Pontón anuncia a creación dun centro de reparacións do naval en Vigo

Ana Pontón, durante o encontro celebrado este xoves en Vigo con representantes sindicais. CC-BY-SA BNG

“Se nos introducimos nese mercado das reparacións de buques, imos ser capaces de aproveitar toda a infraestrutura e todo o coñecemento que temos en Vigo para crear emprego”, explicou

O BNG aposta pola creación dun centro de reparacións do naval na ría de Vigo e recupera así unha proposta histórica do sector, que hai tempo que ve na reparación unha vía de ingresos imprescindible para a supervivencia dos estaleiros.

Durante un encontro con representantes sindicais en Vigo, Ana Pontón debullou as propostas de goberno do BNG en materia laboral, entre as que destacou a creación deste centro de reparacións do naval na ría de Vigo.

Pontón advertiu da “situación límite” na que se atopa o sector, despois de que o Goberno do PP deixara caer unha parte moi importante do seu tecido. “Nós queremos levantalo”, afirmou para defender a creación do centro de reparacións ante a caída de novos pedidos que sofre a construción naval.

“Se nos introducimos nese mercado das reparacións e as transformacións de buques, imos ser capaces de aproveitar toda a infraestrutura e todo o coñecemento que temos en Vigo para crear emprego”, explicou. 

Instalacións do estaleiro Hijos de J. Barreras en Vigo cando tiña carga de traballo. © Hijos de J. Barreras

Pontón anunciou que o Goberno liderado polo BNG porá en marcha un plan de reindustrialización. “Un país sen industria está condenado a ser mero consumidor do que producen outros e carece de futuro”, asegurou 

A candidata nacionalista tamén sinalou a automoción como outro dos sectores que necesita un apoio importante, especialmente para enfrontar o reto da electrificación “gañando capacidade produtiva aquí”. Neste sentido, considerou clave que haxa unha rede de pequenas e medianas empresas, que non dependa única e exclusivamente dunha empresa matriz, senón que se poida “posicionar en novos mercados e en novos ámbitos produtivos” para fortalecer tamén a creación de emprego. 

Con estes obxectivos, Pontón avanzou que un goberno BNG porá en marcha a Mesa da Automoción porque, segundo subliñou, “sabemos que é clave sentar a todo o sector e poñernos a traballar para enfrontar ese gran reto de futuro” e para afianzar a automoción, clave non só na economía de Vigo, senón na economía galega, dado o peso que ten no PIB e o nivel de emprego. 

Pontón anunciou que o Goberno liderado polo BNG porá en marcha un plan de reindustrialización nunha "aposta decidida" pola ciencia e a tecnoloxía. “Un país sen industria está condenado a ser mero consumidor do que producen outros e carece de futuro”, asegurou no encontro que mantivo en Vigo con representantes dos traballadores e traballadoras.

A candidata nacionalista aproveitou a xuntanza –na que participou tamén o número un da lista por Pontevedra, Luís Bará, e a candidata Carmela González- para expoñer as principais medidas do BNG para reflotar a industria galega, un sector no que se perderon 27.600 empregos dende o ano 2009 e no que “quedaron polo camiño” -denunciou- centros de pequenas e medianas empresas dedicadas á automoción, o naval ou a enerxía, entre outros ámbitos industriais. 

O BNG propón tamén o Plan e Fomento da Actividade Tecnolóxica e Industria que ten por obxectivo aumentar en seis puntos o peso da industria no PIB, até chegar ao 23%, e crear doce mil empregos no período 2024-2030. Trátase dun plan enfocado a pequenas e medianas empresas (PEMES) con proxectos a longo prazo e que sexan capaces de establecer redes de cooperación con outras empresas locais e con capacidade de internacionalización. 

Pontón advertiu da necesidade de frear a deslocalización de empresas e avogou por facer de Galiza un territorio atractivo para o investimento a través, por exemplo, de máis solo industrial e trámites máis rápidos para que as empresas se poidan instalar aquí. 

