañada pola alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, e pola cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas.

Encontro de Ana Pontón con mulleres para expoñer o programa de goberno do BNG en materia de igualdade CC-BY-NC-SA BNG

"A igualdade non é só poñer un lazo lila na lapela cada 8 de marzo", advirte a candidata do Bloque. Por iso, di, un Goberno do BNG "destinará o 1%" do orzamento a estas políticas, nomeadamente "a combater a violencia machista", nun contexto no que propiciará "que as mulleres non sigan cargando coa falta dunha estrutura pública que coide as persoas". Por iso, avanza, prevé implantar "un servizo público de canguros a domicilio para crianzas de 4 meses a 12 anos, destinados a cubrir necesidades extraordinarias" como "que un neno ou unha nena teña que quedar na casa por enfermidade e os seus pais traballen".

Nesta liña, mantén, o Bloque comprométese a ampliar a rede pública de escolas infantís, "porque a gratuidade está moi ben, pero pouco importa se as prazas non son dabondo", e tamén a "aumentar en 86 millóns o Servizo de Axuda no Fogar". A defensa da xornada laboral de 35 horas, unha "auditoría sobre a situación das mulleres en contratacións públicas sufragadas total ou parcialmente pola Xunta", con "especial vixilancia" en eidos como o da limpeza son outras das promesas de Pontón neste eido.

Besteiro, con candidatas do PSdeG e a secretaria de igualdade do partido, este 15 de febreiro CC-BY-NC-SA PSdeG

A "axenda feminista" como "eixo vertebrador" do vindeiro Goberno

Besteiro, pola súa banda, expuxo os seus plans na materia acompañado polas cabezas de lista do PSdeG pola Coruña, Ourense e Pontevedra (Patricia Iglesias, Carmen Dacosta e Elena Espinosa), a número dous por Lugo, Lara Méndez, e a presidenta do partido, Carmela Silva. Canda elas comprometeuse a que se os socialistas gobernan tras o 18F, a "axenda feminista" será o "eixo vertebrador" do novo Executivo, a comezar polos orzamentos.

Besteiro compromete un "gran pacto galego pola corresponsabilidade" ou crear o Instituto Galego da Muller entre as medidas de igualdade que, di, o PSdeG aplicará se retorna á Xunta

O plan do PSdeG, indica Besteiro, pasa por "dedicar o 1% do orzamento consolidado da Xunta ás políticas de igualdade", pero tamén "camiñar cara ao 2%". O "compromiso" orzamentario, avanza o candidato socialista, será a base de accións coma o "gran pacto galego pola corresponsabilidade" con sindicatos e patronal ou a creación do Instituto Galego da Muller, "recuperando o organismo na defensa da igualdade fulminado polo PP en 2010", lembra, en referencia ao suprimido Servizo Galego de Igualdade.

A posta en marcha "inmediata e simultánea" dos centros de crise de atención integral ás vítimas de violencia sexual -con financiamento do Estado xa recibido pola Xunta- e estendelos ás sete áreas sanitarias do Sergas (inicialmente van ser catro), lograr xulgados especializados en violencia machista nas sete cidades, incorporar a educación afectivo-sexual no ensino ou "camiñar de vez cara á erradicación da prostitución" son outros dos compromisos do PSdeG para a igualdade de xénero.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.