Malia ao baixo perfil político que a Xunta optou por darlle o novo punto de encontro institucional das nacións celtas vén de nacer e faino tamén con presenza galega
Malia ao baixo perfil político que a Xunta optou por darlle o novo punto de encontro institucional das nacións celtas vén de nacer e faino tamén con presenza galega. O I Foro Celta, reunido na cidade bretoa de Rennes, vén de xuntar a representantes dos gobernos da Bretaña, Cornualles, Escocia, Gales, Irlanda, Asturias e o propio Goberno galego co obxectivo de "profundar na cooperación" e facer ver a súa importancia histórica, segundo indica a declaración inaugural do encontro.
Ao contrario do decidido polos executivos galés e escocés, que enviaron respectivamente ao Foro ao seu primeiro ministro, Mark Drakeford, e á súa viceprimeira ministra, Shona Robinson, a Xunta optou por rebaixar o rango institucional da súa representación. Non acudiu o presidente Rueda nin tampouco o vicepresidente primeiro, Diego Calvo, nin a vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez, senón unicamente o director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, que adoita ser enviado a eventos deste tipo.

O propio Alfonso Rueda defendía este pasado xoves, a preguntas dos xornalistas, o rango institucional outorgado pola Xunta a un foro que, segundo informa a propia Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, debateu en tres meas redondas sobre "a importancia de reforzar as relacións entre os países celtas" e a "coordinación" en ámbitos como as enerxías renovables, a cultura e as ligazóns entre cadansúas mocidades com "eixos vertebradores para a superación de barreiras".
A Declaración de Rennes fixa como prioridades para a cooperación áreas como as actividades marítimas, as enerxías renovables, educación, protección do patrimonio, normalización lingüística ou mobilidade xuvenil
Neste sentido, entre as propostas valoradas figura a posibilidade de "desenvolver programas específicos similares ao Erasmus", un intercambio universitario que permitiría incluír os territorios "que xa non forman parte da Unión Europea", isto é, tanto a Escocia como a Cornualles e Gales, fóra da UE dende o Brexit. A Xunta, non obstante, puxo o foco en maior medida en "manter unha cooperación cultural estable" e "incidiu na experiencia das peregrinacións xacobes en Galicia como base para desenvolver iniciativas nest aliña".
Alén desta cuestións, os gobernos participantes no primeiro Foro Celta sinalan varias áreas concretas como prioridades para cooperaren. Estas son, segundo a Declaración de Rennes, as actividades marítimas, a educación, compartir modelos de boas prácticas na protección do patrimonio, enerxías renovables, relacións culturais e artes, normalización das linguas propias, relacións con cadanseus colectivos emigrantes e mais innovación e desenvolvemento.

"A cooperación intercéltica pode converterse nunha forza motriz para o desenvolvemento sustentable, a prosperidade e o benestar das nosas cidadanías", conclúe a declaración. Segundo Gamallo, que tamén asinou un protocolo de intencións coa Bretaña para "identificar ámbitos de colaboración en materia cultural, educativa e económica", a "cooperación entre os pobos celtas" é "un dos moitos brazos de Galicia no exterior, como a emigración en Latinoamérica e Europa ou as relacións coa lusofonía".