Un momento do encontro entre a candidata nacionalista e representantes laborais en Vigo. CC-BY-SA BNG

A candidata subliñou que co BNG na Xunta as empresas que recibiron axudas públicas nos últimos oito anos e decidan marchar do País estarán obrigadas a devolver eses recursos

Anunciou, así mesmo, que co BNG na Xunta as empresas que recibiron axudas públicas nos últimos oito anos e decidan marchar de Galicia estarán obrigadas a devolver eses recursos á Administración, “porque non pode ser que os utilicen exclusivamente para o seu beneficio e logo deixen tirados ás traballadoras e traballadores do País”.   

Ademais deste plan, o programa nacionalista inclúe outras medidas estratéxicas para reindustrializar Galicia, como a creación do Innogal, un instituto público similar ao Icrea catalán ou o Ikerbasque, destinado a reter talento científico e promover a I+D+i. Pontón considerou clave a posta en marcha deste organismo porque, destacou, “non queremos competir con baixos salarios senón con coñecemento, poñendo a Galiza á vangarda en ciencia e en investigación”.

Empresa pública de enerxía

Igualmente terá carácter estratéxico a creación dunha empresa pública de enerxía que contribúa ao asentamento da industria no país. “O obxectivo é poñer a riqueza eléctrica ao servizo do país porque agora, sendo como somos unha gran potencia eléctrica, non temos ningún beneficio. Ao contrario pagamos os custes sociais e ambientais”, expuxo a candidata nacionalista.

"Eu vou a estar nese debate e pregúntome por que o Partido Popular quere ocultar o señor Rueda e non quere participar"

Ana Pontón asegura estar con “moi boas sensacións” neste ecuador de campaña electoral e sinala a necesaria participación o vindeiro 18 de febreiro como “clave” para acadar un cambio liderado polo BNG. “Dá igual o que votaran noutras ocasións, dá igual como sintan a súa maneira de ser galegos e galegas porque todas esas persoas son necesarias para o cambio”, defende a candidata nacionalista á Presidencia da Xunta. 

O PP "oculta" o seu candidato

Durante un encontro con delegadas e delegados sindicais da industria e a automoción en Vigo, Pontón subliñou que “pasamos dunha campaña na que o PP quería ocultar as súas siglas a unha campaña na que quere ocultar o seu candidato”. Defende que con esa actitude a quen están a “darlle plantón o Partido Popular e o señor Rueda non é ao BNG”, en referencia a ausencia do candidato do PP no vindeiro debate da TVE. “A quen lle dá plantón é a Galiza" . "Os galegos e galegas merecen candidatos e candidatas á Presidencia que estean dispostos a debater. Eu vou a estar nese debate e pregúntome por que o Partido Popular quere ocultar o señor Rueda e non quere participar", dixo..

Este xoves a Cadena SER lanzaba unha proposta para celebrar un cara a cara entre a candidata do BNG, e o candidato do PP. Unha proposta que foi aceptada rapidamente pola forza nacionalista. 

Pontón presentou en Vigo as propostas de goberno do BNG en materia laboral. CC-BY-SA BNG

O BNG subliña que os cara a cara son debates habituais en democracia entre a persoa que aspira a revalidar goberno e a líder da oposición, como acabamos de ver recentemente nas eleccións xerais cun debate entre Sánchez e Feijóo e, neste sentido, insta ao candidato do PP a non esconderse e a aceptar o contraste de proxectos de goberno coa líder do Bloque.

Para a formación nacionalista, os debates son “un instrumento fundamental nun proceso electoral non son unha prerrogativa dos partidos políticos, senón un dereito da cidadanía”. Neste sentido, insta a Rueda que rectifique e que acuda ao debates convocados, tanto por TVE como este cara a cara que ven de propoñer a Cadena Ser.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.