A candidata do BNG di en Burela que o seu goberno negociará co Estado a "intervención pública de Alcoa para garantir a actividade e os postos de traballo" e reactivará infraestruturas como a Vía de Altas Prestacións San Cibrao-Ferrol
"Necesitamos maior actividade económica, recuperar sectores produtivos e captar industria, e non podemos permitirnos o luxo de perder o que temos", asegurou este martes en Burela a candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, que avanzou que unha das prioridades do seu goberno será negociar co Estado a "intervención pública de Alcoa para garantir a actividade e os postos de traballo" desta empresa que cualificou como "estratéxica" para a comarca da Mariña e para Galicia.
"A Mariña precisa un goberno cun proxecto e capacidade para defendela", incidiu Pontón nun mitin no que estivo acompañada pola número un por Lugo, Olalla Rodil, e o candidato Daniel Castro. Neste sentido, a nacionalista avogou por liberalizar o dique norte de Alcoa e darlle a San Cibrao unha autoridade propia "porque –dixo– Lugo é a única provincia marítima cun porto de interese xeral que non ten autoridade portuaria propia".
A candidata comprometeuse a traballar a prol dunha Mariña "conectada dunha vez por todas" e explicou que co BNG na Xunta vaise reactivar a construción da Vía de Altas Prestacións San Cibrao-Ferrol, "que acumula décadas de retrasos e que se ten convertido nunha débeda histórica coa comarca". Tamén recalcou que o seu goberno non vai deixar "que Lugo perda o tren" e converterá o FEVE nun "auténtico servizo de proximidade para comunicar e vertebrar toda a comarca".
En canto ao sector da pesca, Pontón sinalou que quere que o seu goberno sexa un "aliado par defender o futuro" dos portos de Celeiro e Burela e adquiriu o compromiso de negociar co Estado a retirada dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM). "Encher os nosos caladoiros de eólicos suporía un golpe de morte para o sector e non o imos permitir", aseverou.
As eleccións "máis abertas"
Nun escenario electoral con sucesivos "intentos de desmobilización" por parte do PP, Pontón salientou que "estas son as eleccións máis abertas dos últimos tempos, o momento de cambiar o rumbo do país unindo todo o voto de cambio no Bloque".
"Disto é do que van estas eleccións –recalcou– non van das batalliñas madrileñas, non van de crispación, non van dun premio de consolación para Feijóo ou dunha reválida de Sánchez. Estas eleccións van dos galegos e das galegas".
Pontón aposta por "deixar atrás o tempo das promesas e da propaganda e dar paso ao tempo dos feitos e dos compromisos cumpridos"
Na súa intervención, Ana Pontón tamén ironizou co "nerviosismo" dun PP e dun Alfonso Rueda que premeron o "botón do pánico" na campaña, "desesperados por trasladar a Galiza a crispación e as liortas de Madrid, todo para non falar da súa xestión porque sabe que non se sostén".
"Un PP que deixa recortes en sanidade e en educación, que permite que se faga negocio coa vellez, que auspicia o espolio eólico para que as eléctricas se sigan forrando cos recursos naturais do país mentres pagamos os custes sociais e ambientais", evidenciou para contatar que é o momento de "deixar atrás o tempo das promesas e da propaganda e dar paso ao tempo dos feitos e dos compromisos cumpridos".
"Estamos a moi poucos días dunhas eleccións que van ser históricas, unha presa de votos van decidir cara a onde vai a balanza: se cara ao pasado ou cara ao futuro, se para os que nos deixan unha Galiza cada vez peor ou para os que queremos construír un páis con máis oportunidades, máis próspero, con mellores servizos públicos, con máis orgullo de ser de aquí. Estou convencida de que temos a forza e a capacidade suficiente para logralo. É o momento de pedirlle o apoio a todo o mundo, dá igual o que votara noutras ocasións. Neste proxecto teñen cabida todas as persoas que queren construír unha Galiza mellor", salientou Ana Pontón este martes en Burela, onde pediu un "empurrón" para que a balanza se decante cara ao BNG o domingo.