Adeus definitivo ao 5A sen nova data á vista por mor do coronavirus. A segunda videoconferencia en vinte e catro horas entre os líderes das principais forzas políticas galegas serviu para constatar o xa avanzado na primeira, o adiamento das eleccións ao Parlamento ante a imposibilidade de celebralas en plena pandemia, e tamén para concretar o vehículo xurídico para facelo. Ambos elementos contaron cun notable consenso entre o partido do Goberno, o PP, e as restantes forzas representadas: PSdeG, BNG, Galicia en Común e Ciudadanos.
Tras constataren o acordo total en adiar as eleccións por mor do virus, as forzas políticas abordaron o mecanismo xurídico para facelo; este mércores a Xunta "deixa sen efecto" a convocatoria do 5A e tras a crise sanitaria iniciarase un novo proceso electoral
O Consello da Xunta reunirase este mércores en sesión extraordinaria para, apenas un día antes do que ía ser o inicio da campaña electoral, aprobar un decreto que "deixe sen efecto" as que ían ser eleccións anticipadas. Botando man do informe xurídico utilizado polo Goberno vasco para o seu adiamento e tamén das indicacións da asesoría xurídica da Xunta, non se conservará ningún trámite dos xa realizados -para evitar disfuncións como, por exemplo, que persoas que cumpran os 18 anos nos vindeiros meses non teñan dereito ao voto nos novos comicios-. A futura convocatoria, cando se produza, realizarase dende cero e dependerá, en última instancia, do criterio do propio Goberno.
Na súa posterior rolda de prensa -como a de todos os líderes, a través de internet para evitar desprazamentos á prensa e con posibilidade de preguntas pola mesma vía-, Alberto Núñez Feijóo reduciu a cuestión das eleccións a un "tema pendente" e deu en pedir "solemnemente perdón" á poboación por abordalo na súa intervención. Porque, considera, "non estarán preocupados polas eleccións" que "para o Goberno de Galicia están desconvocadas dende hai moito tempo".
A principal diferenza é a necesidade formal de que sexan "ouvidos os partidos" antes dunha decisión que dependerá de Feijóo
Sobre a futura data, a "previsión" coa que traballa o Goberno é que o proceso electoral se "active unha vez levantada a declaración de alarma" por parte do Estado e a emerxencia sanitaria decretada pola propia Xunta. En calquera caso, o futuro decreto de convocatoria non levará máis "referencias temporais" que unha mención ao "prazo máis breve posible".
A efectos prácticos, a única diferenza cunha convocatoria habitual é que figurará nel a necesidade de que sexan "ouvidos os partidos políticos". O propio Feijóo admite, non obstante, que non será imprescindible un "consenso" total, porque nin sequera está claro "que se entende por todos". Este mesmo martes foi remitido á Xunta Electoral de Galicia antes da súa aprobación definitiva. Xunto a el, sinalan fontes do Goberno, tamén foron enviadas achegas dalgúns dos partidos.
Pola banda da actual oposición, todas as forzas sen excepción coincide en que a actual "prioridade" é "a loita contra o coronavirus. Tamén, agregou posteriormente o secretario xeral e candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, "as medidas económicas que palíen" as consecuencias da pandemia. Alén disto, afirma, nas filas socialistas non existe "ningunha présa" a respecto das eleccións, entre outras cousas porque os "prazos" da alerta sanitaria "son impredicibles". Neste sentido, reitera, o PSdeG non vería problemas en que finalmente haxa "que ir ao final da lexislatura", que remata a finais de setembro.
PSdeG, BNG e Galicia en Común apostan polo "consenso" para a nova convocatoria tras un transo institucional inédito, co Goberno en plenas funcións pero co Parlamento disolto e minguado nas súas funcións de control
Tamén Ana Pontón saúda o consenso que presidiu o adiamento e en que a "prioridade total" e abordar a crise sanitaria. Non obstante, cre especialmente relevante que exista un "criterio claro" sobre "como se debe retomar o proceso electoral. Pola banda de Galicia en Común o seu candidato, Antón Gómez Reino -que este martes confirmaba o seu positivo por coronavirus e está a gardar corentena-, sinala que nestas semanas "todos os recursos" deben ir "á loita contra o coronavirus" e, tras a "boa nova" do acordo para o aprazamento, "ten que haber consenso do conxunto das forzas políticas representativas do país para buscar a mellor data" da nova convocatoria.
Deste xeito, este 18 de marzo pecha definitivamente o período electoral máis anómalo da historia da autonomía, o que comezou a principios de febreiro cando Feijóo secundou o adianto electoral que decidira o lehendakari vasco. Ábrese agora un transo institucional aínda máis anómalo no que as forzas da actual oposición cren especialmente relevante que a Deputación Permanente do Parlamento, órgano que substitúe o pleno en períodos inhábiles, poida ter competencias reforzadas de control sobre o Goberno do PP. Non en van, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo está en plenas funcións, pero o Parlamento está disolto e sen posibilidade de, por exemplo, formular preguntas ordinarias ao Executivo sobre a súa xestión do coronavirus.