Pontón e Besteiro ratifican a súa asistencia ao debate de RTVE malia á ausencia do PP

Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, en actos de campaña CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro si debaterán ante as cámaras de RTVE o vindeiro mércores, día 14, en horario de máxima audiencia. Tanto a portavoz nacional e candidata do BNG á presidencia como o cabeza de cartel do PSdeG ratificaron este mércores a súa asistencia despois de que, na xornada anterior, a corporación estatal confirmase non só que Alfonso Rueda non asistirá, como o resto de forzas daban practicamente por feito, senón tamén que o PP non enviará ninguén no seu lugar aínda que a canle pública llelo ofreceu.

O PP evita enviar a Rueda e tampouco atende o convite de que o substitúa outro representante do partido

Así, ao contrario do que aconteceu a pasada semana no debate organizado pola Cadena SER, onde o PP estivo representado polo seu actual voceiro parlamentario, Alberto Pazos, no encontro do vindeiro mércores ficará sen ninguén o espazo dos populares. A doutrina da Xunta Electoral impide a RTVE situar un atril baleiro no plató, sen sen dúbida existirá simbólica e politicamente como xa sucedeu na campaña das eleccións xerais de xullo do ano pasado, cando Alberto Núñez Feijóo tamén decidiu ausentarse.

Participantes no debate electoral da CRTVG, o único con asistencia de Rueda © CRTVG

A principal diferenza co debate do 23X, non obstante, é que tampouco existirá no debate representación ningunha doutro partido da dereita, toda vez que o encontro deseñado por RTVE inclúe unicamente as forzas que actualmente teñen representación parlamentaria -a Xunta Electoral deu o seu visto e prace, malia ás reclamacións doutros partidos-. Daquela, Pontón e Besteiro terán que conciliar a presentación das ofertas electorais de BNG e PSdeG e as contraposicións entre ambas coa posibilidade de compartiren goberno se o PP perde a maioría absoluta e Democracia Ourensana non ten representación ou, aínda que a teña, non lle é dabondo a Rueda para reter a presidencia.

A candidata do BNG insta a Rueda a "deixar de esconderse" e coida que, "se cadra, non ten programa nin ideas que contrastar". O aspirante do PSdeG ve acreditado que o PP "non dá a cara nin ten proxecto para Galicia"

Neste contexto, Ana Pontón non só volve confirmar que acudirá a Televisión Española "porque os debates non son un dereito dos candidatos e candidatas, senón da cidadanía", senón que tamén reclamou a Rueda que "deixe de esconderse" e, ademais de a ese encontro, "acepte un cara a cara" con ela. "Sorprende que alguén que quere presentarse a dirixir este país deixe baleira a súa cadeira nun debate no que pode defender e contrastar o seu programa", di. "Se cadra é que non ten nin programa nin ideas que contrastar e por iso prefire esconderse".

Besteiro, pola súa banda, tamén evidencia que asistirá e ve acreditado que "Rueda non é un presidente que dea a cara por Galicia". Neste contexto, a preguntas da prensa o candidato socialista di non temer que a ausencia de Rueda responda a un afán do PP por forzar un enfrontamento televisivo entre nacionalistas e socialistas. "En absoluto: o que demostra é a ausencia do PP, que non ten proxecto para Galicia". "Eu vou dar a cara no debate e por Galicia", conclúe.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.