Se nalgún momento fose escrita unha historia da política galega a través dos hoteis composteláns, o instalado a principios de século no antigo convento das Oblatas tamén tería un lugar destacado. Alí sucederon feitos tan relevantes como o anuncio de que Alberto Núñez Feijóo se dispuña a suceder a Manuel Fraga ou que renunciaba a competir por suceder a Mariano Rajoy. Pero alí tamén, por exemplo, Anxo Quintana levou algúns dos actos máis relevantes na súa etapa como vicepresidente e no mesmo lugar o BNG pasou a dura, mesmo dramática noite electoral de 2009 na que o PP logrou retornar á Xunta no primeiro intento.
A candidata mantén que o BNG se ve en condicións de dotar Galicia co "mellor Goberno de todos os tempos", que aplique as "mellores respostas de todo o mundo" aos diversos problemas, pero "pensadas na nosa realidade"
Nese hotel, concretamente na antiga capela -escenario de moitos dos devanditos feitos políticos do pasado- citou este luns Ana Pontón aos medios de comunicación. A seis días das eleccións, a candidata do BNG á presidencia asegura ver claro que o 18F xa tende a formularse, en boa medida, como unha "disxuntiva" entre un goberno presidido polo PP de Alfonso Rueda ou un Executivo "comigo como presidenta". E nese punto di sentir a "obriga" de explicar xa cales serían as súas "liñas mestras" tanto "no exercicio da presidencia como na organización do Goberno".
Mantén Pontón que, se logran gobernar tras o 18F, no BNG teñen claro que non queren ser "meros administradores de recursos". Trátase, di, de "cambiar o concepto de gobernanza" para pasar "de estar no goberno a ser goberno", "actuar como goberno para saír da inercia" e "poñer en marcha o gran impulso que precisa este país". E para iso, asegura, o Bloque vese en condicións de dotar Galicia co "mellor Goberno de todos os tempos" que aplique "solucións avanzadas", as "mellores respostas de todo o mundo" aos diversos problemas, pero "pensadas na nosa realidade".
"Sectores produtivos e recursos naturais, política económica e emprego" e mais "política social, servizos públicos, benestar e calidade de vida" estarían "directamente coordinadas dende a Presidencia" nun eventual Goberno do BNG, explica a candidata
A partir destes principios políticos xerais, Pontón asegura que, tal e como prometeu no debate da CRTVG, a área de Igualdade da Xunta dependería directamente dela como presidenta. Ademais, avanzou este luns, conciben "dúas áreas estruturais" que "estarán directamente coordinadas dende a Presidencia": "sectores produtivos e recursos naturais, política económica e emprego", por unha banda, e mais "política social, servizos públicos, benestar e calidade de vida", por outra.
O "protocolo de traballo" interno desas áreas, indica, implicaría "reunións mensuais para determinar estratexias de actuación", encontros que "convivirán co Consello da Xunta" de cada semana. Preguntada ao respecto, a líder do Bloque defende que non é o momento de suxerir eventuais nomes para eses departamentos. "O primeiro é que haxa un nome claro, o dunha presidenta para este país" e "a partir desa decisión", di, chegarían as relativas ás persoas titulares das diferentes consellerías.
A candidata da formación soberanista si di ter claro, a preguntas da prensa, cales serían as primeiras medidas que tomaría o novo Executivo que, promete, tamén procuraría a "equidade" en ámbitos como o reparto de fondos aos concellos. Un plan de "rescate da Atención Primaria" do Sergas -que o BNG vén cifrando en 200 millóns de euros-, xunto coa "gratuidade dos libros de texto" e a ampliación do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia, di, serían as primeiras decisións do seu Goberno.