A Operación Centinela Galego comeza este ano o 10 de agosto, fronte ao 15 de agosto do ano pasado, cinco días nos que comezaron incendios que acabarían queimando 82.000 hectáreas
Os gobernos de España e Galicia presentaron este xoves unha nova edición da denominada Operación Centinela Galego, as patrullas militares que recorren os montes galegos como medida disuasoria de incendiarios e de alerta temperá de novos focos.
Este ano esas patrullas do Exército comezarán o 10 de agosto, cinco días antes que o ano pasado, período no que en 2025 comezaron 142 incendios, entre eles os maiores da historia de Galicia, que acabarían queimando 82.000 hectáreas.
A Operación Centinela contará este ano, como os anteriores, con arredor dun cento de militares repartidos en 35 patrullas que se despregarán en 39 concellos das catro provincias pero con atención especial á de Ourense. O dispositivo é froito dun convenio entre Xunta e Estado no que o Goberno galego porá este ano 594.000 euros, logos dos 552.000 euros de 2025 e os 470.000 euros de 2024.
O adianto deste ano atribuíuse ao eclipse de sol do día 12 e o maior número de persoas que se achegarán eses días aos montes
Segundo se indicou na presentación este xoves da nova Operación Centinela, o adianto de cinco días deste ano, do 15 ao 10 de agosto, é debido ao eclipse total de sol previsto para o 12 de agosto e o maior número de persoas que se achegarán neses días aos montes galegos.
Segundo os datos oficiais da Xunta logrados e desvelados por Praza.gal, o pasado verán só entre o 1 e o 9 de agosto declaráronse 245 incendios que acabaron queimando 10.000 hectáreas. Foi xusto entre o 10 e o 15 de agosto, cando comezaron en 2025 as patrullas militares, cando se iniciaron os peores incendios da vaga e da historia de Galicia. Neses cinco días nos aínda non había militares nos montes comezaron 142 incendios que ao rematar o verán acabaron consumindo unhas 82.000 hectáreas.