A candidata do BNG di que o seu goberno destinará o 2% do orzamento da Xunta á cultura, arredor de 300 millóns de euros anuais. "A cultura galega vai ter en min unha aliada", asegura
"Se podemos falar dunha cultura galega é porque temos un idioma noso que nos permite falar de ti a ti co resto de culturas do planeta", afirmou a candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, nunha conversa este sábado en Santiago co escritor Carlos Callón, a escritora Berta Dávila, o actor Monti Castiñeiras e o músico Mondra na que avanzou que o seu goberno destinará o 2% do orzamento a investir en cultura, o que calculou que serían arredor de 300 millóns de euros anuais, triplicando así os fondos que destina o actual goberno do PP.
Pontón destacou que a cultura "é un dereito que, ademais, xera riqueza, dinamismo económico e emprego". Por iso, comprometeu que un goberno do BNG porá en marcha un modelo cultural "integral", que apoie o tecido empresarial galego e con financiamento público suficiente. "A cultura galega vai ter en min unha aliada porque quero ser a presidenta dun goberno que aposte pola nosa lingua e a nosa cultura en todos os eidos creativos", sostivo.
Se os resultados das eleccións do 18 de febreiro o permiten, Pontón promete impulsar desde a Xunta unha lei galega de dereitos culturais porque –destaca– "queremos unha sociedade formada, participativa e crítica". Nese sentido, tamén avanzou que fomentará o mecenado cultural con incentivos fiscais e unha liña de crédito específica para proxectos culturais.
Así mesmo, comprometeuse a prestar "atención prioritaria" á situación socio-laboral dos traballadores e traballadoras da cultura. O programa de goberno do Bloque inclúe a posta en marcha de bolsas e residencias literarias e artísticas para apoiar a creación de novos valores.
Pontón propón destinar o 6% do orzamento anual da CRTVG a impulsar a creación audiovisual galega e en galego, especialmente o cinema
No proxecto de Ana Pontón os medios públicos serán "clave" para favorecer a difusión e a cultura galega, polo que propón destinar o 6% do orzamento anual da CRTVG a impulsar a creación audiovisual galega e en galego, especialmente o cinema.
A candidata do BNG lembrou que nun mundo globalizado ter unha lingua propia é "unha enorme oportunidade", un valor engadido para a poboación galega e para achegar aos demais pobos e culturas do mundo. "Porque o galego –engadiu– universalízanos e colócanos no mundo con personalidade propia".
Encontro con xente moza
"Non vale quedarse na casa, nin vale de nada queixarse. O que vale é usar o poder do voso voto para expresarse, para rebelarse, para pelexar e defender un futuro mellor", advertiu Pontón á mocidade que acudiu ao encontro deste sábado organizado por Galiza Nova en Santiago no que tamén participaron o candidato por Lugo Daniel Castro e as candidatas Alba López, pola Coruña, e Marta Gómez, por Pontevedra.
"O que vale é usar o poder do voso voto para expresarse, para rebelarse, para pelexar e defender un futuro mellor"
A candidata apelou á "mocidade inconformista que quere algo máis que a Galiza gris que nos deixan 15 anos do PP". "O que está en xogo é seguir co de sempre –dixo–, catro anos máis de PP con Rueda como presidente, o mesmo que fixo que 200.000 mozos e mozas tiveran que marchar porque o único que vos ofrecía era paro ou precariedade, ou un goberno cunha presidenta do BNG preparada para poñer en marcha unha Galiza en grande".
"Ímonos deixar a pel para que este sexa un país onde non haxa que emigrar, un país ao que a xente que tivo que marchar poida volver porque aquí tamén ten oportunidades", incidiu Pontón, que pechou a xornada do sábado cun mitin en Tomiño.